Mércores, Decembro 11, 2024
ActualidadeXornada

David Fernandez gana en Cerceda e Cochiqueiros vístese de seda

O tempo chuvioso na Comarca de Ordes obrigou a refuxiarse no pavillón do Piñeiro. Así, o cemento pulido ía dictar sentenza e o equipo local Cochiqueiros estaba todo cheo de ledicia e contentamento, non pola superficie rápida e escorregadiza, que en principio non favorece os seus bestiais golpes case sempre descontrolados, máis ben por non ter que erguerse cedo para organizar a loxística de transporte do material e marcar os campos. Ben, con este novo escenario todo podía pasar e as posibilidades de vitoria quedaban en mans do azar, do arbitrio e da vontade dos seres que habitan nos pavillóns polideportivos. O conto estaba escrito antes de comezar a xornada. O marcador do pavillón do Piñeiro reflectía unha vitoria incontestable do equipo local.

Despois de 4 anos, 4 meses e 7 días Cochiqueiros volve ganar unha xornada de liga. A última que ganara fora o 16 de decembro de 2018 en Folgueira-Castelo (Culleredo), na 9ª xornada da temporada 2018-19. Curiosamente, tamén choveu aquel domingo e houbo que xogar en superficie cuberta e de cemento. Pois, si, o Rexurdimento de Cochiqueiros é unha realidade. Despois de atravesar tantos anos escuros o equipo da cochica ve e mira a luz. En Categoría Individual Absoluta ganou David de Cochiqueiros de Cerceda, segundo foi o seu compañeiro de equipo Viqueira e terceiro Cotelo de APB A Laracha,

Na Categoría Feminina, foi primeira Lu de Lúa de Forza Sanxenxo, segunda quedou Merche de APB A Laracha e terceira Lola de Rinoceronte de Pontevedra.

Na Categoría Infantil ganou Miguel Cancela de Campo da Feira, segundo foi Valentín de Filloas de Sangue da Coruña e terceiro Aleixo de Cochiqueiros.

O gran triunfador da xornada foi David Fernández Prego. Primeira vitoria na súa carreira deportiva e cun futuro prometedor. Durante moitos anos Cochiqueiros apoiouse en Berdi e Viqueira como as súas columnas basais e o equipo superou toda dificultade, aguantando os movementos sísmicos que puxeron en perigo a súa subsistencia, mesmo tiveron que acudir a unha UTE (unión temporal de equipos). Agora, son novos tempos e a chegada dunha xeración milenial cun novo “amado líder”, Abel Regueiro, fixo que este equipo histórico recupere a frescura e o vigor doutra época. O novo Amado Líder chegou co firme propósito de prender a luz na escuridade e o primeiro que fixo foi fortalecer a sección F do equipo. A día de hoxe o equipo feminino é o máis poderoso da Conferencia Noroeste e vai ter ocasión nas Finais 2023 de competir por un Título de Equipos F coas grandes escuadras das Rías Baixas.  Tal é a fame deportiva do equipo que agora pensa nesa clasificación para as Finais 2023. Esta temporada clasifícanse 3 equipos do NOR e terán oportunidade de loitar por ese posto contra Filloas de Sangue. Esta xornada déronlle unha boa trabada á clasificación e superaron en 19 ptos ao equipo filloeiro. Agora, son 29 ptos os que separan aos dous equipos.

Que dicir dos equipos que loitan polo título? Ben, Campo da Feira salvou o liderado por 3 ptos. Si, APB superou en 6 ptos ao equipo de Paiosaco. Comentábase entre as persoas expertas na materia que a ausencia de Araña notouna, sobre todo APB, que xogou moito máis relaxado e tranquilo. Ben certo que a ausencia de EGASA queda patente na foto dos finalistas, foto feita por mans pouco expertas.

Así as cousas, faltan 4 xornadas e todo fai pensar que ata a última xornada hai touciño. Salientar que APB fichou a Marcos Bermúdez para esta recta final de temporada. O novo xogador procede da escola de billarda de APB, máis concretamente do seu equipo filial Santa Marta APB. Víronselle maneiras de golpear a billarda características do estilo “Santa”, con ese xiro de baile posterior ao golpeo que creou o Gran Julito Vilas. Pola súa parte, Filloas está sobrevivindo co seu sexteto máxico, encabezado polo indomable Valentín Pastoriza. Lois Fontán, Miranda, Gándara, Josecho e Insua, cos seus achaques, van aguantando o pulso. Queren esa terceira praza que dará dereito a participar nas Finais 2023. Cando cheguen as temperaturas mornas e a humidade baixe van ir a por todas.

Pois si, sumados os ptos da xornada as CLASIFICACIÓNS quedan desta maneira. A clasificación máis disputada é a de Equipos, con FEI en cabeza e APB a 3 ptos. Nas clasificacións individuais os liderados están consolidados con Xan dominando a Absoluta, con Merche primeira na Feminina e con Valentín na Infantil.

A xornada de hoxe servía tamén para elixir aos representantes do Noroeste na SuperCopa de Billarda que se celebrará o vindeiro sábado 29 abril e televisada pola TVG, que xa ten vídeo promocional. VÍDEO PROMOCIONAL DA SUPER COPA DE DEPORTES TRADICIONAIS.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *