LÚA DE FORZA e Hugo ganan EN MOAÑA, mentres Corredoiras o lombo raña
Primeira xornada do 2023, despois do parón invernal, e Lúa de Forza ganou en territorio do Morrazo. Sorprendentemente, o equipo do Salnés limpoulle os mocos e os fociños a Corredoiras, equipo do Morrazo e que xogaba como local. O equipo de Bueu chegaba coa confianza que dá o liderado e unha distancia máis que cómoda sobre o segundo clasificado, Gharaboto, de 17 ptos. Ademais, presentábase como favorito para impoñerse na xornada, xa que aliñou o equipo de gala. Ademais, querían celebrar o aniversario de Fari coa alegría da vitoria. Non puido ser!
Corredoiras tivo que conformarse coa segunda praza por equipos e en categoría feminina, Bego tamén foi segunda. Ben, pois a pesar dos mediocres resultados en canto a prazas de podio, Corredoiras aumentou a distancia co segundo posto de Gharaboto ata os 28 ptos e Lúa só lle recortou 2 puntiños. “Tendes moito millo que sachar aínda“, dicía Fari ao finalizar a xornada dirixíndose a integrantes de Lúa e de Gharaboto.
En Categoría Individual Absoluta, o único representante de Corredoiras que chegou á final foi Fari, que lamentablemente non puido acceder ao podio. Fari de Corredoiras Bueu, Albino Veiga de Valpaços de Vigo, Gerardo de Lúa de Forza Sanxenxo, Antía de Gharaboto de Marín, Che de Rinoceronte de Pontevedra e Hugo de Gharaboto disputaron a final.
A vitoria foi para o infantil Hugo Otero Padín, segundo quedou Gerardo e terceiro Che. Debemos resaltar que Hugo consegue a segunda vitoria da temporada e convértese no único xogador que repite vitoria. O mozo de Gharaboto está en idade infantil e xa compite de ti a ti con calquera da liga.
En categoría Feminina foi primeira Antía de Gharaboto, segunda Bego de Corredoiras e terceira Adriana de Valpaços. Antía de Gharaboto aínda está en idade infantil e podemos confirmar que golpea a billarda cunha técnica refinada e exquisita. Cando teña a estrutura muscular desenvolvida completamente vai ser alternativa seria á multicampioa Bego, tempo ao tempo e choiva ás leiras !
En Categoría Infantil ganou Martín Castro de Armadiña de Combarro, segundo foi Ían tamén de Armadiña e terceira Lucía de Valpaços. En categoría de Equipos, venceu Lúa de Forza, segundo foi Corredoiras e terceiro Gharaboto. A poderosa armada de Combarro mostrou músculo infantil.
Sumadas as puntuacións da xornada 8, xa podedes consultar as Clasificacións. En Equipos, as cousas continúan coma sempre ou case sempre, Corredoiras primeiro con 28 puntos máis ca Gharaboto e 35 máis ca Lúa de Forza. A cuarta posición mantena Valpaços Terra Quente con moita vantaxe sobre Armadiña, tanta como 71 ptos. Despois aparece Rinoceronte na sexta posición como pechacancelas. Disputada a metade das xornadas de liga o asunto do título é cousa de 3. Certo que Corredoiras xa partía como favorito para revalidar título e que se reforzou moi ben esta temporada con Pepe e Novas, non obstante, tanto Gharaboto como Lúa mantéñense cerca e non renuncian a ficar a tiro de pedra do equipo de Bueu ata a recta final da liga. Na Categoría de Equipos Femininos, Valpaços F sacoulle outros 7 ptos a Gharaboto F e afianzase no liderado con 475 ptos por 447 ptos do equipo de Marín. En terceira posición queda Lúa de Forza F con 303 ptos. cuarto é Armadiña F con 270 ptos e Corredoiras F quinto con 231 ptos. Rinoceronte F con 54 ptos pecha a clasificación.
Nas Categorías individuais, o título e as posicións de podio están menos definidas. Así, as distancias entre o primeiro clasificado e o segundo da Categoría Absoluta son 2 ptos a favor de Xan, 177 ptos, sobre Álvaro, 175 ptos. O terceiro posto de Ricar con 167 ptos está a tan só 10 ptos do liderado. Son os mellor posicionados ao remate do ecuador da competición. Charri, 163 ptos, Piru, 155 ptos, Albino Veiga 151 ptos e Chicho 150 ptos serán as alterntivas para desafiar aos 3 mellores da primeira volta. En Categoría Feminina, a poderosa e intratable Bego lidera con 143 ptos por 137 ptos de Tania. Terceira aparece María Caride con 121 ptos. Estas tres xogadores parecen as únicas que poden optar ao título. Tania, a actual Campioa Galega, está mantendo o tipo ante a regularidade esmagadora de Bego e veremos se aguanta esta segunda volta cerca da de Bueu. Belmira con 111 ptos, Antia con 104 ptos e Lu con 100 ptos son as outras grandes palanadoras que lle fan as beiras ao podio. En Categoría Infantil, a ausencia do Raio Verde Xián deu oportunidade a Hugo de acercarse na xeral. Agora, Xián ten 124 ptos polos 108 de Hugo. Antía tamén sacou tallada da ausencia do xogador de Lúa e acumula 104 ptos. Lucía con 92 ptos é a outra xogadora con posibilidades de podio.