Mércores, Decembro 11, 2024
ActualidadeXornada

GHARABOTO pasou por Sanxenxo como un Terremoto

O Campo de Billarda de Nantes fervía, literalmente. Os pés primeiro, as pernas despois, os brazos e finalmente todo o corpo tivo que camiñar sobre as brasas de terra se querían conquistar os puntos. As sombras do piñeiral de Nantes foron decisivas para evitar riscos de desidratación. A pesar das condicións extremas de calor, houbo golpes espectaculares e outros tan só magníficos. Salientar a chegada desde Combarro do equipo de Armadiña ao completo, 16 xogador@s. Foi o equipo máis numeros seguido de Gharaboto con 15 xogador@s. Valpaços con 14 xogador@, Lúa con 12 xogador@s, Corredoiras con 8 xogador@s e Rinoceronte con 3 xogador@s completaron o cadro de participantes, 68.

 

Álvaro de Gharaboto de Marín ganou a xornada, por diante de Gerardo de Lúa de Forza Sanxenxo e de Adriana de Valpaços Terra Quente de Vigo. En Categoría Feminina, foi primeira Belmira de Valpaços, segunda Elena de Gharaboto e terceira Bego de Corredoiras Bueu. En Categoría Infantil, venceu Xián de Lúa de Forza, segunda foi Antía de Gharaboto e terceira Aldara do mesmo equipo. En Categoría de Equipos A, ganou Gharaboto, segundo foi Lúa e terceiro Corredoiras. En Equipos F, venceu Valpaços, segundo foi Gharaboto e terceiro Armadiña de Combarro.

A xornada foi épica, lírica e dramática. A épica estivo na fazaña de soportar con agrado e paciencia as suores do exercicio físico-deportivo da billarda. A lírica aflorou no sentimento de plenitude de xogadoras e xogadores que remataban a súa carreira e as sombras eran o acubillo dos seus corpos atléticos. Tamén, houbo algo de dramatismo nas conversas posteriores ao golpe que recibiu Ricardo Lois dunha billarda brincadeira que lle bateu nunha canela. Si, na canela, pero non no condimento aromático, non, na canela da perna esquerda do xogador do Grove.

Gharaboto continúa firme no liderado. Ganou a xornada con 78 ptos, por díante de Lúa, 69 ptos, o mesmo que Corredoiras terceiro. A segunda posición no Podio Absoluto de Gerardo deulle esa segunda posición ao equipo Verde. Segue funcionando o cuarteto principal de Gharaboto, Piru 20 ptos, Álvaro 20 ptos, Ricardo 19 ptos e Hugo 19 ptos. Esta temporada vai optar ao título e Corredoiras vai ter que remar moito e ben. A clasificación xeral conta con Gharaboto como líder con 17 ptos máis que Lúa e 18 máis que Corredoiras. Valpaços tivo unha gran xornada. Notou positivamente a presenza de Adriana que liderou ao equipo morado con 19 ptos. Tamén sumaron para o equipo, Santiago e Albino con 16 ptos os dous e Belmira con 15 ptos. Así, o equipo de Vigo está cuarto na xeral, pero tan só a 7 ptos da segunda posición que ocupa Lúa. Armadiña con 56 ptos foi quinto e fixo unha actuación digna, moi digna. Rinoceronte quedouse con 28 ptos.

Nas Clasificacións Xerais Individuais as cousas están moi axustadas. O novo sistema de puntuación fai que non haxa tanta distancia entre os primeiros clasificados. De momento, o líder Piru ten 10 ptos máis que a décima clasificada que é Tania. Para ter unha referencia, a temporada pasada despois da segunda xornada a distancia entre o primeiro posto e o décimo posto era de 16 ptos. Está claro que esta nova forma de puntuar vai potenciar a igualdade e o interese ata as últimas xornadas.

VÍDEO DA XORNADA

 

 

 

VINDEIRA XORNADA

MARÍN 14 outubro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *