Mércores, Decembro 11, 2024
ActualidadeXornada

COCHIQUEIROS atravesa primeiro o varal, antes do tempo de Nadal.

Soandres estaba xeado e as billardas non querían saír das bolsas. As mans tampouco tiñan a temperatura axeitada para mover as articulacións interfalánxicas con normalidade. Os guantes poderían axudar a ganar mobilidade ou iso pensaban as xogadoras de Cochiqueiros. A realidade demostrou o frío non simpatiza co ser humano. Desta maneira, a primeira carreira non foi xenerosa coas puntuacións e máis da metade dos participantes non entrou no varal. Despois, co avance do astro solar as cousas e os golpes foron mellorando. Así e todo, só dous xogadores chegaron á vintena de puntos. Viqueira con 24 ptos e Lito con 21 ptos, foron os xogadores con máis puntos da xornada. David e Xan con 19 ptos estiveron cerca das dúas decenas. Riveiro, Miranda e Abel Ponte conseguiron 18 ptos.

En Feminina, Lu e Merche con 9 ptos obtiveron a maior puntuación, seguidas por Delia con 8 ptos. En Infantil, Valentín con 9 ptos foi a puntuación máis alta. En equipos, Cochiqueiros fixo 72 ptos, por diante de APB con 68 ptos, terceiro foi Campo da Feira con 61 ptos, cuarto Filloas con 54 ptos, quinto Lúa con 39, sexto Foucellas con 35 ptos e sétimo Río Miño con 25 ptos

E como case sempre, nas semifinais houbo de todo. Houbo xogadores que pasaron de grupo con facilidade e con moitos ptos e que quedaron eliminados contra xogadores que pasaron dificultades na fase de grupos e conseguiran poucos ptos. Tamén, houbo casos de xogadores que tiveron boa actuación nos grupos e que conseguiron chegar á final.

A final disputárona, 2 xogadores de Lúa, Xan e Juanchi, 2 xogadores de Cochiqueiros, David e Berdi e 2 xogadores de Campo da Feira, Enrique e Juan Carlos. Ao final e na final o podio vestiuse de verde Lúa. Ganou a xornada Xan de Lúa de Forza Sanxenxo, segundo foi Juanchi do mesmo equipo e terceiro Juan Carlos de Campo da Feira. En categoría Feminina venceu Lu de Lúa, segunda foi Merche de APB A Laracha e terceira Delia de Río Miño de Castro de Rei. En Infantil ganou Valentín de Filloas de Sangue da Coruña, segundo foi Aleixo de Cochiqueiros de Cerceda e terceiro Kevin de APB.  En equipos victoria sorprendente de Cochiqueiros

O salientable da xornada foi a sorprendente vitoria de Cochiqueiros, aínda que, a tendencia do equipo das panteiras xa era claramente á alza. Na xornada anterior estivera perto da vitoria o equipo de Cerceda, pois empatara a ptos con APB.  Desta vez, e sen contar cunha grande actuación do seu xogador franquía, Abel Regueiro que con 13 ptos non sumou para o equipo. Tampouco Berdi estivo en condicións de achegar ptos para o equipo, incluso non disputou a primeira carreira. Hai que entender que estas dúas panteiras tiveron unha reunión ata altas horas da madrugada para cerrar o exercicio fiscal do 2023 e planificar o mercado de fichaxes de xaneiro do 2024. Seica non daban as sumas do Haber e do Deber e faltaban facturas e sobraban sobres e non cadraban os pagos cos gastos. En fin, cando se deron conta xa as galiñas estaban tecleando no piano do millo. As súas caras e ollos eran un… vaia, hai defuntos con mellor aspecto en moitos camposantos. Desta vez o que estivo intratable foi Viqueira, quen con 24 ptos liderou as panteiras seguido de David con 19 ptos. Marco con 15 ptos e Angel con 14 ptos actuaron de secundarios de luxo.

APB recortou 7 ptos sobre Campo da Feira, a pesar da ausencia de varios xogadores. Salvou a xornada a presenza do ReTornado Añón, 16 ptos, quen complementou a magnífica actuación de Riveiro con 18 ptos e de Roi e Collazo con 17 ptos. Agora a distancia é de 19 ptos a favor do equipo de Paiosaco. Cochiqueiros acercouse a 10 ptos desa segunda posición de APB. Filloas é cuarto e Foucellas quinto. Pensamos que o podio está definido, mais as posicións definitivas aínda non teñen propietario. Certo que o equipo da Feira ten un colchón moi importante, non obstante, a tendencia das últimas 4 xornadas é a favor de APB e non se debe descartar de momento a Cochiqueiros. As panteiras son capaces do mellor e do menos mellor.

En Individual Absoluta, Xan mantense líder con 16 ptos máis que Abel Ponte e 18 máis que Collazo e que Roi. Por detrás con opcións de achegarse ao podio, Lito, Eladio, Riveiro, Abel Regueiro, Óscar Ponte e David. En Individual Feminina, Delia e Merche acércanse ao primeiro posto que ocupa Mercedes. Sonia que se acercaba ao podio como unha lancha a remos perdeu algo de distancia. En Individual Infantil, Valentín non ten rival e continúa o seu camiño cara ao un novo Título.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *