Mércores, Decembro 11, 2024
ActualidadeXornada

3ª xornada LAB Rías Baixas en Seixo (Marín)

Mañá sábado, a Liga Atlántica de Billarda Rías Baixas chega a Marín e hoxe chegou a choiva desde o Atlántico. A auga do ceo tan necesaria e imprescindible chegou ao país. Agora ben, nun aceno de complicidade coa madeira das billardas as nubes van dar tregua durante o sábado pola tarde para que se xogue en exterior. Así, o Campo de Fútbol de Seixo (Marín) será escenario da terceira xornada da LAB. As borrascas do Atlántico volven o domingo para quedarse uns días.

O exixente campo de Seixo vai marcar diferenzas, porque as billardas avanzan pouco unha vez que baten na herba do terreo, cousa que beneficia ás persoas que teñen un golpeo máis alto, no que a billarda recorre máis metros polo aire. Aqueles outros golpeos baixos nos que a billarda fai un voo rasante van sufrir para ganar metros. A temporada pasada o vencedor foi Cho, un xogador de golpeo alto.

O campo de Seixo é un lugar máxico para xogar billarda. Certo que dificulta o golpeo, pero ofrece as condicións auténticas nas que naceu este xogo da billarda. Si, herba e terreo irregular, lugar rodeado de árbores e cun illamento profundo, que máis se pode pedir para revivir aqueles instantes nos que mozas e mozos xogaban billarda mentres as vacas  pacían. Contemplade senón as imaxes espectaculares da temporada pasada.

O equipo local, Gharaboto, ocupa a primeira posición da xeral e pretende distanciarse máis dos seus perseguidores. Ganou as dúas primeiras xornadas e mantén 17 ptos de distancia sobre Lúa e 18 sobre Corredoiras. Este campo foille propicio a temporada pasada. Naquel momento, superou a Lúa en 15 ptos e a Corredoiras en 23 ptos. Entón, os antecedentes son os que son e ninguén dubida do estado de forma do equipo de Marín. Outro equipo que está nun momento ideal de forma é Valpaços que está metido na loita polo podio, algo que nunca antes sucedera na longa historia do club de Vigo. En fin, todo fai pensar nunha xornada na que os ptos van custar moito.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *