Óscar Ponte un “arteixán” que ganou en Pastoriza, a golpe de palán.
A mañá era fermosa e fría en Pastoriza. No norte do concello de Arteixo, o campo de fútbol municipal amencera verde e soleado. Os equipos de billarda comezaban a bulir sobre a herba artificial para meterse en temperatura. Cos campos marcados e o sorteo realizado todo semellaba escrito e redactado. A organización tivo preparados 3 campos nos que xogar e a participación quedou estruturada en 6 grupos. Un total de 55 participantes. A tropa comezou a mobilizarse polo terreo de xogo a destra e sinestra para ocupar as súas posicións de saída. A alegría do comezo quedaba refectida na faciana dalgunha persoa máis que na doutras. Madrugar un domingo de xaneiro non está ao alcance de todo o mundo, que llo pregunten a Viqueira que chegou aínda na fase REM e tardou en encontrar a entrada do varal. Na primeira carreira non deu entrado e na segunda necesitou os catro golpes para entrar. Despois xa se entoou.
As instalacións deportivas estaban impecables, tanto o terreo de xogo como os vestiarios e accesos. Debemos agradecer o uso destas magníficas instalacións deportivas ao concello de Arteixo e ao Pastoriza SCD, que demostraron un trato sensacional a este deporte marabilloso da Billarda e aos clubs e persoas que o practican. A excelencia chegou co acendido do marcador electrónico do campo, no que se podían ver e mirar imaxes de deportistas da billarda que estaban competindo. A vangarda tecnolóxica prende na billarda.
A xornada estivo dominada por Campo da Feira na categoría de equipos e por Óscar Ponte, Merche e Kevin nas categorías individuais. Así, o ganador da xornada foi Óscar Ponte de Campo da Feira de Paiosaco, segundo quedou Bonxe de Chaínzos-Cadaval de Castro de Rei e terceiro Miranda de Filloas de Sangue da Coruña. En categoría feminina, foi primeira Merche de APB A Laracha, segunda Delia de Chaínzos e terceira Marisa de Lúa de Forza Sanxenxo. En infantil, ganou Kevin de APB, segundo foi Valentín de Filloas de Sangue e terceiro Juan de APB. En categoría Equipos, foi primeiro Campo da Feira con 72 ptos, segundo APB con 63 ptos, terceiro Cochiqueiros con 48 ptos, cuarto Filloas de Sangue con 46 ptos, quinto Lúa de Forza con 38 ptos, sexto Chaínzos-Cadaval con 24 pts e sétimo Rinoceronte de Pontevedra con 18 ptos.
ACTAS
CLASIFICACIÓNS
O que o ollo… con miopía ou estigmatismo NON VE !
Estreamos unha nova sección que contén acontecementos, circunstancias ou entelequias que pasan desapercibidas ou… case desapercibidas. Desta vez, encontramos que Asier o bravo xogador de APB estivo recibindo clases de esgrima, unha disciplina deportiva que ten unha clara transferencia de moitos dos seus movementos ao mundo da billarda. A imaxe de abaixo está editada dunha foto realizada no terreo de xogo de Pastoriza.
Na imaxe real de abaixo queda ben reflectido o estilo de golpeo do Mestre de Esgrima, Asier. Sabemos de boa auga que ese curso intensivo de esgrima ao que acudiu durante o Nadal pasado, foi pagado cos cartos recadados coa venda da camiseta que usou Julio Vilas no seu debut na Liga Nacional de Billarda.
Despois, tampouco pasou desapercibida a nova acta que estreou o árbitro mellor valorado da Liga Atlántica de Billarda.
Para finalizar esta nova sección, mostramos un audiovisual de impacto que demostra que na billarda hai boas maneiras de actuar e comportarse e tamén hai… outras maneiras ! As imaxes non precisa ningún comentario para ser interpretadas. Vós mesmas, vós mesmos saberedes darlle fundamento.
FOTEGASA