Xoves, Outubro 3, 2024
ActualidadeXornada

CORREDOIRAS CAMPIÓN 2023

Triunfo do Home Tranquilo Benito Resille Piñeiro, Beni. O xogador de Corredoiras Bueu alzouse co Título de Campión da Liga Atlántica de Billarda 2023 de xeito imperial nos seus golpes e de maneira zen na súa maneira de demostar o xúbilo e a alegría por tal fazaña.

4 grupos de 9 xogador@s para un total de 38 participantes na Final da Categoría Individual Absoluta. Despois de 4 carreiras na fase de grupos, disputáronse os oitavos de final, os cuartos de final e unha final a 4. Na fase de grupos non houbo moitas sorpresas e dos 8 cabezas de grupo pasaron 6, e só Piru e Josecho destes quedaron eliminados. 11 representantes das Rías pasaron a seguinte fase por 5 do Noroeste. Todo semellaba camiño do dominio dos palanadores do Sur.

Mais, a tortilla deu a volta e deses 5 xogadores do NOR,  4 ganaron os seus enfrontamentos e pasaron a cuartos de final. Das Rías pasaron 4 de 11. As forzas igualábanse. Na antesala da Gran Final, competían Abel Ponte contra Charri, Collazo contra Roi, Álvaro contra Beni e Juanchi contra Juan Carlos. Entón, había dous enfrontamentos entre xogadores da mesma conferencia e outros dous con xogadores de distintas conferencias. Desta vez, a teoría de probabilidades actuou usando o sentido comunitario. Así, Abel Ponte ganoulle a Charri, Roi venceu a Collazo, Beni fixo o propio con Álvaro e Juanchi ganoulle a Juan Carlos. En definitiva, xa tiñamos unha final con dous representantes de cada Conferencia.

A final mantivo a emoción ata a cuarta e última carreira. Comezaron moi fortes Abel Ponte e Beni, quen na primeira carreira entraron en 2 golpes conseguindo os 5 ptos. Roi e Juanchi non arrancaron ben e esgotaron os 4 golpes permitidos sen poder alcanzar o obxectivo de atravesar a liña do varal. Segunda carreira e as cousas trocaron moito. Nesta carreira só entrou Roi e fíxoo no último golpe. Chegados ao ecuador da final a situación era límite para Juanchi que non conseguira puntuar en ningunha das carreiras. Abel Ponte e Beni encabezaban con 5 ptos e Roi seguíaos con 3 ptos. Terceira carreira e Abel Ponte e Roi entran en 2 golpes. Beni e Juanchi sufrían para avanzar as súas billardas. Finalmente, Beni salvou o pelexo entrando no último golpe. Juanchi naufragou e quedou sen opcións ao non entrar. Última carreira, Abel Ponte 10 ptos, Roi 8 ptos, Beni 8 ptos e Juanchi sen puntuar. O de Paiosaco tiña todo ao seu favor para subir ao máis alto do podio. Incluso os compañeiros de equipo sacaron a botella de Alvariño da neveira portatil e a madriña Mercedes deixou de facer o ritual de maxia branca coas herbas de San Xoán. Primeiro golpe e as cousas complicanse para Abel, xa que Beni sitúase en boa posición. Segundo golpe e Beni entra no varal coa billarda e pon a final patas arriba e os berros de alegría e entusiasmos dos seareiros do equipo de Bueu retumbaron no coliseo da Estacada. Terceiro golpe e Abel aínda ten no seu palán facerse co título. Non puido ser. Roi acércase ao varal e xa só pode ser segundo, se falla Abel e el entra no último golpe. Juanchi ao seu. Último golpe e Juanchi entra con 3 ptos. Agora é a quenda de Abel Ponte. Se o de Campo da Feira entra empata a puntos con Beni e teñen que ir a un golpe de desempate. Ooooooohhhhhhh ! Abel non entra. Agora, incluso pode perder o segundo posto se Roi entra no último golpe. Circunstancia que aproveita o de APB para alzarse coa segunda posición. Grandiosa final e Beni, o Home Tranquilo, lévase o Título á súa maneira, sen apuros, tranquilamente…

 

Final Individual Feminina

A competición Individual Feminina arrancaba con 18 competidoras e 3 grupos en xogo. O lugar que deixou por lesión María Caride foi ocupada por Chefa. Despois, das 4 carreiras da fase de grupos disputáronse os cuartos de final con xogadoras exclusivamente das Rías Baixas. Ningunha palanadora do Noroeste conseguiu puntuar, cousa que nos leva a analizar se a nutrición foi a adecuada. A Final celebrouse xusto despois do xantar. Pois ben, durante este os comentarios ían dirixidos a que houbera unha elección errónea ou polo menos equivocada do Xamón Asado como prato principal. “Comendo en Bueu no Centro Social do Mar, con vistas ao porto, con olor a salitre e non botar man dun prato con protagonismo acuático!“. Vaia, isto é o que falaban 0s xogadores e xogadoras de Cochiqueiros.

Ben, nestes cuartos de final, Elena enfrontábase a Antía, Bego a Tania, Marisa a Casilda e Lu a Chefa. O enfrontamente estrela parecía o de Bego contra Tania, ou o que é o mesmo a Campioa do ano pasado, Tania, contra a subcampiona do ano pasado. Non entrou ningunha da primeria carreira e Bego si o fixo na segunda para vencer e acceder á Final. Antía ganoulle a Elena e accedeu tamén á Final. Lu e Chefa empataron despois de 2 carreiras e no golpe de desempate Lu avanzou ata a Final. Realmente, o enfrontamento estrela resultou o de Casilda contra Marisa. A prestidixitadora Casilda sacouse do sombreiro dous golpes estratosféricos e entrou nas dúas carreiras a pesar de que Marisa estivo a gran nivel nos seus golpes a de Ribadumia avanzou ata a Final.

A final comezou con Bego moi potente entrando en 3 golpes. Antía tamén entrou nesta carreira e conseguiu 3 ptos. Casilda e Lu non entraron. Segunda carreira e Lu entra en 3 golpes para 4 ptos e Antía entra no último golpe con 3 ptos. Nin Bego nin Casilda entran. Na metade da Final Antía ten 6 ptos, Bego e Lu 4 ptos e Casilda non ten puntos. Casilda non encontra os golpes expectaculares do seu cuarto de final. Xa non me quedan máis bos golpes, dicía Casilda. Terceira carreira e definitiva para o Título, xa que a única que conseguiu puntuar foi Antía. Así, a de Gharaboto chegou aos 9 ptos. Bego e Lu continuaban con 4 ptos. Desta maneira, Bego e Lú tiñan que entrar no segundo golpe e esperar que Antía non entrase. Bego arrancou ben cun golpe a medio campo. Aínda era posible a remonta. Finalmente, o que era posible, non foi real. Bego entrou con 3 ptos e as demais non entraron. Polo tanto, Antía facíase co Título, segunda quedou Bego e terceira Lu.

Final Individual Infantil

A Final Infantil disputárona 9 xogador@s. O nivel de xogo desta final non defraudou e as puntuacións así o confirman. Excepto Brais, un neno de 6 anos e Sofía, unha nena que comezou a xogar hai uns meses, os demais entraron polo menos en 2 das 5 carreiras. Desde o primeiro momento viuse que Óscar, Xián e Hugo eran os máis fortes. Foron os únicos que nas 3 primeiras carreiras conseguiron entrar en 3 golpes en alguna das mesmas.

Así, rematas estas 3 primeiras carreiras Óscar tiña 11 ptos, Xián 10 ptos e Hugo 8 ptos. Algo máis distanciados quedaban Mauro 6 ptos, Valentín 5 ptos e Antía, 4 ptos e Lucía 3 ptos. Cuarta carreira e Óscar sentenza case definitivamente a Final, pois entra con 4 ptos e os seus rivais máis cercanos non entran. Aínda así había unha esperanza moi pequena para que o Raio Verde se achegase ao Título. Debía entrar Xián en 2 golpes e que Óscar non entrase. O de Lúa de Forza estivo cerca, pois entrou en 3 golpes para acadar 4 ptos para un total de 14. O de Lúa quedou a un só punto do Campión Óscar García de Cochiqueiros de Cerceda.

Final de Varados

A final de varados foi dominada por Juan Carlos de Campo da Feira de Paiosaco con claridade. Non houbo nin que medir a distancia á que quedou a súa billarda da entrada do varal. Para o segundo e terceiro posto si houbo que facer uso da cinta de medir e dun experto agrimensor da zona. Charri fíxose coa segunda posición por uns 30 cm. Viqueira acadou a terceira posición.

Final de Equipos F

Por vez primeira disputábase a Final de Equipos F e resultou fascinante. As palanadoras daban golpes e golpes sen prudencia e con inmoderación. Custaba avanzar, pero non desistían no seu afán. O espectáculo foi moito maior que a produción de puntos por parte das xogadoras. Despois dunha hora de desvelo e diversión non houbo que esforzarse moito na suma dos puntos. Moito mellor así, non houbo erros nas sumas.

A competición tivo a sorprendente vitoria de Corredoiras F, que con só 2 xogadoras alzouse co Título. A gran actuación de Bego con 10 ptos foi a clave deste exuberante logro. Sumando a boa actuación de Chefa que achegou 3 ptos, Corredoiras F fíxose co Título con 13 ptos. Folga dicir que cos puntos de Bego xa chegaría para obter o Título, pois o segundo equipo clasificado, Valpaços Terra Quente obtivo 9 ptos. En terceira posición situouse Lúa de Forza Sanxenxo con 8 ptos. A pequena ou grande decepción deportiva foi a da escuadra favorita, Gharaboto. Un mal día teno case calquera e foi ese mal día o que tiveron as xogadoras de Marín. Só Antía foi quen de puntuar para o equipo.

Final de Equipos Absolutos

A Final de Equipos resultou como sempre emocionante e chea de decepcións e alegrías, de confirmacións de favoritismo e de equivocacións nos prognósticos. A falta dunha carreira para finalizae tivemos que asistir a unha lesión de importancia que necesitou do traslado ambulatorio dunha xogadora. María Caride sufriu unha forte escordadura do seu nocello esquerdo ao facer un mal apoio no terreo de xogo. Todo concluíu de modo satisfactorio, isto é coa atención da xogadora nun centro sanitario de Pontevedra e coa satisfacción de que nas probas exploratorias non lle detectaron ningunha lesión ósea. Pola tarde, María estivo presenciando as Finais Absoluta e Feminina. O lugar de María na última carrreira ocupouno Mónica.

Corredoiras e APB partían como favoritos polos seus triunfos nas Conferencia Rías Baixas e Noroeste, respectivamente. Corredoiras estivo no seu sitio, APB non. Despois, todas as análises dicían que a terceira praza do podio deberían loitala Lúa de Forza, Campo da Feira e Gharaboto. Pois ben, Gharaboto non cumpriu as expectativas e os outros dous equipos si. Resumindo, APB e Gharaboto pensamos que puideron facelo mellor dado o potencial dos dous equipos. Corredoiras cumpriu as esixencias do súa laureada historia e fixo 64 ptos para levarse o Título. Lúa de Forza foi segundo con 61 ptos, a só 3 ptos do Título, e Campo da Feira con 59 ptos completou o podio. Cuarto foi APB con 57 ptos, quinto Gharaboto con 46 ptos, sexto Cochiqueiros con 33 ptos e Valpaços sétimo con 10 ptos.

PODIOS

FOTOS

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *