CARBALLO, domingo 3 decembro, 7ª xornada LAB Noroeste
Carballo acollerá o vindeiro domingo 3 de decembro unha xornada da Liga Atlántica de Billarda Noroeste por sétima temporada. Todo parece indicar que se poderá xogar en exterior e será no Campo do Chorís. Dos resultados de anos anteriores, podemos afirmar que O Chorís é territorio Campo da Feira. O equipo de Paiosaco venceu en Categoría de Equipos nas últimas 4 temporadas e na Categoría Individual un dos seus xogadores, Óscar Ponte, repetiu triunfo nas temporadas 2017-18 e 2018-19 e outro, Juan Carlos, venceu na 2019-20. Luís Camiña de Gharaboto de Marín ganou na primeira xornada na temporada 2014-15. Manu Pozo de Billardeiros Musicais de Ribadeo venceu na segunda temporada que se xogou en Carballo (2015-16) e José Manuel de Rinoceronte de Compostela na última temporada 2022-23.
Ademais, nesta xornada farase entrega do recoñecemento a 3 xogadores que chegaron ás 100 xornadas de liga disputadas. Son Julio Rey Vilas, Eduardo García Santiago e Óscar Ponte Tato. Este último xogador debutou precisamente o 17 de abril de 2016 en Carballo, ou sexa, xogou a súa primeira xornada de Billarda. Lembremos que Óscar é o único xogador que repetiu vitoria en Carballo, algo haberá de especial para el neste terreo de xogo.