Gándara gana a ritmo de varado e Cochiqueiros achégase ao liderado
O Concello de Culleredo acolleu a novena xornada da Liga Atlántica de Billarda, Noroeste. A pista cuberta de Laxe, Vilaboa foi o refuxio das billardas ante as inclemencias meteorolóxicas en forma de choiva. Ben, o escenario estaba magnífico e mellorou conforme a maña e o sol abriron os seus brazos. Varias institucións públicas e privadas colaboraron na organización desta xornada. A Deputación da Coruña e os Concellos da Coruña e de Culleredo, así mesmo, Alcampo Coruña. Grazas a todas por axudar a que a billarda se fortaleza.
Os equipos chegaban coa ilusión renovada e o novo ano case sempre axuda a esta renovación. Así, Campo da Feira semellaba moi confiado nas súas estrelas Ponte, Abel e Óscar. Ademais, nesta xornada contaron con Charli, Juan Carlos, Eladio, Xulio, Fuentes, Mercedes, Edu e Enrique. Todo indicaba que este campo de cemento non produciría moitas distancias nas puntuacións e así foi. 13 ptos de distancia entre o primeiro equipo clasificado na xornada e o cuarto. O que si foi algo inesperada foi a vitoria do equipo de Cerceda.
Cochiqueiros ganou a súa segunda xornada consecutiva con 85 ptos, un máis que APB. Analizando os últimos resultados, pódese considerar que a renda de puntos que tiña FEI está rematando e nas últimas 3 xornadas disputadas o equipo máis en forma é o equipo das Panteiras de Cerceda. Nestas últimas 3 xornadas o equipo rosado sumou 248 ptos, polos 243 de APB e polos 220 de FEI. A tendencia é clara e a día de hoxe as distancias na táboa clasificatoria indican que, esgotada media temporada, Cochiqueiros pode e debe ser alternativa aos dous grandes equipos Noroeste.
Filloas de Sangue mantivo o pulso e segue na cuarta posición esperando a súa oportunidade para acercarse ao podio. Ademais, o equipo da Coruña venceu en dúas das categorías individuais, Absoluta con Gándara e Infantil con Valentín.
Río Miño tivo unha moi boa actuación con 4 competidores, Pepe Outeiro 22 ptos, Bonxe 18 ptos, Pili 11 ptos e Delia 11 ptos. Pili subiu ao terceiro posto do podio Feminino.
APB continúa coa súa escalada particular en busca do cumio da clasificación. Son 9 os ptos que o separan do líder FEI. Nas últimas 5 xornadas o equipo hemorráxico estivo por diante de FEI na puntuación de cada xornada, acontecemento que fai pensar nunha lenta e segura remontada. O actual campión Noroeste foi solucionando aquela distancia silderal despois da cuarta xornada de 37 ptos a favor de Campo da Feira, a paso de boi, amodiño ou lentamente. O lema ou pensamento que serve de guía ao equipo paiosaqués esta sendo usado con dilixencia e mestría, e o vagar co que realiza esta aproximación ao liderado é virtude.
Foucellas competiu con só 2 xogadores, Lito e Miguel, cousa que notou na puntuación a pesar da grande actuación de Lito con 23 ptos.
A xornada ganouna Gándara de Filloas de Sangue da Coruña, segundo foi Óscar Ponte de Campo da Feira de Paiosaco e terceiro Xulio do mesmo equipo. En Feminina a vitoria foi para Merche de APB A Laracha, segunda foi Irene de Cochiqueiros de Cerceda e terceira Pili de Río Miño de Castro de Rei. En Infantil venceu Valentín de Filloas de Sangue, segundo foi Kevin de APB e terceiro Aleixo de Cochiqueiros. En Equipos ganou Cochiqueiros, segundo foi APB e terceiro Campo da Feira.
Gándara estivo impecable e recuperou o seu infalible golpe. A Patrulla X da Coruña recuperou ao Profesor Gándara, que perdera o seu superpoder da telepatía e non o daba encontrado e iso que buscou ben debaixo do colchón e detrás do roupeiro. En fin, non deu opcións e na carreira de semifinais fixo varado e na final fixo varado. Quen supera iso ou polo menos o iguala? Ninguén o fixo.
Non se pode dicir de momento que hai crise na escuadra de Paiosaco, aínda que sabemos que houbo unha reunión ata altas horas da madrugada na sede de Campo da Feira. “A ausencia de Moñas non pode afectar tanto ao equipo“, afirmaba Fuentes. “Temos que interpretar mellor as condicións do terreo. O que non pode ser é que usemos billardas de mollado en campos secos“, dixo o Gavilán de Paiosaco bastante anoxadizo coa actitude dalgún compañeiro de equipo que presume de ter moitas billardas e ningunha feita por el.
Nas categorías individuais, as cousas mantéñense con Valentín ao fronte da Infantil cunha vantaxe comoda, demasiado cómoda, tan cómoda que en breve xa terá o título asegurado. En Feminina, os feitos indican fortaleza de Merche que culminou a remontada e xa se sitúa no liderado por diante de Mercedes. Delia tamén se mete na lea polo título. En Absoluta, Xan mantén unha distancia moderada sobre Abel P. de 14 ptos e sobre Collazo de 16 ptos. Lito, Riveiro, Roi e David perseguen as prazas de podio. Teñen a terceira praza a 4, 5, 8 e 13 ptos respectivamente. E non teñen descartado acercarse ao liderado.