CORREDOIRAS sentenciou en SOUTOMAIOR e Álvaro foi o mellor
Soutomaior ten un aura lendaria e un castelo de pedras centenarias. Pedras que escoitaron ruído de espada contra espada, de metal contra metal. Pedras cheas de berros que a furia das batallas emitía. Hoxe, todo iso forma parte da literatura épica e da narración oral. Vaia, e da percepción dalgunha persoa sensitiva. Onte, as pedras do Castelo de Soutomaior escoitaron e oíron o son de madeira contra madeira, percusión vexetal de palán contra billarda. Durante 3 horas, deportistas lendarios interpretaron unha sintonía en clave de sol e vento.
12 intrépid@s palanador@s do Noroeste acercaron os seus paláns ata Soutomaior. A súa intención era discreta e moderada, no terreo de xogo, non facer o pailaroco como noutras ocasións e no territorio, visitar o castelo e degustar un delicioso xantar e sobremesa. Houbo participación de 3 equipos, APB (Collazo), Campo da Feira (Eladio, Enrique, Xulio e Moñas) e Cochiqueiros (Abel, Berdi, Viqueira, Sonia, Silvia e Chus). Na foto de abaixo vemos ao equipo de Cerceda na entrada do Castelo de Soutomaior, horas antes de disputarse a 14 xornada da Liga Atlántica de Billarda, Rías Baixas.
Pois ben, non se sabe con certeza que nutrientes formaron o menú da xente do noroeste, o que si sabemos e podemos escribir é que Abel Regueiro, home que se caracteriza por tirar sempre dunha abundante hidratación, estivo a piques de ganar a xornada. O seu vigor competitivo só cedeu no golpe de desempate contra Álvaro, despois de entrar os dous xogadores en dous golpes na final a 6. A final disputárona esas dúas almas, máis Ricar, Piru, Charri e Santiago.
Entón, neste golpe de desempate… “Me cagho na …. de Santa ….“, estas foron as sentidas palabras de Abel cando observou que o seu palán non encontrou o corpo da billarda en todo o seu esplendor e a billarda avanzou o que puido, que non foi moito, apenas 2 metros e varios centímetros. “Quedeime curto co licor café, por que non lle botaría os 4 últimos grolos? Me cagho no Pedro Madruga e no seu escudo de armas”. Non había quen consolara a Abel. Tivo o triunfo tan cerca, tan cerca…
Álvaro de Gharaboto de Marín ganou a xornada, segundo foi Abel Regueiro de Cochiqueiros de Cerceda e terceiro Ricar de Corredoiras Bueu. En categoría feminina foi primeira Bego de Corredoiras, segunda María Caride de Gharaboto e terceira Aldara do mesmo equipo. En categoría infantil ganou Xían de Lúa de Forza Sanxenxo, segundo foi Hugo de Gharaboto e terceira Antía do mesmo equipo. En Categoría de equipos, o gran vencedor foi Corredoiras Bueu, segundo Gharaboto e terceiro Lúa de Forza. En equipos femininos, foi primeiro Gharaboto F, segundo Valpaços de Vigo e terceiro Lúa.
ACTAS
Sumados os ptos da xornada así quedan as CLASIFICACIÓNS. Podemos considerar que Corredoiras deu un paso definitivo para ser de novo campión 2022-23, pois avantaxa a Gharaboto en 48 ptos, que son moitos ptos para 2 xornadas que faltan. O actual campiónda Liga Atlántica revalidará título Rías Baixas. Completou unha temporada perfecta, xa que, desde a primeira xornada mantívose de líder. Certo que Gharaboto estivo na segunda posición moi cerca en algún tramo da temporada, mais as sensacións eran que o equipo de Bueu apretaba cando o necesitaba e cando non deixábase ir un pouco. En fin, incontestable o que vai ser noveno título Rías Baixas de Corredoiras.
Na Categoría Individual Feminina, Bego Ríos tamén certificou o seu novo título xa que son 33 ptos os que lle leva a Tania. Salvo, circunstancias alleas ao xogo, Bego acadará o seu oitavo título individual Rías Baixas. María Caride foi a beneficiada da mala actuación de Tania. Agora a de Gharaboto sitúase tan só 9 ptos por detrás da de Valpaços. Por detrás, Lu tería que facer dúas xornadas finais impecables para acercarse á terceira praza de podio, que ten actualmente a 20 ptos.
Na categoría individual Infantil, mantense o pulso entre O Raio Verde Xián e Hugo. 13 ptos separan ao xogador de Lúa do de Gharaboto. Quedan dúas xornadas e todo pode pasar. Son dous xogadores capaces de facer nunha xornada 20 ptos, polo tanto, hai que esperar ata a última xornada. A terceira praza de podio está ocupada por Antía e ten a Lucía a 14 ptos. Vai ser difícil que Lucía poida superar á xogadora de Gharaboto. Non obstante, se na vindeira xornada Lucía baixa a diferenza na xeral a menos de 10 ptos teriamos emoción na última xornada.
Na categoría individual Absoluta, a loita polo título continúa sen decidir nada. Agora Xan supera a Álvaro por 1 pto, isto significa que todo se decidirá na última xornada. Quen chegue por diante a esa última xornada vai ter o factor emocional ao seu favor. Por detrás, Ricar está apertando moito para manter as esperanza de título e cos seus 20 ptos de onte colócase a 11 ptos do liderado. Despois de facer unha media de 22 ptos nas 3 últimas xornadas aínda ten opcións. O de Bueu mira cara arriba, pero non debe esquecerse de mirar abaixo, pois ten a Piru a 11 ptos. Os demais están sen opcións de podio.
Na Categoría de Equipos F, Gharaboto F deu un paso que pode ser definitivo. Agora supera a Valpaços en 14 ptos. Veremos se o equipo morado se levanta deste duro golpe. A terceira posición de podio está asegurada para Lúa de Forza F. Esta temporada vaise disputar por primeira vez unha final de Equipos F nas Finais 2023 e as escuadras Rías Baixas parten como claras favoritas para optar a este primeiro título Equipos F.