Gharaboto gana en Meaño e Luís Camiña dixo: “esta é a miña”
A tarde do sábado foi soleada en Meaño e a herba sintética de última xeración da Toxa púxose moi contenta. De contenta que estaba nin se queixou dos golpes de billarda que recibiu. Golpes de todas as condicións e tamaños. Sobre todo, salientar os golpes estéticos, panorámicos, telúricos e máxicos de xénero feminino. O gran momento de forma das mulleres que xogan billarda está demostrado e comprobado cada xornada. Para mostra o impresionante audiovisual de debaixo.
O terreo auguraba puntuacións elevadas e finalmente foi así, xa que o 55% d@s xogador@s chegaron aos dobres díxitos. Ademais, 3 xogadores estiveron na vintena de ptos, Hugo e Xan 22 ptos, Piru 20 ptos, e outros dous xogadores en 19 ptos, Juanchi e Ricar. En Feminina, a máxima puntuación foi a de Antía, Ainhoa e Bego con 14 ptos, despois quedaron Elena e Lu con 12 ptos. En Infantil, o Raio Verde con 17 ptos foi a maior puntuación, seguido de Antía 14 ptos e Sofía 8 ptos. Houbo un único varado en toda a tarde, o de Juanchi.
En Equipos, Gharaboto ganou con 77 ptos, seguido de Lúa con 72, Corredoiras 62 ptos, Valpaços 52 ptos, Armadiña 47 ptos e Rinoceronte 30 ptos. En Equipos F, tamén ganou Gharaboto F con 46 ptos, despois quedaron Valpaços F con 39, Lúa F con 27 ptos, Corredoiras F 23 ptos, Armadiña F 21 ptos e Rinoceronte F con 7 ptos.
Ben, deixando as puntuacións de lado, o camiño cara ao podio da xornada é outra cousa diferente, sempre complicada e condicionada por multitude de factores, …que se o tamaño da herba, que se o sol que dá nos ollos, que se o frío que paraliza os dedos, que se a billarda non saltou, a condenada, que se en vez de ir por fóra do varal fora por dentro outra cousa sería, que se as fibras nerviosas. En fin, “a billarda é así”, “non hai distancia pequena”, “si, pero hai que metela”, “hoxe no teño o día”, “Ai, se tomara o sintrom antes de vir”.
As eliminatorias de semifinais deixaron unha final con Antía, Beni, Juanchi, Álvaro, Luís Camiña e Xan. Despois dunha final na que Beni e Luís Camiña entraron en dous golpes e Antía, Juanchi e Xan en 3 golpes, houbo que recurrir ao golpe de desempate para o primeiro e segundo posto entre Luís Camiña e Beni, e tamén un golpe de desempate para resolver quen subiría ao terceiro chanzo do podio da xornada. Finalmente, como estaba escrito e redactado, no camiño cara ao podio, o mellor foi Luís Camiña. Un golpe de desempate demoledor que deixou a billarda cerca da entrada do varal deixou a Beni con poucas opcións. Juanchi acadaou o terceiro posto cun magnífico golpe que tamén deixou a billarda perto da entrada do varal.
Resumindo, ganou a xornada Luís Camiña de Gharaboto de Marín, segundo foi Beni de Corredoiras de Bueu e terceiro Juanchi de Lúa de Forza Sanxenxo. En categoría F, ganou Antía de Gharaboto por diante de Ainhoa de Armadiña de Combarro e terceira foi Bego de Corredoiras Bueu. En categoría Infantil, primeiro foi Xián de Lúa, segunda Sofía de Gharaboto e terceiro Mateo de Armadiña. En equipos, venceu Gharaboto, segundo foi Lúa e terceiro Corredoiras. En equipos F, ganou Gharaboto, segundo foi Valpaços Terra Quente de Vigo e terceiro Lúa. O concello de Meaño colaborou un ano máis, e xa van 5, na organización desta xornada da Liga Atlántica de Billarda cedendo as magníficas intalacións do Campo de fútbol da Toxa, así como os trofeos para os podios. Asistiu á entrega de premios a concelleira de Deportes, Raquel Balboa. Para o ano volverase a xogar en Meaño.
Gharaboto foi o gran triunfador da xornada vencendo en categoría Individual Absoluta con Luís Camiña, en Equipos A e en Equipos F, amais de afianzar o seu liderado nas dúas categorías de Equipos. Agora, supera en 9 ptos a Lúa e en 31 ptos a Corredoiras o equipo favorito para revalidar o título e que se encontra nunha situación clasificatoria complicada. Veremos se coa chegada de 2024 o supercampión de Bueu é quen de remontar. Lúa manten unha distancia prudencial, mais o equipo de Marín parece que consolida as boas sensacións de principio de temporada e o bo momento de Piru, Álvaro e Hugo está moi ben acompañado do sempre regular e seguro Ricardo Lois e as aparicións puntuais e deslumbrantes de L. Camiña. E por se fora pouco ese quinteto está a familia González e Puente que en momentos de debilidade do quinteto achegan os seus ptos. Estamos falando da saga da Torre, Antía, Luís Gon e Elena.
Nas Clasificacións Individuais, en Absoluta, Xan distancia a Xián en 5 ptos, a Piru en 10 ptos e a Álvaro en 13 ptos. Os demais xa están lonxe, a 29 ptos Ricardo Lois, a 30 ptos Bego a 33 ptos Albino Veiga e a 36 ptos Hugo. En Individual F, Bego supera en 10 ptos a Lu e en 23 a Tania. Xián segue aumentando a súa vantaxe ao fronte da Infantil, agora son 53 ptos sobre Antía.
VINDEIRA XORNADA
20 XANEIRO 2024
CANGAS