Venres, Abril 19, 2024
ActualidadeXornada

GHARABOTO en Seixo estivo intratable e Cho fixo unha final memorable

O Campo de fútbol de Seixo (Marín) foi escenario da xornada 15, e penúltima, da Liga Atlántica de Billarda, Rías Baixas 2022-23. Ceo cuberto e temperatura ideal para a práctica da billarda. A herba cortada á altura que manda o regulamento de 3 cm e nos lugares onde non era así, o Got Talent Charri, pasoulle o megáfono multifunción que inclúe unhas coitelas eléctricas (na foto de abaixo momento no que Charri pasaba a “corta céspede-megáfono” ao mesmo tempo que conta un dos seus espantosos chistes).

Ben, as billardas voaban e voaban, algunhas deixaron de voar e outras nin levantaron o voo. Puntuar non estaba ao alcance de calquera, mais, sempre hai excepcións e desta vez un trío de xogadores de Gharaboto conseguiron máis de 20 ptos, Así,  Hugo 23 ptos, Luís Camiña 23 ptos e Álvaro 22 ptos, que sumados aos 15 ptos de María Caride fixeron un total de 83 ptos. O segundo equipo foi Lúa con 68 ptos, a 15 do ganador. Corredoiras chegou aos 60 ptos, cousa que pon algo de emoción á última xornada, pois, parecía que o Título estaba decidido. Agora a distancia acurtouse ata os 25 ptos. Certo que son moitos puntos, mais se na última xornada Gharaboto volve ter unha actuación como a desta xornada e coincide que Corredoiras está por debaixo do seu nivel, ollo ao piollo. Nesta xornada Gharaboto superou en 23 ptos a Corredoiras.

Xogaron a final a 6, Salgue de Valpaços, Cho de Armadiña, Ricar de Corredoiras, Lu de Lúa, Novas de Corredoiras e Luís Camiña de Gharaboto. Cho batéulle un primeiro golpe galáctico e rematou a carreira da final no segundo golpe e xa non deu opción aos demais, que tiveron que loitar polos outros postos de podio. O de Combarro ten un brazo prodixioso e potencial para ocupar os postos de honor da xeral. Esta temporada non participou na metade das xornadas, senón estaría máis arriba na clasificación, sen dúbida.

O vencedor da xornada foi Cho de Armadiña de Combarro, segundo foi Novas de Corredoiras Bueu e terceiro Ricar do mesmo equipo. En categoría Feminina foi primeira Lu de Lúa de Forza Sanxenxo, segunda quedou María Caride e terceira Aldara, as dúas de Gharaboto de Marín. En categoría Infantil, ganou Hugo de Gharaboto, segundo o Raio Verde Xián de Lúa de Forza e terceira Antía de Gharaboto. En categoría de Equipos venceu Gharaboto, segundo foi Lúa e terceiro Corredoiras. En categoría Equipos F, venceu Gharaboto, segundo foi Valpaços Terra Quente de Vigo e terceiro Lúa.

ACTAS

Sumados os puntos así quedan as CLASIFICACIÓNS. A Categoría Feminina xa ten Campioa 2022-23 que é Bego de Corredoiras. A Individual Infantil decidirase na última xornada entre Xián e Hugo. O de Lúa avantaxa a o de Gharaboto en 7 ptos. A Individual Absoluta tamén se decidirá na xornada de Sanxenxo entre Álvaro e Xan. O empate a ptos beneficia a Álvaro. As Categorías de Equipos está en mans de Corredoiras, xa que, aínda que Gharaboto superase os 80 ptos, que é unha puntuación moi boa para xogar no campo de Billarda de Nantes (Sanxenxo 17 de xuño), Corredoiras tería que facer menos de 60 ptos, ou o que é o mesmo, ter unha actuación moi mala. En definitiva, non está aínda decidido o título, pero terían que aliñarse os astros, ademais de actuar os conxuros de maxia negra e vudú para que Gharaboto culmine a remontada. En Equipos F sucede algo similar, Gharaboto ten 28 ptos máis que Valpaços, polo tanto, non chegaría coa aliñación astral e cos conxuros, habería que contar cunha misteriosa avaría mecánica nos coches das xogadoras de Gharaboto que lles impedise chegar a tempo. O título da Categoría de Varados é para Piru de Gharaboto.

Por outra banda, na última xornada, amais dos títulos que falta decidir, están as prazas para participar nas Finais da LAB do 25 de xuño en Bueu. Das Rías Baixas clasifícanse 21 xogador@s da Xeral Absoluta, 14 xogadoras da Individual Feminina e os 4 primeiros equipos da Xeral de Equipos. Tamén, estarán en xogo as prazas para participar no Campionato de Seleccións que se disputará a finais de xullo e que se televisará pola TVG2. En definitiva, a xornada final de Sanxenxo será emocionante ou moito máis que emocionante, emocionantísima.

ÚLTIMA XORNADA

CAMPO DE BILLARDA DE NANTES

SANXENXO

17 XUÑO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *