ÚLTIMAS XORNADAS RÍAS BAIXAS E NOROESTE… e no horizonte as Finais 2023
A fin de semana vai decidir títulos, prazas de finalista 2023 (as finais serán o domingo 25 de xuño en Bueu) e compoñentes das seleccións Norte e Sur que disputarán o vindeiro sábado 22 de xullo en Culleredo o Campionato de Seleccións de Billarda que será televisado en directo pola TVG2. Hai títulos que xa están decididos, prazas de finalista que xa teñen nome, ao mesmo tempo que hai títulos que están por decidir e prazas que buscan propiedade definitiva. Imos por partes.
A última xornada das Rías Baixas dispútase no Campo de Billarda de Sanxenxo. O Título Individual Absoluto decidirase nesta xornada, xa que Álvaro de Gharaboto e Xan de Lúa de Forza chegan empatados a puntos. A terceira praza de podio está moi a favor de Ricar de Corredoiras, quen ten 14 ptos máis que Piru. Sería cousa de feitizo ou encantamento que o de Gharaboto superase a Ricar. O título Individual Feminino xa está en mans de Bego de Corredoiras. A segunda e terceira praza de podio están por decidir. Tania de Valpaços avantaxa en 3 ptos a María Caride, quen nas últimas dúas xornadas fixo 15 ptos máis que Tania, polo tanto, o suspense manterase ata a última carreira. O Título Individual Infantil tamén se decidirá nesta última xornada. O Raio Verde Xián e Hugo están separados por 7 ptos. Distancia insuficiente para considerala definitiva. O de Lúa parte con lixeira vantaxe, pois o Campo de Billarda de Nantes é pouco xeneroso dando puntos. Ben certo é que Hugo ten un potente golpe e pode poñer en apuros ao Raio. A terceira posición do podio está en mans de Antía de Gharaboto que supera a Lucía de Valpaços en 17 ptos, cousa que nos obriga a considerar que o podio será para Antía. Na Categoría de Equipos, pensamos que as cousas están demasiado difíciles para Gharaboto, o equipo que ocupa a segunda posición a 25 ptos de Corredoiras. Mais, unha pequena luz de esperanza acubíllase na cabeza das xogadoras e xogadores de Gharaboto, xa que, na última xornada superaron en 23 ptos ao equipo de Bueu. Entón, imos deixar que os enormes varais de Nantes decidan. Na Categoría de Equipos F, dase unha situación similar. Neste caso o líder Gharaboto F supera en 28 ptos a Valpaços F, non obstante, neste caso pensamos que as posibilidades do equipo de Vigo para superar ao de Marín pasarían por unha confluencia telúrica e cósmica sen precedentes no mundo da astroloxía.
No Noroeste xogarase a última xornada en Cabanas, o domingo 18 xuño. As cousas clasificatorias están claras no Título Individual Absoluto que é para Xan de Lúa de Forza e nas prazas de podio que serán para Collazo de APB e para Juan Carlos de Campo da Feira. De todas as maneiras, hai unha loita moi interesante para ver quen acadará a cuarta posición que, lembremos, permitirá ser cabeza de grupo no sorteo da Final 2023. A Categoría Feminina ten a Merche na primeira posición con 14 ptos máis que Lu de Lúa de Forza, distancia suficiente para que a de APB se leve o Título 2022-2023, ou iso din as profecías de Delfos. A terceira posición do podio está en mans de Marisa con 6 ptos máis que Silvia de Cochiqueiros. Veremos se é diferenza suficiente. Na Categoría Infantil Valentín de Filloas supera en 16 ptos a Miguel de FEI, entón, podemos dicir que o Título irá para o xogador de Filloas, salvo que Valentín quede a noite do sábado ata moi tarde traballando co Instagram. Kevin de APB é terceiro a 11 ptos da segunda posición de Miguel, daquela, o reto é maiúsculo para o da Laracha. En equipos hai algo claro, os 3 clasificados para as Finais 2023. APB, FEI e COQ representarán ao Noroeste nesa cita do 25 de xuño en Bueu. Agora, o Título está en dous hidróxenos e nun osíxeno ou no aire. APB ten a oportunidade histórica de conseguir o seu primeiro Título. Campo da Feira ten a oportunidade de superar eses 10 ptos de desvantaxe. Con 10 ptos chégalle, pois o empate a puntos beneficia ao equipo de Paiosaco. Sabemos de bo e potable manancial que se está preparando material, moito material pirotécnico para lanzar sobre A Laracha e algunha das súas parroquias máis ao norte o sábado de madrugada. Moñas xa avisou á familia que o sábado pola noite ten unha viaxe e que non o esperen para durmir.
Ben, despois está a disputa das prazas que dan dereito a participar nas Finais 2023. Aquí aínda hai moita mortadela que merendar. Así, as últimas prazas da Absoluta nas Rías Baixas están nos paláns de Novas e Lu que parten coa vantaxe de 6 ptos sobre Gerardo e 9 ptos sobre Ricardo Lois. Na Feminina as cousas están practicamente decididas, aínda que hai unha mínima posibilidade para Lita e Chefa de entrar nesas 2 últimas prazas que ocupan Marga e Marisa. Lita tería que facer 12 ptos máis que esas dúas xogadoras, e Chefa 16 ptos máis que as mesmas. Moi difícil.
No Noroeste as 2 últimas prazas de finalista Absoluto que aínda non están decididas son as de Berdi 165 ptos e Gándara 160 ptos, pois poderían optar Valentín 159 ptos, Eladio 156 ptos, Xulio 152 ptos, Lito Pena 149 ptos e Óscar Ponte 148 ptos. Na Feminina a terceira e cuarta praza de finalista están por decidir. A diferenza é mínima entre Auri, Sonia, Mercedes, Irene e Raquel. Merche e Silvia están xa clasificadas.
Despois, está o camiño que leva ao Campionato de Seleccións de Billarda que vai enfrontar ao Norte contra o Sur. Será o sábado 22 de xullo e televisado pola TVG2. O proceso de selección comezou hai catro xornadas e rematará esta fin de semana. Hai prazas que se decidirán despois dos resultados da última xornada.