Campo da Estacada de Bueu. Corredoiras, o triunfo foi teu.
A Estacada estaba impecable para a práctica da billarda. Incluso podería dicirse que as fochancas doutras veces desapareceran. Algunha persoa afirmaba que a delicada situación clasificatoria do equipo de Bueu (terceira posición) non deixaba oportunidade á improvisación e necesitaban un terreo sen sorpresas en forma de buracos, pedregullos e vexetación ventureira como noutras ocasións. Desta vez, Corredoiras presentou o equipo completo e o preparouse durante a semana a conciencia e en conciencia. Xogábase moito o actual campión de todo. Para empezar, un campo en condicións óptimas. Iso si, algunha que outra seta sufriu a embestida da ansia rozadora de Corredoiras. Ou sería unha artimaña alucinóxena?
Tanto foi así, que Corredoiras venceu con 74 ptos, deixando a Lúa en segunda posicións con 69 ptos e a Gharaboto terceiro coa mesma puntuación de 69 ptos. Fari saltaba de alegría e non paraba de hidratarse con zume de lúpulo. Afirmaba que o adestramento do día previo con máquinas de desbravar fora a clave do bo rendemento do equipo. “Eu a partir de agora vou propoñerlle ao equipo adestrar sempre coa máquina de rozar 2 veces por semana. Fortalece o antebrazo e ganan flexibilidade e resistencia os tendóns e ligamentos das articulacións do cóbado e do ombreiro”.
Non faltou detalle para deixar A Estacada como a ocasión merecía. Desta maneira, o Cuarteto da gadaña de Corredoiras pasou as rozadoras ata deixar a herba a 3 cm de altura. Magnífico traballo de campo de todo o equipo. Incluso Charri botou unha man ou dúas. Si, sacando fotos. Despois, había que medir e marcar os campos, cousa que fixeron coas últimas tecnoloxías de agrimensura, GPS e odómetro.
En fin, Corredoiras demostrou que o seu nivel organizativo é supremo. Iso si, os campos eran estreitos ata o mínimo permitido. Sería unha estratexia para sacar proveito ou simplemente que non chegou a gasolina para rozar máis campo? A incógnita quedará sen resolver, pois Fari non quixo responder, Malvido non sabía nada, Pena dixo que el era un mandado e Charri non apareceu polo campo ata que os seus compañeiros xa marcaran o campo. Cousas de ser o líder do equipo.
Na Categoría Individual Absoluta ganou Xan de Lúa de Forza Sanxenxo, segundo foi Outeiro de Corredoiras Bueu e terceira Bego do mesmo equipo. En Categoría Individual Feminina, foi primeira Ainhoa de Armadiña de Combarro, segunda Belmira de Valpaços Terra Quente de Vigo e terceira Tania do mesmo equipo. En Categoría Individual Intantil, venceu o Raio Xián de Lúa, segunda quedou Antía de Gharaboto de Marín e terceiro Aki de Rinoceronte de Pontevedra. En Equipos A Corredoiras ganou a xornada, segundo foi Lúa e terceiro Gharaboto. En Equipos F ganou Valpaços, segundo foi Gharaboto e terceiro Armadiña.
A final disputárona 3 xogadores de Lúa, Xan, Xián e Juanchi, dous de Corredoiras, Outeiro e Bego e un xogador de Gharaboto, Piru. Unha Final que se decidiu en dous golpes, os que necesitaron Xan e Outeiro para entrar. Despois, en 3 golpes entrou Bego para conseguir o terceiro posto. A vitoria decidiuse no golpe de desempate.
Unha representación do Noroeste achegouse ata Bueu. Do club Cochiqueiros da Billarda de Cerceda, Berdi con 20 ptos e de APB A Laracha, Collazo con 19 ptos, foron os máis destacados, xa que, estiveron entre as 7 mellores puntuacións da xornada. Non puideron pasar o cruce eliminatorio e acceder á final. O mesmo lle pasou a Abel Regueiro que pasou de grupo con 14 ptos e tivo o mesmo cruce que Berdi, quedando os dous eliminados por Bego. Tamén, boa actuación para Silvia 8 ptos e Chus 7 ptos. En fin, xa sería demasiado que na súa segunda visita ás Rías Baixas volveran ganar a xornada en Categoría Individual. Faltoulles Viqueira!
Despois de 2 xornadas xogadas en pavillón con puntuacións elevadas, a xornada de Bueu en campo de herba moderou bastante a entrada no varal. Así, Charri obtivo a maior puntuación da xornada con 22 ptos e só outros 3 xogadores estiveron na vintena de puntos, Xan 20 ptos, Berdi 20 ptos e Álvaro 20 ptos. Na Categoría Feminina, Ainhoa ganadora absoluta da xornada anterior en pavillón, demostrou estar nun momento excepcional de forma e con 19 ptos foi a maior puntuación feminina, por diante de Lu, Belmira e Tania que obtiveron 14 ptos. Bego, Chefa e Antía quedaron con 12 ptos. Na Categoría Infantil o invencible Raio Verde Xián fixo 18 ptos. A segunda mellor puntuación foi para Antía con 12 ptos e a terceira para un sorprendente Aki con 11 ptos. Salientar que Mateo de Armadiña con 7 ptos tivo un debut estupendo e a canteira de Combarro continúa medrando. O equipo Armadiña centra a súa expansión deportiva nos colexios do concello, aos que está visitando para ensinar a nenas e nenos este deporte marabilloso da Billarda.
FOTOS
As Clasificacións Xerais en Categoría Individual Absoluta e Feminina mostran a igualdade na loita polo podio. Así, Xan recupera o liderado, mais empatado a puntos co fenómeno sobrenatural da billarda, o Raio Verde (11 anos). Os dous teñen 129 ptos, e a vitoria de Xan na xornada de onte dálle o liderado por ter maior número de vitorias en xornada de liga. Na terceira e cuarta posición empatan Álvaro e Piru. Os xogadores de Gharaboto están a tan só 8 ptos dos xogadores de Lúa. Despois, Bego a 22 ptos do líder e a 14 ptos do podio. Ricardo Lois, Álbino Veiga, Chicho, Lu e Fari cerran os 10 primeiros postos.
Categoría Individual Feminina Lu e Tania recortaron 2 ptos sobre a líder Bego. Agora, están a 8 ptos e 9 ptos de distancia, respectivamente. Belmira é cuarta e Mónica Padín quinta, Elena González, Antía, Lucía, Chefa e Marga cerran os 10 primeiros postos.
Nesta Categoría Feminina hai que destacar de novo a actuación de Ainhoa, quen despois da súa primeira vitoria na xornada pasada de Meis, en Bueu obtivo 19 ptos, ou sexa, unha das puntuacións máis elevada da xornada e vemos que mantén unha liña ascendente. Poderá chegar ao podio?
Na Categoría Individual Infantil o Raio Verde non dá tregua e distanciase máis e máis de Antía. Os dous prodixios das Rías Baixas, nena e neno que naceron nos mesmos anos nos que naceu a Conferencia, Antía no 2011 e Xián no 2012, van marcar o futuro deportivo a nivel galego deste deporte marabilloso.
Na Categoría de Equipos A, Corredoiras despertou e comeza a recortar terreo con Gharaboto e Lúa. De todos os xeitos, Gharaboto resiste firme e mantén o liderado con 4 ptos de diferenza sobre Lúa. Agora, o equipo de Bueu ponse a 12 ptos de Lúa. Valpaços continúa cuarto e Armadiña quinto. O equipo de Combarro vai ter que remar moito para achegarse ao equipo de Vigo. Rinoceronte continúa de cabeiro.
Na Categoría de Equipos F, Valpaços F ganou e achégase a Gharaboto F. 9 ptos son os que separan aos dous grandes equipos F das Rías Baixas e Galegos. A xornada anterior en pavillón supuxera a vitoria de Gharaboto con 17 ptos de vantaxe sobre o equipo de Vigo e semellaba que se podía marchar o equipo de Marín na clasificación. Quedou demostrado que as viguesas van loitar duro para demostrar o seu poderío. Armadiña parece ser a única alternativa a estas dúas grandes escuadras, aínda que está lonxe na xeral. Despois, loitan polo cuarto posto, Lúa e Corredoiras.
A PIRU…eta
PRÓXIMA XORNADA
16 DECEMBRO
MEAÑO