Mércores, Decembro 11, 2024
ActualidadeXornada

ELADIO VARELA, no Campo de Billarda da Reiboa, navegou a toda vela.

O Campo de Billarda da Reiboa en Poio, unha instalación pioneira no deporte da billarda, acolleu a xornada 11 da Liga Atlántica de Billarda. Os chuvascos da mañá deixaron o terreo de xogo mollado. A partir das 15 horas o ceo comezou a espirse de nubes e os tons azuis dominaron a atmósfera. Chegaban os equipos e os corpos humanos cargados de roupa de abrigo. Amodiño, o peso da roupa foi minguando. A media xornada o protector solar fíxose necesario.

Nesta xornada estiveron presentes 3 equipos da provincia da Coruña, Cochiqueiros de Cerceda, Campo da Feira de Paiosaco e APB A Laracha, ademais dos 6 equipos de Pontevedra. Así, a rivalidade Norte-Sur estaba servida e repartida. O aire atlántico da Ría de Pontevedra semellaba favorable aos equipos sureños. Efectivamente, os resultados foron positivos para o Sur, pois acadaron todas as posicións dos podios. Todas? Vaia, todas non! Houbo unha posición que foi ocupada por un irreductible palanador do norte que resistiu, aínda e coma sempre ao dominio do Sur. Un xogador afouto e posuídor dunha apócema máxica que o mantén brioso e robusto desde unha tenra idade. Ademais, coidouse de facer un xantar lixeiro e vitamínico. Eladio Varela, Ladito Zapatos, foi o gran triunfador da xornada. Certo que todos as demais xogadoras e xogadores do Noroeste apuraron o tempo do xantar e da sobremesa, cousa que lles pasou factura, ao final da comida e tamén á hora de golpear as billardas. Si, incluso o equipo de Campo da Feira chegou coa xornada empezada. “Sóbranme ptos xogando 2 carreiras menos“, afirmaba Moñas.

A Magnífica organización foi obra ACDM Armadiña de Combarro. O concello de Poio colaborou coa organización un ano máis, mostrando unha disposición e sensibilidade máxima coa billarda, cousa que fala do afán que teñen en manter viva e activa esta práctica deportiva. Na entrega de trofeos estivo Raquel Rodríguez concelleira de cultura e educación do concello de Poio.

Ganou a xornada Eladio Varela de Campo da Feira de Paiosaco, segundo foi Pepe de Corredoiras Bueu e terceiro Xián de Lúa de Forza Sanxenxo. En categoría feminina ganou Lu de Lúa de Forza, segunda foi Bego de Corredoiras e terceira Antía de Gharaboto de Marín. En categoría infantil ganou Hugo de Gharaboto, segundo foi Mauro de Lúa e terceira Aldara de Gharaboto.

Por equipos ganou Corredoiras con 66 ptos, seguido de Lúa con 61 ptos e Gharaboto 60 ptos. En equipos F ganou Gharaboto con 37 ptos, segundo foi Lúa F con 29 ptos e terceiro Valpaços F con 27 ptos. O campo de billarda da Reiboa é esixente e desta vez tamén o foi. As maiores puntuacións foron as de Piru de Gharaboto con 21 ptos, Pepe de Corredoiras con 19,  Moñas de Campo da Feira con 18 ptos, igual que Ricar, e conseguiron 17 ptos, Far de Corredoiras, Gerardo de Lúa e o ganador da xornada, Eladio Varela de Campo da Feira. Todas as demais puntuacións foron inferiores aos 17 ptos. En fin, non foi doado acadar os dobres díxitos.

Salientar as actuacións de xogadores que son da zona media da clasificación e que destacaron accedendo ao podio da xornada. Eladio Varela de Campo da Feira e Pepe de Corredoiras, foron primeiro e segundo da xornada, respectivamente. Fabulosas actuacións as súas. Despois, podemos salientar que Moñas, como quen di un ninguén na clasificación da LAB, foi outra sorpresa pola súa elevada puntuación, 18 ptos. “Moñas, vente para o Sur”, podía ser o título dunha comedia , mais só é unha frase que lle repetían varios xogadores das Rías Baixas ao manso Moñas.

Despois de sumar os ptos desta xornada as CLASIFICACIÓNS seguen a estar encabezadas polas mesmas persoas e equipos. Houbo algún cambio nas posicións de podio na categoría individual absoluta. Desta maneira, a ausencia de Charri favoreceu a Ricar que agora sitúase en terceira posición. Piru xa está cuarto a 1 ptos de Ricar. Álvaro continúa defendendo con éxito o seu liderado. Iso si empatado a ptos con Xan. Na categoría individual feminina, Bego 174 ptos distánciase un pouquiño de Tania 169 ptos. María Caride está tranquila na terceira posición que deberá defender de Lu, quen tivo unha xornada fenomenal e agora queda cuarta a 11 ptos de Caride. Na categoría individual infantil Hugo 157 ptos continúa acercándose a Xián 167 ptos. Xián mantense firme e regular, o que pasa é que Hugo subiu moito o seu rendemento e intuímos unha fermosa pugna. Na terceira posición, Antía refrenda o podio cunha gran xornada. Lucía queda en cuarta posición a 13 ptos da xogadora  de Gharaboto. En equipos Corredoiras continúa líder e con 28 ptos de distancia sobre Gharaboto. Lúa queda na terceira posición a 10 ptos do equipo de Marín. Na categoría equipos F a vitoria de Gharaboto F mételle un ingrediente máis de emoción. Hai un par de xornadas todo parecía decidido a favor de Valpaços F e agora a tendencia fala de que o equipo de Marín vai loitarlle o título con moitas opcións de alcanzar e superar ao equipo de Vigo. Veremos, ollaremos e miraremos.

PRÓXIMA XORNADA

22 ABRIL

MEIS

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *