Venres, Marzo 29, 2024
ActualidadeXornada

En Ponceso APB non fallou e Roi o ganador foi

A contorna do museo MELGA foi escenario da xornada 14 da Liga Atlántica de Billarda, Noroeste. De novo a Fundación  Ricardo Pérez y Verdes colaborou coa Liga Atlántica de Billarda. Agradecemos a boa disposición e trato sempre agradable que o gran Ricardo ten cara á billarda, neste caso particular, e en xeral cara a calquera manifestación do patrimonio lúdico e deportivo galego. 7 equipos competían pola vitoria e para conseguir os ptos decisivos na recta final do campionato de liga. A LAB Noroeste finaliza o 18 de xuño e as finais serán unha semana máis tarde, o 25 de xuño en Bueu. Pois ben, equipos, xogadoras e xogadores, queren acadar os ptos necesarios para chegar aos seus obxectivos. Podios Noroeste, Títulos Noroeste, Clasificación para as Finais 2023, triunfo na xornada, satisfacción persoal, e moitos outros retos estaban na cabeza e na intención de todas e todos, ou de case todos e case todas.

En fin, a mañá estaba calorosa e soleada, apenas había a sombra do magnífico edificio do MELGA para poder refuxiarse dos raios solares. 4 grupos e 2 campos. O campo de Ponteceso ten uns metros de cemento e outros metros de herba, cousa que dificulta os golpes. De todos os xeitos, esta superficie mixta sempre fai máis atractivo o xogo.

As propostas dos equipos estaban claras. Campo da Feira quería aproveitar a ocasión para sentenciar definitivamente o Título por equipos e estaban cos ánimos por todo o alto. APB tiña baixas de consideración e pretendía non perder moitos ptos para xogarse o Título nas dúas últimas xornadas. Cochiqueiros buscaba o triunfo na xornada. Filloas pretendía resistir e non ceder moitos ptos para o cal presentou o seu sexteto máxico. Chaínzos quería dar a sorpresa e presentou un cuarteto de garantías. Lúa de Forza e Rinoceronte a velas vir.

A realidade fixo que poucas das iniciais intencións se transformaran en feitos. Deste modo, imos por partes, APB pasou por enriba de FEI. Quizais a ausencia de Cotelo foi factor clave para que o equipo hemorráxico tivera unha excelente xornada? Acaso o raposo da Laracha está vivindo as súas últimas partida como vermello? Moitas incógnitas voan sobre as Terras de Bergantiños. COQ quedouse a 2 ptos do triunfo, FILL quedou a 20 ptos do terceiro clasificado na xornada. CHA quedou por detrás dos tres grandes do Noroeste e por diante de FILL. LÚA e RIN… pois, a velas vir. En resume, só estes dous equipos cumpriron as expectativas.

O vencedor da xornada foi Roi de APB A Laracha, segundo Marco de Cochiqueiros de Cerceda e terceiro Abel Regueiro do mesmo equipos. En feminina ganou Lú de Lúa de Forza Sanxenxo, segunda quedou Silvia de Cochiqueiros e terceira Irene do mesmo equipo. En infantil foi primeiro Miguel de Campo da Feira, segundo Kevin de APB e terceiro Valentín de Filloas de Sangue da Coruña.

 

O compañeiro Andrade presidiu a xornada desde a súa cadeira con rodas e compartiu a entrega de trofeos e posterior xantar que prepararon as mulleres e os homes de Filloas de Sangue e que foi organizado nas mesmas instalacións exteriores do MELGA. Foron momentos de moita emoción durante o reencontro con esta persoa de tan grandes virtudes humanas.

Despois da xornada houbo un ágape degustación de empanadas, tortillas, xamón asado e tortas variadas, xunto con bebidas refrescantes e, como non, coa afrodisíaca sidra MIRÁNDARA, colleita 2023. A sidra que reduce a oxidación celular e prolonga a vida. Comprobado científicamente, incluso miltíficamente. De novo, Filloas estivo soberbio na organización da xornada e contou co seu patrocinador principal, Bar o Seixoso.

ACTAS

As CLASIFICACIÓNS NOROESTE quedan así despois de sumar os ptos desta xornada. Os títulos individuais están bastante claros a falta de dúas xornadas e serán para Xan, Merche e Valentín. O título de Equipos está no aire, nunca mellor dito, está no aire como a billarda antes de petarlle duro para desprazala. APB sitúase de novo como líder con 3 ptos de vantaxe sobre FEI. Dúas xornadas por diante e nada decidido. O empate a ptos beneficia ao equipo de Paiosaco por maior número de vitorias. A recuperación de Lito Pena, a presenza da sección Trasancos para a próxima xornada de Cabanas xunto coa non convocatoria de Cotelo poden ser factores decisivos para que APB se afiance no liderado… ou non, quen sabe?

8 temporadas e 105 xornadas despois, Roi Rey Vilas acada o primeiro triunfo na súa carreira deportiva. Roi é o xogador en activo que tiña máis segundos postos do Noroeste sen ter ningunha vitoria. Vaia, ata onte. Roi é un dos máis prometedores e talentosos Millenial da Liga de Billarda, só lle falta superar a irregularidade en certos momentos e mellorar eses golpes decisivos baixo presión. Non lle queda nada ou case nada para ser candidato a todo, tanto para o Título Noroeste como para o Título Galego. Abel Regueiro é outro xogador destacado na xornada de Ponteceso. O de Cerceda obtivo o maior número de puntos da xornada e semella transformado en volvoreta rosa. Despois de competir un par de xornadas nas Rías Baixas experimentou unha metamorfose inesperada e xa axexa os postos de podio. Marco completou o dúo cochiqueiro que pintou o podio de cor rosada.

Finalistas: Marco, Juan Carlos, Abel Regueiro e Roi

Estas actuacións individuais destacadas hai que poñelas en contexto colectivo. A vitoria de APB non podemos considerala sorpresa, mais si inesperada a cantidade de ptos que lle sacaron a FEI. As actuacións maxistrais de Roi 21 ptos, Collazo 20 ptos, Riveiro 19 ptos e Lito 15 ptos deronlle a APB 75 ptos. A presenza de Lito Pena despois de varias xornadas sen competir deulle o pulo necesario para vencer e convencer.

FEI non puido máis que alcanzar 63 ptos. E menos mal que Dedu tirou do equipo de Paiosaco. Edu fixo 18 ptos, Charli, Juan Carlos e Abel Ponte fixeron 15 ptos cada un. A pesar de presentar 12 xogadores contra 7 de APB, as cousas non funcionaron para o supercampión Campo da Feira. COQ si que tivo o triunfo da xornada na súa man, mellor dito, no palán de Abel Regueiro 22 ptos e de Marco 20 ptos. Fixo en total o equipo rosa 73 ptos. Calquera deses xogadores que ganase a xornada, e opcións tiveron os dous para facelo, daría a vitoria ao equipo da Cochica. 17 ptos fixo Viqueira e 14 pts Berdi. Coñecida é a debilidade psicolóxica do equipo cercedense nos momentos decisivos e o amado líder Berdillo afirma que “a única solución sería o uso de substancias que provocasen a secreción de dopamina. Eses momentos de máxima Precisión máis Presión (PP) a nós mátannos”.

Filloas sumou 43 ptos. Gándara 14, Miranda e Valentín 10 ptos cada un e 9 ptos Josecho. Só Gándara estivo a bo nivel e a debilidade de Josecho nesta xornada notouse en exceso o equipo herculino. Chaínzos-Cadaval conseguiu 41 ptos. Kiko 17 ptos, Luís Ares e Bonxe 10 ptos e Delia 4 ptos. Kiko dirixiu a escuadra verde da chaira con mestría, pero Bonxe non estaba católico, fisicamente falando, e Luís e Delia souberon das empanadas e da sidra demasiado pronto. Circunstancia esta que os desequilibrou bastante no xogo, sobre todo, cando contaron o número de comensais e o número de tortillas e empanadas e non lle daban as contas. Vaia, que atenderon máis a encontrar un sitio a pé de mesa que a localizar a billarda no aire.

VINDEIRA XORNADA

4 XUÑO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *