FINAIS FEMININA E INFANTIL
CATEGORÍA INDIVIDUAL FEMININA
A Final Feminina comezará ás 16 h. do domingo 25 xuño no Campo da Estacada cunha clara favorita e varias candidatas. A única favorita é Bego Ríos de Corredoiras Bueu, quen en calquera competición sempre parte con este favoritismo. O seu historial non deixa lugar a dúbidas sobre o seu potencial. Así, foi 8 veces Campioa da Conferencia Rías Baixas e 1 vez Campioa LNB. A temporada pasada foi subcampioa da LAB por detrás de Tania de Valpaços Terra Quente de Vigo.
Precisamente, Tania é unha das candidatas a reinar o domingo. A de Valpaços é a actual Campioa LAB e Subcampioa das Rías Baixas. Un talento colosal cunha irregularidade desmesurada e con problemas físicos, cousa que nos leva a considererar que vai ser difícil que revalide título a de Vigo.
Entón, no seguinte chanzo de favoritismo situaríamos á Tricampioa Lu de Lúa de Forza, quen se crece nestas fases finais. Certo que só ten un Título de Conferencia Rías Baixas e que non ten o potente golpe de Bego, mais a un día é unha rival moi difícil de vencer. Os seus títulos así o acreditan. Xunto con Lú, colocamos ao trío de Gharaboto formado por María Caride, Antía e Elena González. Son palanadoras de moito nivel e capaces de disputar os postos de podio e por que non alzarse co Título Final. A progresión de María Caride e de Antía está aí e os números reflíctena. Antía, en idade infantil, ten un presente e un futuro espléndido e forma parte desa xeración centenial que quere mover os marcos do ceo coa billarda. Elena é un valor seguro. Non ten o potente golpe de Antía nin de Caride, non obstante, ten a seguridade e precisión nos momentos importantes que lle dá a experiencia de ser a primeira Campioa das Rías Baixas alá polo 2011-12, cando naceu esta Conferencia. Ademais, xa sabe o que é subirse a un podio na Fase Final. Non queremos esquecer ás competidoras do Noroeste encabezadas por Merche e Irene, dúas palanadoras que situamos neste grupo de candidatas que poden subir ao podio e quen sabe se loitar polo Campionato.
Despois, están o resto de competidoras que se teñen un bo día poden disputar as prazas de honor e se non teñen tan bo día van ter que refuxiarse no día extraordinario de luz e calor, na saborosa gastronomía e no gustoso zume de uva que probaron, desgustaron e cataron sobre a mesa do xantar. Ollo, supoñemos e intuímos que algunha sorpresa deportiva sucederá para rectificar e corrixir esta análise.
CATEGORÍA INDIVIDUAL INFANTIL
A Categoría Infantil está chea de futuros campións e campioas. No favoritismo poñemos ao actual Campión LAB, Óscar García de Cochiqueiros de Cerceda e aos Campións de Conferencia Noroeste, Valentín de Filloas de Sangue da Coruña e a Xián, O Raio Verde, de Lúa de Forza. Sen esquecer que candidatos moi serios ao podio e ao Título son Hugo e Antía de Gharaboto e Lucía de Valpaços. Os demais, pois, se teñen un bo día… quen sabe?