Juan Carlos primeiro, venceu en Bastiagueiro e Campo da Feira xa conquistou a leira.
O impresionante escenario da praia de Bastiagueiro no concello de Oleiros estaba cheo de seres humanos practicando diversas modalidades deportivas. Sobre as ondas do mar, o surf era o deporte máis axeitado. O fútbol praia apoderouse da area dura que ía deixando a baixamar na punta este. E sobre o extremo oeste da praia, a billarda estableceu tres magníficos campos de superficie mixta. Porcións de area dura, semidura e fina foron a delicia de xogadoras e observadores.
Non había perigo de tirarse de cabeza a polo golpe perfecto, xa que, o impacto era moi agradecido co corpo e cos sentidos, máis ben, cun dos sentidos, co sentido do humor. Agradecemos ao Concello de Oleiros na persoa da concelleira de deportes, Teresa Vázquez Maseda, por autorizar o uso da praia de Bastiagueiro para a disputa dunha xornada da Liga Atlántica de Billarda. Tamén, agradecemos á Deputación Provincial da Coruña a colaboración nos premios e agasallos para os primeiros e primeiras clasificadas na xornada.
A poucos minutos de comezar a xornada algunha que outra pinga asustou a moitos palanadores que se refuxiaron no único lugar de acubillo. Realmente, non foi máis que a regadura necesaria para deixar a area en perfectas condicións. Pouco a pouco o ceo foise abrindo e o sol acompañou o desenvolvemento do xogo. A superficie de area non dá facilidades ao avance da billarda unha vez que golpea no chan, mais si favorece os escorzos, pinchacarneiros e piruetas acrobáticas. Cousa que non está ao alcance de todos os corpos e de case ningunha alma.
PODIOS
O ganador da xornada foi Juan Carlos de Campo da Feira de Paiosaco, segundo foi Óscar Ponte do mesmo equipo e terceiro Roi de APB A Laracha.
En Categoría Feminina, ganou Merche de APB, segunda foi Lu de Lúa de Forza Sanxenxo e terceira Auri de Campo da Feira.
En Categoría Infantil, o vencedor foi Valentín Pastoriza de Filloas de Sangue da Coruña, segundo Miguel Cancela de Campo da Feira e terceiro Kevin Torres de APB.
ACTAS
Unha vez sumadas as puntuacións vennos á memoria e ao entendemento un poema do Raposo Prateado da Laracha que di así:
“Para darlle a APB unha malleira
e así anular o efecto Collazo,
bastoulle a Campo da Feira
con agocharlle a Riveiro o Bagazo”
Ademais, xa é un clamor polas rúas da Laracha este berro rimado e rap…oseado… “Se APB quere ser campión, debe volver Añón”. En fin, e en conclusión, Campo da Feira sitúase líder con 9 ptos por enriba de APB. Despois de 11 xornadas ininterrumpidas no liderado, APB abandona a primeira posición, pero só para coller impulso e propulsión, segundo manifestaron os xogadores hemorráxicos. Cochiqueiros afianza a terceira praza que pode dar dereito a disputar as Finais 2023 da LAB.
Ademais da vitoria de Juan Carlos con 17 ptos, podemos destacar as actuacións de Juanchi de Lúa de Forza con 19 ptos e Edu de Campo da Feira con 16 ptos como as puntuacións máis altas da xornada. Ao mesmo tempo, foi destacable o infantil Valentín de Filloas de Sangue que accedeu a unha final na que a piques estivo de entrar no podio. Josecho de Filloas tamén brillou con 15 pts. En APB, Collazo e Cotelo foron quen proporcionaron máis ptos ao equipo con 13 ptos cada un. En Cochiqueiros foron Berdi e Viquera con 13 ptos os máis destacados.
Agora, sumados os ptos quedan deste xeito as CLASIFICACIÓNS a falta de 5 xornadas para o final. Coa SUPER COPA DE BILLARDA a un mes da súa celebración, o 28 de abril e sabendo que a próxima xornada do 23 de abril vai ser clasificatoria para clasificarse para esta Super Copa os equipos toman un respiro de case un mes para repoñer forzas e enerxías.
FOTOS