Venres, Decembro 13, 2024
ActualidadeXornada

É a lúa! É a lúa na Quintana dos mortos

¿Quén fire potro de pedra
na mesma porta do sono?

¡É a lúa! ¡É a lúa
na Quintana dos mortos!

(Federico García Lorca)

Este sábado 28 de outubro non estaba de todo disposto para deixar xogar billarda en exterior. Ademais da visita da borrasca Celine a terras de Poio, había previsto un eclipse parcial de lúa na mesma noite do sábado, pouco antes da lúa chea e do cambio de hora para entrar en horario de inverno. Estas condicións excepcionais, xunto coa proximidade do Samaín, foron aproveitadas polo equipo da Lúa de Forza para vencer en Poio, inesperadamente. O equipo verde de Sanxenxo fixo un punto máis que Gharaboto e 9 máis que Corredoiras, os seus dous grandes rivais. O chan de cemento do pavillón provocou as maiores puntuacións da temporada. Así, 96 pts alcanzou Lúa para ganar. 95 fixo Ghraboto e 87 Corredoiras. Valpaços Terra Quente chegou aos 81 ptos e Armadiña quedóuse con 80 ptos. Rinoceronte conseguiu 32 ptos debido sobre todo, a que só presentou 2 xogadores.

Na Categoría Individual Absoluta venceu Álvaro de Gharaboto de Marín, segundo foi Xián de Lúa de Forza Sanxenxo e terceira Belmira de Valpaços de Vigo. Na Categoría Feminina, ganou Lu de Lúa de Forza, segunda foi Chefa e terceira Bego, as dúas de Corredoiras Bueu. En categoría Infantil quedou primeira Naia de Armadiña de Combarro, segunda foi Antía de Gharaboto e terceiro Brais de Valpaços. En Categoría Equipos F ganou Gharaboto F, por diante de Valpaços F e de Armadiña F.

Outra peculiaridade desta primeira xornada disputada en pavillón foi a volta dos varados. Houbo 17 varados e máis do dobre e tamén do triplo de “case varados”, ou sexa, de billardas que saíron lambendo algún dos postes do varal e que desesperaron a máis dun e de dous e de tres xogadores. En xeral, houbo puntuacións moito máis elevadas do que acontece cando se xoga en exterior. Como sucede nestas ocasións, algunhas persoas estaban moi ledas por xogar nesta superficie e outras non tanto ou menos. Todo dependía de se á billarda se lle antollaba ir polo centro da pista ou derivar cara á esquerda ou cara á dereita. Como na vida mesma, a alegría manifestábase en cada boca, en cada aceno, en cada mirada e cada movemento de brazos aprobando ou desaprobando a dirección da billarda, inmisericorde coa falta de precisión no golpe.

As clasificacións xerais non sufriron demasiados cambios relevantes. Así, na Categoría Individual Absoluta, Xan mantén o liderado, agora con 2 ptos de diferenza sobre O Raio Verde Xián. Piru sitúase a 3 ptos do líder e Fari queda a 4 ptos. Álvaro accede á quinta praza.  Albino Veiga mantén a sexta. Ricar foi o único dos candidatos ao título que non acadou a vintena de puntos, cousa que lle supuxo pasar da segunda posición á sétima. Vemos que a distancia entre as 10 primeiras prazas da xeral está en 13 ptos. Así, Bego con 68 ptos é décima e Ricardo Lois con 69 ptos é noveno e Tania con 70 ptos é novena. A igualdade é máxima e os favoritos sitúanse nas posicións de honra.

Queremos destacar a posición do Raio Verde, pois, despois de 4 xornadas e con 3 delas disputadas en exterior, mantén o pulso cos grandes palanadores da liga. Non debemos esquecer que Xián está loitando coas persoas adultas de igual a igual. Aínda que todos e todas somos coñecedores do talento innato e o potencial do neno, non pensabamos que sería tan pronto cando chegara á elite da billarda. Certo que para Xián golpear unha billardade é como respirar, sáelle dunha maneira tan natural e involuntaria que non parece difícil de realizar o que el fai. Mais, cando alguén intenta imitalo queda demostrado que o del é algo excepcional. Tamén, había alguén que indicaba que non había que esaxerar coa precocidade de Xián que o día 9 de novembro faríanse xa 11 anos do seu nacemento.

A final da xornada xogárona Charri, Álvaro, Xián, Juanchi Belmira e Papi. Belmira de Valpaços tivo unha actuación destacada nunha superficie que se adapta perfectamente ao seu golpe seguro e preciso. Acadou os 22 ptos, unha das puntuacións máis elevadas da xornada, e a terceira praza do podio Absoluto. Papi accedeu por vez primeira a unha final e conseguiu 21 ptos. Juanchi entrou na final por segunda xornada consecutiva con 23 ptos. Charri tamén tivo unha actuación fantástica con 24 ptos, aínda que non puido entrar no podio, nun lugar que lle gusta moito e no cal ganou a temporada pasada. Xián foi segundo e alcanzou os 24 ptos. Álvaro ganou a súa segunda xornada desta temporada e fixo 22 ptos. Na fase de grupos o que máis puntos acumulou foi Ricardo Lois con 26 ptos, segundo Xan con 25 ptos e fixeron 24 ptos Xián, Charri, Luís Camiña e Juanchi.

Na Categoría Feminina foi Lu a que máis ptos fixo con 23, seguida de Belmira con 22 ptos, Chefa 21 ptos, Bego e Marga 20 ptos. Estas todas xogadoras estiveron a un nivel excelente e con puntuacións por enriba da vintena de puntos. Volve a demostrarse que cando a precisión e a técnica prevalecen sobre o golpe potente, as mulleres están ao mesmo nivel que os homes, cando non a un nivel superior. Ou para usar un vocabulario de término medio, nestas condicións homes e mulleres diríxense ao varal coa billarda tanto polo aire como polo vento e non é cousa de encantamento.

Na Categoría Infantil, Naia de Armadiña tivo a súa mellor actuación de sempre. Outra nena da xeración do Raio, concretamente 10 días máis tarde que o Raio Verde naceu Naia, un 19 de novembro do 2012. A esta xeración pertencen tamén Antía (2011) e Aldara (2011), xeración que coincide co nacemento da Conferencia Rías Baixas, temporada 2011-12.

Realmente, se algo de sentido ten esta aventura marabillosa de recuperar a práctica deportiva da billarda é ver, mirar e contemplar como nenas e nenos nacidos no século XXI teñen a oportunidade, e aprovéitana, de practicar un xogo que naceu quen sabe cando e que continúa vivo na actualidade, actualidade na que hai moita oferta de prácticas de todo tipo e condición. Polo tanto, sobrevivir xa é moito, ou por dicir mellor, moito é vivir sobre… os ombros de quen nos transmitiu esta maneira de xogar e relacionarnos socialmente.

Noutra época foi en leiras, prados, camiños, eirados e terreiros nos que se xuntaban para xogar billarda nenas, nenos, cativas, pícaros, adultos e demais tropa humana das nosas aldeas. Agora xogamos en pavillóns, Campos de Billarda, paseos marítimos, prazas públicas, campos de fútbol, beiras de ríos, praias e demais terreos do noso país e vestimos camisetas de equipos de billarda e a televisión retransmite este deporte marabilloso. En fin, adiante co Varal e Billarda Sempre.

Na Categoría de Equipos F, a vitoria de Gharaboto F pon as cousas como se esperaba, moi emocionantes para o título entre o equipo de Marín e Valpaços Terra Quente de Vigo. Os dous grandes equipos das Rías Baixas e de toda a Liga Atlántica van loitar outra temporada por ver quen se leva o Título. 3 Títulos ten cada un dos equipos e esta temporada un deles quedarase en solitario na cabeza da clasificación histórica. Os demais equipos non están aínda ao nivel destes dous grandes. Esta temporada semella que a loita pola terceira praza do podio está aberta e 3 equipos teñen opcións. Outras temporadas non houbo esta igualdade nesas prazas. Desta maneira, Armadiña está na terceira posición con 131 ptos, por 121 ptos de Lúa de Forza e 111 ptos de Corredoiras. Una distancia que augura enormes alegrías e grandes tristezas de aquí ao final de temporada.

Na Categoría de Equipos A a situación de privilexio de Gharaboto está sendo moi ben defendida e o gran favorito, unha temporada máis, Corredoiras Bueu ocupa unha discreta terceira posición. Lúa de Forza está na segunda praza e veremos se esta temporada co reforzo de Sergio lle dá para acercarse a ese título tan difícil para calquera equipo que non sexa Corredoiras. Lembramos que das 12 temporadas de liga que se disputaron nas Rías Baixas, en 9 delas o título foi para Corredoiras, 1 para o desaparecido Bateas, 1 para Gharaboto e 1 para Lúa de Forza. Isto indica o caro que é arrebatarlle a Corredoiras un título. Gharaboto foi subcampión en 6 ocasións e Lúa en 4 ocasións subiu ao segundo chanzo. Os demais equipos deberán loitar polas outras posicións. Aínda que esta temporada Valpaços deu un brinco importante coa chegada de reforzos e está cerca da terceira posición. Veremos se lle chega o alento para soportar o ritmo. Coa chegada das choivas a superficie rápida dos pavillóns achegaron un fato de varados e coa humidade a clasificación desta Categoría medrou. Así, no máis alto da mesma están empatados a 3 varados Xan, Juanchi e Piru. Con 2 aparecen Anxo, Ricardo Lois, Charri e Luís Camiña.

A seguinte xornada será na Armenteira (Meis) o 11 de novembro e con horario de inverno. Isto significa que se xogará en 6 campos simultaneamente e con arbitraxe compartido entre varios xogadores e xogadoras do grupo que compite en cada campo. Polo tanto, a xornada rematará en 90 minutos aproximadamente.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *