Martes, Marzo 19, 2024
ActualidadeXornada

As billardas voaron ceibes no campo de Razo, mentres o palán do vento petaba coma un mazo

A sensacional temperatura convidaba a realizar exercicio físico. O esplendor da herba do campo de fútbol de Razo, pola súa beira, animaba a darle á billarda. Todo parecía no seu sitio. Mais, conforme os equipo pisaban o cespede e recibían o vento na cara, nas costas e nas billardas, pois…, o optimismo virou a suroeste e xa non houbo modo nin maneira de endereitar a mañá. Certamente, houbo que practicar deporte extremo ou algo semellante. Os varais estaban orientados norte-sur e o caprichoso vento viña do suroeste, circunstancia que facía incómodo o pinchado das billardas, xa que, ao subir do chan, estas eran empuxadas cara ao corpo de palanadoras e palanadores facendo moi difícil o golpeo. Tampouco fai falta máis explicación, con botarlle un ollo ás actas queda todo comprendido. As puntuacións máis baixas de toda a temporada !

O vento mareiro da praia de Razo fixo estragos. As billarda voaban fóra dos límites do campo empuxadas polo alento atlántico que non tiña misericordia con ninguén. Algún xogador e moitas xogadoras tiveron que moverse sobre o campo con lastre nos petos para evitar o desequilibrio. Incluso, houbo que atar a Xan á varanda metálica que rodeaba o terreo de xogo para que o vento non o levara polos aires. Vaia, unha odisea chea de riscos e penalidades que só persoas impermeables ao desalento son quen de afrontar e superar.

Aproveitando estas circunstancias agravantes, a vitoria de Campo da Feira Paiosaco foi inapelable e sumoui 48 ptos. Ao equipo feirante gústalle o mar revolto e, neste caso, tamén o aire revolto. Así, sacou beneficio da xornada e acércase a 4 ptos do liderado que mantén APB A Laracha, que sumou 41 ptos. Outro beneficiado do vendaval foi Cochiqueiros que con 40 ptos quedou terceiro. Agora o equipo de Cerceda adiantou na xeral a Filloas de Sangue da Coruña que tivo unha xornada cativa, con 24 ptos.

A vitoria da xornada foi para Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo, segundo quedou Iván de APB e terceiro Enrique de Campo da Feira. En Categoría Feminina venceu Marisa de Lúa de Forza, segunda foi Merche de APB e terceira Auri de Campo da Feira. Miguel de Campo da Feira ganou en Categoría Infantil, por diante de Aleixo de Cochiqueiros e terceiro foi Valentín de Filloas.

ACTAS

Sumados os puntos da xornada, quedan actualizadas as CLASIFICACIÓNS NOROESTE.

Antes de comezar a xornada fíxose un recoñecemento a Roi Rey Castro por ter xogadas 100 xornadas de liga na Conferencia Noroeste. Entregáronselle varios agasallos para recoñecer a súa participación e compromiso na expansión da práctica deste deporte marabilloso. Ademais, Roi demostrou e demostra sempre entusiasmo e boa disposición para fomentar e difundir a billarda.

FOTOS

 

VINDEIRA XORNADA

PRAIA DE BASTIAGUEIRO (OLEIROS)

26 MARZO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *