Sábado, Abril 20, 2024
ActualidadeXornada

Lúa de Forza venceu na Armenteira

As nubes baixas non se atreveron a descargar auga, grazas a que foron empuxadas polo forte vento suroeste que non lles deixou acougo para cumprir coa súa sagrada misión, a de mollar o planeta. Desta maneira, a xornada 12 da Liga Atlántica de Billarda, Rías Baixas, disputouse en exterior, concretamente no Campo do Leixo (Armenteira). Un terreo en magníficas condicións para que a billarda saltara, brincara e fixera chimpacarneiros e filigranas.

En definitiva, terra lisa, dura e sen fochancas. Que máis se pode desexar? Si, certo, se non soprara tan forte o suroeste moito mellor, mais a épica deste deporte milenario necesita argumentos para engordar a súa lenda, nacida en leiras, prados e camiños.

O noso agradecemento vai para o Armenteira Club de Fútbol por deixarnos usar as súas instalacións e para o Concello de Meis pola súa sempre boa disposición a axudar na difusión e fomento da práctica deste deporte marabilloso chamado Billarda. Desde a concellaría de Deportes fixeron as xestións para dispoñer de instalacións, tanto en exterior como en interior, por se acaso chovía, ademais de colaborar cos trofeos. Na cerimonia final de entrega de premios estiveron a Alcaldesa, Marta Giraldez e a a concelleira de Deporte, María Sancho e Martín Casais, presidente do Armenteira C.F.

Ganou a xornada Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo, segundo foi Pepe de Corredoiras Bueu e terceiro Xián do mesmo equipo que o ganador. En Categoría Feminina, foi primeira Lú de Lúa, segunda quedou Antía, de Gharaboto de Marín e terceira Bego de Corredoiras. En Categoría Infantil, venceu Hugo de Gharaboto, por diante de Lucía de Valpaços de Vigo e terceira foi Sofía de Gharaboto. En Equipos Absolutos ganou Lúa de Forza, segundo Corredoiras e terceiro Gharaboto. En Equipos Femininos venceu Gharaboto F, segundo foi Valpaços F e terceiro Lúa de Forza F.

ACTAS

O crecemento deportivo das nenas e nenos que practican billarda está cada día máis corroborado polos seus resultados. Na xornada da Armenteira, das oitos mellores puntuacións, 3 foron para xogadores menores de 15 anos. Así, Xián acadou 21 ptos, a segunda mellor marca da xornada e quedou terceiro no podio da Categoría Absoluta. Hugo con 18 ptos foi a sexta mellor puntuación da xornada e Antía con 17 ptos foi a sétima mellor puntuación da xornada. Lucía e Sofía con 10 ptos quedaron na sexta posición da Categoría Feminina dun total de 25 participantes, Aldara con 8 tamén foi das mellores. Estes nenos e nenas comezaron a practicar billarda cando tiveron a forza para soster o palán nas súas mans, e non é retórica literaria. Outras nenas, como Aldara e Sofía, chegaron a través de compartir colexio con Antía. Ían, Alexis Castro, Naia, Mauro, Óscar Caldas, Aki, Martín Castro, Xaínza e Brais grazas ao empeño das súas familias que lle transmitiron esta práctica patrimonial. En fin, o colexio e a familia son o alcouve no que medra o futuro e o presente da billarda e debemos regalo e nutrilo. Falando de regar, a choiva apareceu ao finalizar a entrega de trofeos, as nubes quixeron respectar o horario da billarda, grazas amigas.

Despois de sumados os ptos da xornada quedan así as CLASIFICACIÓNS . A Individual Absoluta cambia de líder, agora Xan está por enriba de Álvaro, cunha distancia de 3 ptos. Ricar asegura a terceira posición e acércase aos dous primeiros, xa que os seus 22 ptos da xornada non foron superados por ninguén. Piru queda na cuarta posición. Quinto sitúase Fari, que superou a Charri, quen tivo unha actuación paupérrima (falando sen contemplacións sentimentais, cataclismo, catástrofe e desfeita sen precedentes)  con 7 ptos. Foi tan penosa a súa actuación que foi a peor desta temporada con diferenza. O mexicano de Cabalo, Beluso,  argumentou que o son dos cantos gregorianos que chegaban desde o Mosteiro da Armenteira envolvérono nun sopor embriagador. Resumindo, que de 5 carreiras que disputou, só entrou nunha e no último golpe. Algo inaudito, insólito e infrecuente no Got Talent da billarda.

Pola outra beira, temos actuacións por enriba do esperado, como foi a de Lino, quen con 20 ptos situouse na final a 6. Non entrou no podio, mais conseguiu billete para a SUPERCOPA do próximo sábado 29 de abril. Luís Gon tampouco entrou no podio e tamén conseguiu billete para a SUPERCOPA, a pesar de ter diminuídas as súas condicións físicas, cousa que lle vai impedir usar ese billete para participar nese prestixioso torneo televisado. Unha pena, non obstante, o máis importante é que o de Portonovo se recupere canto antes. Pepe Malvido foi outro dos grandes triunfadores da tarde. O de Bueu subiu ao segundo chanzo do podio e estivo a piques, a centímetros de lograr a vitoria, pois no golpe de desempate para decidir o ganador golpeou máis lonxe ca Xan, o que pasa é que non controlou o ancho do campo e a billarda bateu fóra dos límites do terreo. Olliño co Malvido que na xornada anterior tamén foi segundo. O seu progreso queda definido no posto que ocupa na xeral, 14 posición ou dito doutra maneira, en postos de finalista da LAB. Hai que lembrar que esta é a súa primeira temporada na liga de billarda. Entre as mulleres Lu e Antía foron as máis destacadas, xunto coa sempre segura Bego. María Caride mantivo súa a regularidade e Yolanda continúa o seu ascenso.

En Individual infantil Xián continúa líder e Hugo segundo. Antía conserva a terceira posición e distánciase algo máis de Lucía na cuarta posición. O A vitoria de Lúa de Forza en categoría equipos fixo que o equipo de Sanxenxo superara ao Gharaboto de Marín no segundo posto. Corredoiras segue como líder destacado. En equipos F, Gharaboto ganou e colócase novo líder empatado a puntos con Valpaços, pero con maior número de vitorias. Lúa de Forza faise forte na terceira posición do podio.

 

 

 

SÁBADO 22 ABRIL

A CORUÑA

SUPERCOPA DE BILLARDA (televisado en directo pola TVG)

VÍDEO PROMOCIONAL DA SUPER COPA DE DEPORTES TRADICIONAIS

PRÓXIMA XORNADA DE LIGA

SOUTOMAIOR

6 XUÑO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *