EN CANGAS CORREDOIRAS NON PERDE e O PODIO ÉNCHENSE DE LÚA VERDE
O Estadio de Atletismo de Cangas foi escenario da novena xornada da Liga Atlántica de Billarda, Rías Baixas. Durante o quecemento de xogadoras e xogadores todo indicaba que entrar no varal ía ser doado. Ademais, o equipo que xogaba como local, Corredoiras, tiña a ferida sen curar da xornada anterior de Moaña na que fora derrotado polo equipo do Salnés, Lúa de Forza, e quería deixar atrás ese accidente puntual e casual.
Este terreo de herba natural semellaba ideal para golpear a billarda con elegancia e distinción. Que podía fallar? Nada… nin ninguén… podía fallar o golpe na billarda. Polo tanto, as persoas bulían e rebulían sobre a herba coma coellos. Ferbía o sangue e os brazos fendían leña a esgalla. Todo ía principiaer co mellor dos augurios.
Pois ben, as cousas trocaron cando empezou a actuación e o sentido e dirección das billardas non foi o desexado. As condenadas billardas non querían nin quixeron entrar no varal con facilidade. As puntuacións foron mediocres. O sol estivo presente toda a tarde e o terreo mostrou o seu mellor aspecto, daquela, esgotábanse as escusas para xustificar golpes tan malos. A xente non daba crédito ao que sucedía. Grandes palanadores e palanadoras que non daban entrado no varal en catro golpes. Había quen alegaba motivos esotéricos e herméticos como que o espírito de María Soliña estaba argallando das súas para que ningunha billarda fora tratada a golpes. Outras persoas, razoaban que as dixestións son máis pesadas e precisan de máis tempo conforme os anos se quedan a vivir no corpo humano.
Agás Álvaro de Gharaboto (21 ptos), Fari de Corredoiras (19 ptos), Charri de Corredoiras (18 ptos), José Manuel de Rinoceronte (16 ptos) e Marcos de Armadiña (15 ptos), ninguén máis acadou os 15 ptos na fase de grupos. Así, Corredoiras conseguía a maior puntuación por equipos nesta primeira fase de grupos con 60 ptos, seguido de Gharaboto con 57 ptos. Lúa era terceiro con 50 ptos, cuarto Armadiña con 30 ptos, quinto Rinoceronte con 28 ptos e sexto Valpaços con 27 ptos . O que ten a billarda é que sempre dá unha segunda e incluso unha terceira oportunidade. Na segunda fase eliminatoria sucedeu algo inesperado e sorprendente vistas as actuacións da primeira fase. Desta maneira, os xogadores de Lúa de Forza, que na primeira fase obtiveran puntuacións bastante baixas, tiveron a visita da deusa fortuna nestes cruces eliminatorios e de seis finalistas, cinco eran do equipo verde.
Vaia, o equipo de Sanxenxo mellorou segundo avanzaba a xornada e saiu vivo, como quen di. Corredoiras Bueu ganou a xornada con 65 ptos, Lúa de Forza Sanxenxo foi segundo con 62 ptos e terceiro foi Gharaboto de Marín cos mesmos 62 ptos. Terceiro foi Armadiña con 31 ptos, cuarto Rinoceronte de Pontevedra con 30 ptos e sexto Valpaços con 28 ptos. En equipos femininos, ganou Gharaboto F con 26 ptos, segundo foi Lúa F con 23 ptos e terceiro Valpaços F con 21 ptos.
Ganou Xan Rodiño na Categoría Individual Absoluta, segundo foi Martín Caneda e terceiro O Raio Verde, Xián, todos de Lúa de Forza. Tania de Valpaços foi primeira na Categoría Individual Feminina, segunda quedou Chefa de Corredoiras e terceira Elena González de Gharaboto. Na Categoría Individual Infantil, venceu Hugo de Gharaboto, segundo foi Mauro de Lúa de Forza e terceira Xaínza do mesmo equipo.
ACTAS
As clasificacións xa están actualizadas. A xornada de Cangas conseguiu engadir máis emocións aos títulos individuais. Desta maneira, Álvaro foi o gran benficiado da xornada, xa que, acadou o liderado e agora supera a Xan en 2 ptos. Outro favorecido na xornada foi Charri, quen se alza ao podio e deixa a Ricar na cuarta praza a 8 ptos de distancia e ollo que Piru situouse a 4 ptos de Ricar.
En Individual Feminina, Tania deu un chimpo importante e neste momento empata na cabeza coa multicampioa Bego Ríos, quen tivo a súa peor actuación nunha xornada de liga. A terceira praza de podio segue en poder de María Caride, a pesar de non asistir á xornada. Acercáronse a ese posto de podio, Belmira, Antía, Lu, Elena, Mónica e Machi. Estas seis xogadoras son as que poden optar a esa posición de honor, pois o título queda reservado para que o disputen Bego e Tania. En Individual Infantil, Xián mantén unha cómoda vantaxe de 19 ptos sobre Hugo e terceira é Antía a 11 ptos de Hugo. Nas categoría de Equipos e Equipos Femininos, parece que a tendencia mantense e Valpaços F lidera con 23 ptos de marxe sobre Gharaboto F. Terceiro é Lúa F con 46 ptos máis que Armadiña. O Título vai estar entre Valpaços F e Gharaboto F. O terceiro posto de podio será cousa de Lúa F e Armadiña F. En Categoría de Equipos Corredoiras xa puxo a directa e vai ser moi difícil que Gharaboto ou Lúa poidan discutirlle o título. A segunda posición si que aínda está ao alcance de Lúa, pois son 7 ptos os que o separan de Gharaboto.
REPORTAXE FOTOGRÁFICA
VINDEIRA XORNADA
18 MARZO
MEAÑO