As Panteiras rabuñan coa gadoupa e só Xulio Ponte salva a roupa.
Día grande para Cochiqueiros e para Xulio Ponte en Soandres. O Club Cochiqueiros da Billarda de Cerceda tomouse en serio aquel plan estratéxico que naceu en plena pandemia, “Proxecto Panteiras“. Todo se artellou sobre o alicerce dun poderoso músculo feminino que se propuxeron fortalecer. Así, As Panteiras comezaron a trotar na temporada da pandemia, 2020-21 coa adquisición das camisetas rosadas que son un emblema da Liga Atlántica de Billarda e cun escudo renovado cun fondo de estrela. A intención era desenvolver un plan quinquenal que rematará na temporada 2024-25, do cal sairá un equipo campión. Desde aquel momento, o equipo das Panteiras non para de medrar, tanto en número de xogadoras e xogadores como nos seus logros deportivos. E olliño que Leda está ás portas de debutar, de momento xa non chora cando ten que esperar que súa nai dea un golpe, nin que seu pai a colla en brazos, Grande Leda !
O equipo vicedecano do Noroeste (2010) pasou unha etapa escura na cal tocou fondo, último clasificado na temporada 2017-18 e coa ameaza da desaparición. Nas dúas seguintes temporadas tivo que pasar por unha UTE (Unión Temporal de Equipos) para sobrevivir. Nesa época de escuridade e desesperanza ata tivo que comerciar co seu nome “MAC” (Malpica-Cochiqueiros). Cantas noites de sábado, noites previas a unha xornada de liga, o Amado Líder Berdi e o seu secretario Viqueira recorreron os locais de ocio nocturno da Comarca en busca de xogadores para poder presentarse ao día seguinte nos campos de billarda. Cantas madrugadas ofrecendo copas gratis a quen fora xogar con eles ao día seguinte e despois, nada. As copas foran tomadas e ninguén aparecía no campo ás 11 da mañá. Cantas carreiras perdidas por chegar fóra de hora, penurias que agora están sendo sustituidas por abundancia e triunfos. Grandes Panteiras !
En fin, as Panteiras sitúanse a 1 punto de APB e a 11 do liderado que ocupa Campo da Feira. Veremos ata onde aguantan sen fraquear. Polo momento, os resultados están dando razón a quen a tiña. Si, as Panteiras apostaron por ese talento feminino non sen un forte debate interno e agora están no camiño que leva a conquistar o Noroeste. E por que non ir a polo Título da Liga Atlántica de Billarda? Se pode ser este ano, antes de cumprirse o quinquenio rosado, pois, tamén vale.
No aspecto Individual Absoluto, a final xuntou a 3 xogadores de Campo da Feira, Juan Carlos, Óscar Ponte e Xulio Ponte, a dous de Filloas, Miranda e Gándara, e a un de APB, Iván García. A vitoria foi para un esforzado das tabernas, un soldador de guante sen dedos, de manopla de seda, un admirador dos viñedos en flor, un elegante atleta de asador e garboso fan dos licores. Si, estamos falando de Xulio Ponte, a única Ponte de ferro que ten alma de madeira. Xulio de Campo da Feira de Paiosaco venceu en Soandres, seguido de Miranda de Filloas de Sangue e o terceiro posto foi para Óscar Ponte de Campo da Feira.
En Categoría Individual Feminina a ganadora foi Irene de Cochiqueiros, segunda quedou Delia de Río Miño e terceira Sonia das Panteiras de Cerceda.
En Categoría Infantil, de novo o Bárbaro Valentín de Filloas de Sangue da Coruña subiu ao máis alto do podio, seguido de Kevin Torres de APB e Leda de Cochiqueiros pescou o terceiro posto.
Na Categoría de Equipos as Panteiras de Cerceda arrasaron con todo e deixaron a Campo da Feira e a APB en segunda e terceira posición, respectivamente. Cuarto foi Filloas e quinto Río Miño. Foucellas conformouse co sexto posto. Campo da Feira segue defendendo a posición de líder, mentres APB non falla a pesar das dificultades para presentar a todos os seus xogadores. Desta vez, contaron co reforzo de Iván García e ben que o notou o equipo, fixo 23 ptos.
Agora Campo da Feira debe preocuparse tamén de Cochiqueiros, pois as Panteiras xa están ao axexo da segunda posición, a 1 ptos de APB e a 11 ptos do equipo de Paiosaco. Hai Liga ! APB continúa moi cerca do líder esperando esa xornada épica na que darlle caza ao liderado. Nunca se pode deixar de crer no actual campión Noroeste. “Xa se darán as condicións e estaremos aí”, afirman desde o club hemorráxico.
Filloas está nun momento excelente de forma, pena que teñan a baixa de longa duración de Josecho. Así, teñen que aguantar co seu sexteto de gala, Gándara, Miranda, Morís, Lois Fontán, Insua e Valentín e nalgunha xornada chegan os reforzos da familia Fontán. Nesta xornada destacaron en puntuación Gándara e Valen con 19 ptos e Miranda en canto a eficacia, xa que, a piques estivo de levar a vitoria na xornada facendo tan só 12 puntos na fase de grupos.
Foucellas chegou con 4 integrantes de luxo, Lito, Roberto, Alberte e Miguel. O seu obxectivo nesta xornada era marcar ben os campos e non se centraron tanto en conseguir puntos. Así, Alberte con 12 ptos e Lito con 11 ptos foron os máis destacados. Tanto Miguel como Roberto estiveron as portas do varal tantas veces que non se explican onde se orixina esa electricidade visceral e cerval que recorre o corpo cando percibe a cercanía desas varas verticais infinitas.
Río Miño presentou un cuarteto de garantías e non estivo lonxe do podio da xornada. Bonxe con 22 ptos, Pepe Outeiro con 20 Ptos, Delia con 9 ptos e Pili con 5 ptos deron espectáculo e luciron a canariña sen tregua.
ACTAS
FOTOS
Foron homenaxeados e obsequiados cun recordo pola Federación Galega de Deporte Autóctono Billarda polas súas 100 xornadas de liga Noroeste, Juan Carlos e Eladio de Campo da Feira.