Venres, Decembro 13, 2024
ActualidadeXornada

Felix de Billardeiros e Campo da Feira triunfadores en Soandres

A xornada decimoterceira do Noroeste xogouse baixo un ceo cuberto de nubes baixas e de cores escuras. O Campo de Ponte do Sal estaba nunhas condicións magníficas para a práctica da billarda. Coa participación de 7 equipos da Liga Atlántica, a competición presentábase con moitas alternativas. Desde Ribadeo chegou o equipo Billardeiros Musicais coa intención de ganar a xornada, e pouco lle faltou. A loita polo liderado estaba marcada por 3 ptos que separaban na xeral a Campo da Feira do seu perseguidor APB. Cochiqueiros buscaba asegurarse a terceira praza que dá dereito a participar nas Finais 2023 e Filloas quería manter algunha esperanza de acceder a esa praza.

Despois de rematar a fase de grupos a distancia mantíñase. Os cruces eliminatorios ían decidir a sorte desta xornada. Realmente, o azar ou o destino ou o que queira que haxa no infinito invisible, quixo que nun cruce se encontran os paláns de 3 xogadores de APB, dos 5 que pasaron da fase de grupos. Entón, e curiosamente, pasou Cotelo, quen obtivera menos ptos que o resto dos seus compañeiros de equipo na fase de grupos. En fin, Cotelo chegou á final e de novo sufriu unha baixada de rendemento chamada “Efecto Rino“, caracterizado por unha aceleración excesiva do músculo cardíaco e por bromhidrosis (olor corporal excesivo ou anómalo). Sucedeu o esperado, quedou cuarto. Riveiro chegou ás semifinais e os demais compañeiros quedaron eliminados no primeiro cruce. Cousa que prexudicou a APB, xa que, estes dous xogadores que avanzaron nas eliminatorias conseguiran só 8 ptos na fase de grupos. Ademias, esta circunstancia xuntouse coa de que Abel e Eladio ocuparon a segunda e terceira praza do podio, respectivamente.

Campo da Feira obtivo un botín inesperado e superou en 6 ptos a APB. Cochiqueiros superou a Filloas en 8 ptos. Así, as dúas pugnas seguen vivas. Polo título, FEI supera en 9 ptos a APB. Pola praza de finalista, Cochiqueiros supera a Filloas en 37 ptos.

A final a 4 non tivo máis historia que a de Félix, que completou as dúas carreiras en 2 golpes, algo inalcanzable para o resto. Abel Ponte foi o único que puxo algo de resistencia ao dominio do Billardeiro Musical. Tanto Eladio como Cotelo non entraron  en ningunha das dúas carreiras e tiveron que ir ao desempate a un golpe.

Ganou a xornada Félix de Billardeiros Musicais de Ribadeo, segundo foi Abel Ponte de Campo da Feira de Paiosaco e terceiro Eladio deste mesmo equipo. En Categoría femina, o equipo de Billardeiros ocupou as tres prazas, con Geni como ganadora, segunda foi Dori e terceira Aroa. En Categoría infantil, ganou Valentín de Filloas de Sangue da Coruña, segundo foi Kevin de APB e terceiro Lucas de Cochiqueiros de Cerceca.

ACTAS

Despois de sumar os ptos desta xornada así quedan as CLASIFICACIÓNS . As prazas para participar nas Finais 2023 do 25 de xuño en Bueu que corresponden ao Noroeste (por porcentaxes de participación) son 15 na Categoría Absoluta e 5 na Categoría Feminina e 3 na Categoría de Equipos. Faltan 3 xornadas e os paláns están fervendo. Hai varios xogadores de moito nivel que están fóra desas prazas, como Gándara, Óscar Ponte e Xulio e que se supón que buscarán os ptos necesarios para acceder ás finais 2023.

VINDEIRA XORNADA

PONTECESO

28 MAIO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *