Venres, Setembro 20, 2024
Xornada

APB gana en Carballo, mentres Eladio e Mercedes brillaron coma un raio

De novo un xogador de Campo da Feira inscribe o seu nome como ganador da xornada de Carballo. Esta vez foi Eladio Varela, quen tamén acadou a súa primeira vitoria nunha xornada Noroeste. O patriarca dos Varela (1949) volveu demostrar que para xogar billarda a idade é un fantástico factor de propulsión para a madeira. Ladito, cos seus característicos zapatos deportivos híbridos cor cortiza de carballo non defraudou e con 20 ptos presentouse na Final despois de deixar no camiño a Viqueira, Ricardo e David. Na Final entrou en 2 golpes e só Roi foi quen de igualalo para forzar un golpe de desempate no cal Eladio foi preciso como bisturí de cirurxía e situou a billarda a escasos centímetros da liña de varal sen saír dos límites do campo. Roi non puido responder a golpe tan xusto… e necesario.

Salientar ao mesmo tempo, a vitoria incontestable en Categoría Feminina de Mercedes Veiga (1947) de Campo da Feira. A Madriña acadou 22 ptos para ganar Categoría F  e acadar unha das puntuacións máis elevadas da xornada, só superada polos 24 de Ricardo Torres e os 23 de Roi, Viqueira, Berdi, Manu Pozo e Abel Regueiro. Con esta puntuación, Mercedes sitúase como líder da Categoría F e sácalle unha distancia de 7 ptos a Delia e de 9 ptos sobre Merche.

Antes de comezar a xornada fíxoselle un merecido recoñecemento a 3 xogadores que xa superaron as 100 xornadas de billarda. Julio R. Vilas, Eduardo G. Santiago e Óscar Ponte recibiron un agasallo conmemorativo de mans do vicepresidente da F.G. de Deporte Autóctono, Modalidade Billarda, Luis Fontán Mazás.

Na Categoría Infantil, nesta sétima xornada por fin Valentín é derrotado e tivo que ser cun varado. Quedaron empatados a 20 ptos, Valentín e Kevin Torres e no golpe de desempate Kevon tivo que facer un varado para vencer ao zurdo de ouro de Filloas. A deportividade do supercampión quedou demostrada na imaxe de abaixo. Valentín felicitou a Kevin pola súa vitoria aixando a cabeza en sinal de recoñecemento.

O pavillón do CEIP Xesús San Luís Romero ten unha decoración de paredes excepcional con imaxes de xogos tradicionais que forman parte do patrimonio lúdico galego e coa imaxe icónica da grandiosa escritoria de Padrón.

Ganou a xornada Eladio de Campo da Feira de Paiosaco, segundo foi Roi de APB A Laracha e terceiro Alberte de Cochiqueiros de Cerceda. En Categoría feminina a vitoria foi para Mercedes de Campo da Feira, segunda quedou Sonia de Cochiqueiros e terceira Delia de Billarda Río Miño de Castro de Rei. En Categoría Infantil venceu Kevin Torres de APB, segundo foi Valentín de Filloas da Coruña e terceiro Kevin Blanco de APB. En Categoría de Equipos ganou APB, segundo foi Cochiqueiros e terceiro Campo da Feira.

A nova vitoria de APB foi outro paso máis na persecución do liderado. A recuperación do actual Campión Noroeste é patente e constante, unha realidade tanxible que puxo en alerta a Campo da Feira. Terceira vitoria consecutiva que marca unha tendencia. En cuestión de clasificación, a distancia que ten o equipo de Paiosaco sobre o da Laracha aínda é moi grande, 26 ptos. Por detrás Cochiqueiros segue a 14 ptos de APB na terceira posición. As panteiras de Cerceda tiveron na súa man a vitoria na xornada de Carballo. Necesitaban que algún dos seus xogadores na final, Abel Regueiro ou Alberte ganaran e non foi así, polo tanto, cos mesmo puntos os dous equipos, a vitoria foi para APB. Non obstante, o equipo rosado continúa a unha distancia asumible para en calquera momento botar as gadoupas sobre o segundo posto.  Filloas de Sangue queda a 20 ptos de Cochiqueiros e mantén as opcións de podio. Foucellas tivo unha xornada complicada debido á ausencia de varios xogadores.

Nas Clasificacións individuais, os puntos acadados deron un chimpo á clasificación Feminina. Agora, Mercedes é primeira seguida de Delia a 7 ptos e de Merche a 9 ptos. Por detrás, acércanse silandeiras as panteiras. Sonia xa está a 3 ptos da terceira posición, Chus a 6 ptos e Silvia a 11 ptos desa última praza de podio.

Na Individual Absoluta, Xan aumentou a distancia a 15 ptos sobre a segunda posición. Por detrás, todos se comprimiu ata o punto de que 4 xogadores están en 2 ptos. Abel Ponte 133, Collazo e Roi 132. Óscar e Abel Regueiro 127 ptos respiran cerca do podio. Riveiro e Lito 123 están a 10 ptos da segunda posición e Valentín con 119 cerra as dez primeiras posicións.

PRÓXIMA XORNADA

CAMBRE

17 DECEMBRO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *