Venres, Decembro 13, 2024
ActualidadeXornada

FARI gana a última xornada e CORREDOIRAS come a empanada

A temporada 2022-2023 da Liga Atlántica de Billarda xa é historia. Agora non queda máis que imaxinar como serán as Finais do vindeiro domingo 25 de xuño en Bueu. De todos os xeitos, convén relatar o acontecido no Campo de Billarda de Nantes na última xornada de liga nas Rías Baixas.

Así, o Título Individual Absoluto e Individual Infantil estaban por decidir e ben que se decidiron. Os dous xogadores de Lúa foron quen de facerse cos títulos. Álvaro 17 ptos na fase de grupos, puntuación moi alta para unha xornada en herba. Non obstante, Xan estivo case perfecto na fase de grupos e conseguiu 24 ptos. Cousa que poñía imposible para Álvaro disputarlle o título ata a última carreira, xa que a distancia de 7 ptos era superior aos ptos que faltaban por disputar. Aínda que Álvaro avanzou ata a final e Xan quedou eliminado no primeiro cruce non había ptos suficientes para que Álvaro superase ao de Lúa. de Hugo na Infantil cun total de 20 ptos tamén.

O gran triunfador da xornada foi Fari de Corredoiras que non tivo clemencia nin co Raio Verde. Xián de Lúa de Forza foi segundo e terceiro Álvaro de Gharaboto. En Categoría Feminina ganou María Caride de Gharaboto, segunda foi Tania de Valpaços e terceira Aldara de Gharaboto. En Categoría Equipos venceu Lúa de Forza, segundo foi Corredoiras e terceiro Gharaboto. En Equipos F ganou Gharaboto por diante de Valpaços e de Lúa de Forza.

ACTAS

Os Podios finais nas Categorías Individuais deixaron como Campión Individual Absoluto a Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo, como Campioa Individual Feminina a Bego Ríos de Corredoiras Bueu, como Campión Individual Infantil a Xián “O Raio Verde” de Lúa de Forza e como Campión Individual Varados a Luís González “Piru” de Gharaboto. Na Categoría de Equipos foi Campión Corredoiras e en Equipos F foi campión Gharaboto F.

Os equipos non arriscaron a sufrir calquera inoportuna lesión, tendo en conta que dentro de 7 días son as Finais 2023.  Así, as puntuacións foron moderadas e os golpes bastante medidos. Os únicos que tiveron que dalo todo foron Álvaro, Xan, Xián e Hugo, pois estaban en xogo os Títulos Absoluto e Infantil. Entón, despois de sumar os ptos da xornada os Finalistas xa están decididos. Polas Rías Baixas van participar na Final de Equipos, Corredoiras o actual campión da Liga Atlántica de Billarda, Gharaboto, Lúa de Forza e Valpaços Terra Quente. Na Categoría Equipos F, representarán ás Rías Baixas, Gharaboto, Valpaços, Lúa de Forza e Corredoiras.

Nas Categorías Individuais haberá a seguinte representación, 21 xogador@s das Rías Baixas na Categoría Absoluta, 14 xogadoras na Categoría Feminina e 3 xogadores na Categoría de Varados.

DOMINGO 25 XUÑO

FINAIS 2023

BUEU

CAMPO DA ESTACADA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *