Venres, Abril 19, 2024
ActualidadeXornada

GHARABOTO xogou como intruso e ganou a todos en Beluso

O pavillón de Beluso foi o escenario da 13 xornada da LAB. Os antecedentes das 3 xornadas que se xogaran en pavillón esta temporada indicaban que o equipo que quixese ganar debería pasar dos 100 ptos e que Gharaboto de Marín pasaba a ser o gran favorito, pois o equipo de Marín nesas xornadas disputadas a cuberto acadara en todas os 100 ptos. Os datos tamén indicaban que Lúa de Forza Sanxenxo debería sufrir sobre a superficie dura de Beluso e que Corredoiras Bueu ía loitar pola vitoria. Xaora, as previsións cumpríronse. Gharaboto foise aos 102 ptos para lograr o triunfo, Corredoiras quedouse en 97 e Lúa sufriu, ben e moito, con 80 ptos. Valpaços tivo unha magnífica actuación con 78 ptos sustentado na extraordinaria actuación da infantil Lucía (25 pts). Rinoceronte de Pontevedra con só 4 xogador@s chegou aos 53 ptos e Armadiña de Combarro, tamén con 4 xogador@s, alcanzou os 29 ptos.

Disputaron a final a 6, 3 xogadores de Corredoiras, Ricar, Bego e Beni, 2 xogadores de Gharaboto Piru e Hugo e 1 xogadora de Valpaços, Tania. Arbitrou o Xuíz de campo da delegación de Beluso, Salvador Torres. A final foi vista e non vista para Bego e Piru, quen nos seus primeiros golpes fixeron un varado. A terceira posición foi para Tania que entrou no segundo golpe. Ricar, Hugo e Beni quedaron sen opcións ao non entrar nos seus segundos golpes. Así, Bego e Piru foron ao golpe de desempate. Empezou golpeando Piru e situou a súa billarda en medio campo, cousa que foi suficiente para vencer, xa que Bego golpeou a billarda sobre a superficie de caucho, si, golpeouna, pero a condenada madeira avanzou 8 metros, distancia insuficiente.

Na Categoría Absoluta, Piru de Gharaboto foi unha apisoadora sobre a superficie de caucho, con 32 ptos e 4 varados. Segunda foi Bego de Corredoiras Bueu con 27 ptos e terceira Tania de Valpaços Terra Quente de Vigo. Na Categoría Feminina, foi primeira Lucía de Valpaços, segunda foi Antía de Gharaboto e terceira María Caride do mesmo equipo. En Categoría Infantil ganou Hugo de Gharaboto, segundo foi Xián de Lúa e terceira Sofía de Gharaboto. En Categoría de Equipos F, ganou Valpaços F, por diante de Gharaboto F e de Lúa F.

O pavillón de Beluso ten unha superficie que non esvara tanto como noutros pavillóns e favorece os golpes precisos e ben dirixidos. Así, fixéronse 12 varados, que non son moitos, xa que nas 3 xornadas anteriores xogadas en pavillón houbo 28, 37 e 52 varados.  Certo que xogar a cuberto axuda a que as puntuacións sexan elevadas, dado que a distancia a percorrer nos pavillóns é de 40 metros e de 50 metros cando se xoga en exterior. Ben, 28 xogador@s, isto é o 53%, conseguiron 15 ptos ou máis, cousa que significa ter unha media de 3 ptos por carreira.

As CLASIFICACIÓNS xa están actualizadas, despois de sumar as puntuacións desta xornada. A cabeza da xeral individual absoluta mantén as mesmas catro posicións, Xan líder, segundo Álvaro, terceiro Ricar e cuarto Piru. Os dous primeiros manteñen o pulso para obter o título. Álvaro recortoulle 3 ptos ao de Lúa e agora iguala na primeira posición. Xan mantén o liderado por maior número de vitorias. Na terceira posición está Ricar. O de Corredoiras está a 14 ptos do liderado e ten a Piru a 5 ptos na cuarta posición. Estes son os xogadores que teñen posibilidades reais de Título. Parece difícil que Ricar e Piru poidan ameazar a Xan e Álvaro, pero con 3 xornadas por diante e tantos ptos en xogo, quen pode asegurar algo?

Na Categoría Feminina Bego deu un paso definitivo para lograr o título. Fixo 27 ptos e ampliou a distancia coa segunda clasificada, Tania. Agora son 21 ptos de vantaxe para a de Bueu, situación que se antolla definitiva. A terceira praza de podio ocúpaa María Caride con 13 ptos de distancia sobre Lu e tamén semella definitiva. María podería ameazar a segunda posición de Tania? Improbable, pois son 18 ptos de marxe os que ten a xogadora de Vigo. Na Categoría Infantil continúa a emocionante pugna entre O Raio Verde Xián e Hugo. Agora, hai 11 ptos de distancia a favor do de Lúa. Na terceira posición Antía mantén a Lucía a 14 ptos. Na Categoría Equipos F Valpaços conseguiu rabuñar 2 ptos e separarse outros tantos de Gharaboto, na cabeza da táboa clasificatoria.

VINDEIRA XORNADA

20 MAIO

SOUTOMAIOR

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *