Campo da Feira non fallou e en Paiosaco arrasou
O Campo de Fútbol A Porta Santa de Paiosaco acolleu a cuarta xornada Noroeste da Liga Atlántica de Billarda. Foi unha mañá extraordinariamente apracible, un oasis entre as borrascas do Atlántico. APB atreveuse a presentar só 7 xogadores e aínda así defendeu ben o territorio. Puido ser moito peor para o equipo vermello. Filloas pisou o campo co optimismo que dá chegar a Paiosaco cun equipo fantástico composto por Josecho, Gándara, Miranda, Valentín, Lois, Roi Morís, Insua e José Morís, ademais da infantil Martina. Cochiqueiros tiña como obxectivo asaltar a segunda praza da xeral. O equipo da Cochica chegou con todos os apeiros necesarios para acadar ese cobizado podio. Foucellas ían chegando paseniño e con fundadas esperanzas de non ser últimos.
O equipo local, Campo da Feira partía como favorito para ganar e non foi doutra maneira, ganou. Nas bancadas, o berro infernal volveu soar e resoar….
Ganou a xornada Xan Rodiño de Lúa de Forza, segundo quedou Alberte de Cochiqueiros de Cerceda e terceiro Juan Carlos de Campo da Feira de Paiosaco. En Categoría Feminina quedou primeira Irene de Cochiqueiros, segunda Merche de APB e terceira Mercedes de Campo da Feira. En Categoría Infantil, venceu Valentín de Filloas de Sangue da Coruña, por diante de Juan e de Álvaro os dous de Foucellas da Billarda. En Equipos, Campo da Feira foi primeiro, segundo APB e terceiro Filloas.
Campo da Feira está intratable neste comezo de temporada. De 4 xornadas disputadas levouse o triunfo en 3 e ademais agora sácalle 37 ptos de diferenza ao segundo clasificado da xeral de Equipos, APB. O gran momento de forma de Abel Ponte 22 pts está servindo de motor do equipo da Feira. Desta vez sumaron Abel Ponte 22 ptos, Óscar 18 ptos, Juan Carlos 18 ptos e Enrique 17 ptos para un total de 75 ptos. Os outros equipos están moi igualados, pois agora APB sitúase segundo, 1 pto por enriba de Filloas e con Cochiqueiros na cuarta praza a 4 ptos do equipo da Laracha. De momento, aínda é moi pronto para aventurarse a dicir que FEI vai ser campión. O que si podemos afirmar é que a tendencia está ben clara. Os outros postos de podio están moi disputados e as distancias son mínimas. APB asoma a cabeza e sitúase por vez primeira na temporada na segunda posición. O equipo larachés é o actual campión Noroeste e non pode quedar sen opcións de título no mes de novembro. A pesar de ter numerosas e importantes baixas nesta xornada o equipo hemorráxico defendeu moi ben os ptos e só foi superado por 8 ptos. Sumou Roi 19 ptos, Iván 18 ptos, Collazo 16 ptos e Riveiro 14 ptos para un total de 67 ptos. Filloas volveu demostrar que esta temporada está decidido a entrar no podio. O equipo capitalino chegou aos 61 ptos grazas a Valentín 17 ptos, Josecho 16 ptos, Lois 15 ptos e Ínsua 13 ptos. Cochiqueiros acadou 60 ptos. Desta vez foron Alberte e Viqueira os que tiraron do carro cochiqueiro con 16 ptos cada un. Tamén puntuaron para o equipo David con 14 ptos e Irene con 14 ptos. Foucellas ten un equipo inexperto e moi novo. Non obstante, Lito cre cegamente no potencial dos infantís Juan e Álvaro e no traballo de musculación que están facendo tanto Miguel como Alberte e Roberto para poñerse en forma. Lito 14 ptos, Miguel 9 ptos, Juan 8 ptos e Roberto 7 ptos, sumaron para Foucellas.
Nas clasificacións individuais as distancias estréitanse. Na Absoluta Xan e Abel Ponte deron un pequeno estirón e agora hai 9 ptos entre o terceiro clasificaco Collazo e Abel Ponte que é segundo. Xan supera a Abel en 4 ptos. Por detrás de Collazo aparecen 8 xogadores con 8 ptos de distancia entre eles. Na Feminina Mercedes aproveitou a ausencia de Delia para situarse líder. Detrás delas dúas, xuntáronse Chus, Silvia e Merche coa mesma puntuación a 2 ptos de Delia e a 7 de Mercedes. Na Infantil Valentín non ten rival e aproveitou a ausencia de Miguel Cancela para distanciarse máis na xeral. Juan é a alternativa ao zurdo de ouro de Filloas. En varados, Valentín, Iván e Juan Carlos fixeron cadanseu. Agora, Valentín empata na cabeza da xeral con Abel Ponte, os dous teñen 2 varados.