Martes, Marzo 19, 2024
ActualidadeXornada

FARI gana en Meaño e GHARABOTO dáse un baño

A xornada 10 da Liga Atlántica de Billarda, Rías Baixas, disputouse no campo de fútbol da Toxa en Meaño. A mañá do sábado foi un intermitente de chubascos e claros que indicaba dirección incerta. Se chovía o autobús da billarda debería dirixirse ao pavillón de Xil e se non chovía debía facer parada en Meaño. Pois ben, a iso das 15 horas as nubes baixas xa non eran tantas e as súas irmáns de máis arriba comezaron a dar ordes. A herba sintética permitíu filtrar a choiva caída pola mañá e o terreo mostraba unha cara amable.

A prensa xornalística estivo presente en Meaño e conseguiu inmortalizar algún golpe memorable. A pena e que xa non estaba o reporteiro gráfico cando o Fari demostrou que os obstáculos non son impedimento para demostrar o seu talento. Na primeira carreira perdeu unha billarda e empezou a blasfemar contra que situara o varal diante dunhas árbores infranqueables. Menos mal que endereitou o rumbo e foille acalmando a furia. Na imaxe de abaixo vemos ao Fari conspirando para reclamar a repetición da primeira carreira, despois de perder a billarda. O de Bueu tivo unha tarde magnífica e conquistou a primeira vitoria da temporada. Despois de meterse na final en varias xornadas, por fin, Meaño foille propicio.

Un equipo do Noroeste anunciou a súa presenza. Os Cochiqueiros de Cerceda coa súa camiseta fetiche cumpriron con ese anuncio e ás 16h pisaban o campo. Nin quencemento, nin nada semellante. Chegar e xogar. A expectación era máxima para comprobar se a expedición chegada de Cerceda, con parada vespertina nos furanchos e tabernas de Meaño, conseguira ácidos, pectinas, sales minerales, vitaminas y sustancias nitrogenadas suficientes para golpear con forza e precisión a billarda.

Realmente, o efecto dos acios tintos e brancos mesturados… eeeeeh, eeeeeh… pois…, que teñen distinta influencia e repercusión segundo o corpo humano que os reciba. A Abel Regueiro non lle sentou ben tanto tanino e polifenol e a súa actuación poderase considerar cativa ou ruín, iso xa depende da mala uva de quen a valore. Berdi asimilou ben a sustancia e as substancias dos caldos do Salnés e tivo unha actuación notable. Chus fixo o que puido e tivo moi boas sensacións en boca antes de cada golpe. Silvia conseguiu entrar nunha carreira e noutra quedouse a 23 cm da liña do varal. En conclusión, Chus e Abel rendiron mellor cos cóbados apoiados na barra e Silvia e Berdi estiveron máis lúcidos sobre o cespede da Toxa.

Desde a Federación de Deporte Autóctono, Modalidade Billarda queremos agradecer ao Concello de Meaño e especialmente á concelleira de Deporte María Estévez Barbeito pola súa boa disposición para organizar a xornada da Liga Atlántica de Billarda. María Estevez estivo presente na ceremonia de entrega de trofeos. Os campos de fútbol son utilizados para o fútbol e sabemos da dificultade de coordinar o seu uso para un deporte minoritario e que non ten instalacións deportivas propias na maioría dos concellos galegos. Por iso, cada vez que un concello nos permite usar estas instacións destinadas para outros deportes debemos agradecelo. Tamén, hai que ir encontrando a maneira de que se habiliten instalacións propias para a billarda, polo menos, naqueles concellos que teñen un club de billarda como son Marín, Pontevedra, A Coruña, Vigo, Bueu, A Laracha, Cerceda e Castro de Rei. Lembramos que os únicos concellos que teñen Campo de Billarda son Poio e Sanxenxo.

Fari de Corredoiras Bueu ganou a xornada, segundo foi Carolo de Lúa de Forza Sanxenxo e terceiro foi Piru de Gharaboto de Marín. En  Categoría Feminina ganou María Caride de Gharaboto, segunda foi Bego de Corredoiras e terceira Tania de Valpaços Terra Quente de Vigo. En Categoría Infantil venceu Hugo de Gharaboto, segundo foi Xián de Lúa de Forza e terceiro Mauro do mesmo equipo. En Categoría Equipos foi primeiro Gharaboto, segundo Lúa de Forza e terceiro Corredoiras. En Categoría Equipos Femininos venceu Gharaboto F, segundo foi Valpaços F e terceiro Lúa de Forza F.

Houbo puntuacións elevadas se as comparamos coas dúas últimas xornadas. Así, os xogadores da zona alta rendiron a grande altura e non houbo moitas diferenzas entre eles. Dos 6 primeiros clasificados todos chegaron ou pasaron dos 20 ptos menos Charri (17 ptos). Fóra dos grandes da categoría houbo destacadas actuacións como foron as de Hugo (24 ptos), Carolo (22 ptos) e José Manuel (20 ptos). Entre as mulleres, a carreira cara ao título entre as 3 grandes continuou. Bego e María Caride conseguiron 15 ptos e Tania 14 ptos. En infantil, Hugo con 24 ptos deulle unha boa trabada á distancia que o separa na xeral do líder Xián que fixo 18 pts. En equipos as distancias foron pequenas, entre os tres equipos do podio houbo 5 ptos de marxe. Gharaboto con 80 ptos, Lúa con 76 e Gharaboto con 75. En equipos F. Gharaboto non desbota a posibilidade de lograr o título. Sacoulle 5 ptos a Valpaços.

En resume, todas as clasificacións individuais quedan cunha marxe de distancia que non permite asegurar nin acaso predecir o título, en ningunha delas. Desta maneira o liderado na Individual Absoluta está en mans de Álvaro de Gharaboto cun punto por enriba de Xan de Lúa. O título vai estar entre estes dous xogadores case con total segurida. Non obstante, a billarda ten un factor imprevisible que nos fai non desbotar mesmo que Charri, Ricar e Piru poidan entrar na liorta. Bego de Corredoiras está un punto por diante de Tania de Valpaços na Individual Feminina. O título vaise decidir entre elas dúas, pois María está 27 ptos do primeiro posto. Xián lévalle 12 ptos a Hugo de Gharaboto. O título xa só está ao alcance de algún destes dous palanadores.

ACTAS

REPORTAXE FOTOGRÁFICA

VINDEIRA XORNADA

1 ABRIL

POIO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *