LÚA ganou en equipos e AINHOA acadou a súa primeira coroa
O Pavillón de Mosteiro foi remodelado e conta coas últimas innovacións en eficiencia enerxética, ademais dunha superficie renovada. Con este magnífico escenario para a quinta xornada da Liga Atlántica de Billarda Rías Baixas, as xogadoras foron chegando con ilusión e ledicia.
Comezou a competición ás 16 horas e a superficie brillaba como auga da Ría. As billardas navegaban sen rumbo fixo. Ás veces chegaban ao porto do varal e outras veces marchaban pola beira de estribor ou de babor. Ata 38 veces a billarda atravesou a liña do varal dun só golpe efectuado desde a liña de saída. Cousa que fala dunha superficie esvaradía ou escorregadiza en extremo sumo. Así, as puntuacións acadadas foron moi altas. 22 persoas conseguiron chegar ou superar a vintena de ptos, algo impensable cando se xoga en exterior. Unicamente dúas persoas non entraron en ningunha das 5 carreiras.
A imaxe d@s finalistas confirma que a billarda non é só para vellas e vellos. Dos seis finalistas, 5 deles son menores de 20 anos. Os máis novo naceron no 2011 e 2012 e os maiores no 2004 e 2005. O único que subía a media de idade era o eterno e atemporal Manolo Outeiro, que cremos debe andar polo menos cerca dos 50 anos. Deses 6 palanador@s só 2 tiñan no seu historial vitoria en xornada de liga, Outeiro (3 xornadas ganadas) e Hugo (2 xornadas ganadas). Para Xián e Antía, os máis novos da final, non era novidade disputar a final dunha xornada e aínda que non ganaron ningunha, xa teñen Títulos Galegos no seu historial deportivo. Marcos Jr. sabía o que era disputar unha final, xa que subiu ao terceiro chanzo do podio na xornada 3 disputada en Seixo (Marín). Marcos comezou a xogar na segunda xornada desta temporada e leva disputadas en total 4 xornadas, nas cales, disputou 2 finais, unha final en campo de herba e esta final en superficie de cemento. Daquela, podemos afirmar que o xogador de Armadiña adáptase tanto a xogar en exteriro como en interior e, polo tanto, que ten un fantástico futuro e presente na billarda.
En fin, Para Ainhoa era a súa primeira final e non a desaproveitou. A de Combarro levouse unha final merecida. Entrou en 2 golpes e no desempate venceu a Antía. Esta moza que comezou a xogar sendo unha nena alá polo 2016 e que pasou o deserto da adolescencia lonxe dos campos de billarda regresou para quedarse, e con 18 anos asegura para Armadiña un poder feminino incuestionable. Os resultados son que o Equipo F de Armadiña está en terceira posición por enriba de Corredoiras e de Lúa de Forza, campión e subcampión actual da Liga Atlántica de Billarda. Certo que aínda están lonxe dos dous grandes da billarda Galega F, Gharaboto e Valpaços, mais todo se andará e voará, din en Combarro.
Ganou a xornada Ainhoa de Armadiña de Combarro, segunda foi Antía de Gharaboto de Marín e terceiro Xián de Lúa de Forza Sanxenxo. En Individual F venceu Bego de Corredorias Bueu, segunda Mónica Padín de Gharaboto e terceira Lu de Lúa. En Individual Infantil foi primeira Sofía de Gharaboto, segunda Aldara do mesmo equipo e terceiro Brais de Valpaços de Vigo. Estivo presente na entrega de trofeos a concelleira de Deportes de Meis, María Sancho e o presidente do Armenteira CF Martín Casais. Agradecemos o interese e colaboración do concello de Meis con esta aventura deportiva marabillosa chamada billarda. O concello facilitounos o uso do pavillón e os trofeos e o Armenteira CF reservounos o seu campo de fútbol, que finalmente non utilizamos porque a choiva o impediu. María Sancho xa está unida para sempre á billarda, pois ten no seu historial ser a primeira persoa lesionada de gravidade (fractura dun oso do pé que precisou escaiola e período de recuperación de 6 meses) xogando ou, mellor dito, aprendendo a xogar billarda. Esta historia contarémola noutra crónica calquera.
Desta maneira, houbo cambio de líder na Individual Absoluta e na Individual Feminina. Agora, O Raio Verde Xián encabeza a Xeral Absoluta con 2 ptos de vantaxe sobre Xan Rodiño e 7 sobre Piru. Bego supera a Lu en 10 ptos e a Tania en 11 ptos. Na xeral de Equipos Absolutos Lúa acercouse a 4 ptos de Gharaboto que segue líder e Corredoiras queda a 17 ptos de Lúa. Destacar as puntuacións de Xián 28 ptos e de Bego 27 ptos, como os máis destacados da xornada. En Feminina Lu e Mónica Padín fixeron 23 ptos, Sanny, Antía e Lita 21 ptos e Lucía 20 pts como xogadoras máis destacadas. En Absoluta, Álvaro con 25 ptos foi o que máis se acercou ao Xián. Na Categoría Equipos F Gharaboto deu un machadazo á clasificación e con 84 ptos conseguidos superou a Valpaços en 17 ptos para situarse agora líder con 15 por enriba do equipo morado de Vigo.
En equipos Lúa acadou a puntuación máis elevada da temporada con 98 ptos, puntuación que vai ser difícil de superar por outro equipo, pois, son puntos que só se poden alcanzar en superficie de pavillón e non sempre. Corredoiras defendeuse moi ben, sobre todo, debido a esa puntuación estratosférica de Bego, 27 ptos e a un Outeiro incombustible que chegou aos 24 ptos. O equipo de Bueu tiña as baixas dos seus 2 xogadores mellor clasificados, Ricar e Fari, ademais das ausencias de Malvido e Novas, que minguaban moito a escuadra corredoira. Non obstante, o rendemento de Corredoiras foi excepcional. Gharaboto mantivo o pulso e só cedeu 7 ptos en relación a Lúa e superou a Corredoiras nun punto. Continúa de líder desde a primeira xornada e móstrase moi firme no empeño de conseguir esta temporada o seu segundo Título Rías Baixas. O único título que ten o equipo de Marín data da temporada 2014-2015.