Xoves, Abril 18, 2024
ActualidadeXornada

Aberto GALIÑA DE MOS, ganou Navallo e berrou… Vamos!

O Aberto de Billarda Galiña de Mos demostrou unha vez máis que a billarda posúe un magnetismo irracional e por iso non hai maneira de encontrar argumentos científicos para explicar por que persoas de tan diferentes estruturas moleculares e celulares se xuntan para dar paus a un anaquiño de madeira con punta.

O Club de Bolos O Cadaval coa colaboración do Concello de Castro de Rei organizou o XIII Aberto de Billarda Galiña de Mos nunhas magníficas instalacións tanto deportivas, para o primeiro tempo de competición, como de restauración, para o segundo tempo de nutrición e hidratación.

Ben, tampouco parece indispensable encontrar a cerna deste misterio magnético. Desta vez foron 9 equipos e 68 irredutibles homo sapiens os que se encontraron no campo de fútbol de Castro Ribeiras de Lea para compartir espazo e actividade. Houbo representación de Pontevedra, A Coruña e Lugo, tanto no terreo de xogo como no comedor do Restaurante Suso . O rendemento das expedicións de Pontevedra e Coruña foi totalmente diferente no comedor que sobre a herba do campo de billarda. Sobre o campo de xogo as billardas escapábanlle dos paláns, non obstante, enriba da mesa xa foi outro bailar… e cantar.

No terreo de xogo a cousa admitía todo tipo de previsións, prognósticos e debates acalorados e colorados, verdes, azuis… Que se os equipos da LAB tiñan que dominar a competición, xa que, son máis mediáticos e saen na televisión, que se os equipos LNB sempre foron máis fortes e a historia está aí para refutalo. Ademais, a Terra Chá era terreo LNB. En fin, os podios non deixaron lugar ás dúbidas. De 9 postos de podio, 7 foron para xogadores e xogadoras de equipos LNB. Os catro finalistas deste Aberto son do Norleste. O medio dixital da Comarca de Bergantiños Bisbarra en xogo informou deste evento deportivo con bastante asepsia na adxectivación do desempeño dos equipos de Bergantiños. Non aparecen substantivos como cataclismo, desfeita, hecatombe, nin cualificativos como funesto, desastroso, calamitoso, para describir a actuación deportiva deses equipos. Ben feito, mellor non ferir sensibilidades deportivas.

De todos os xeitos, durante a comida aínda había quen buscaba motivos e, por suposto, encontrábaos, para xustificar a desfeita da LAB. “Foron moitos quilómetros de desprazamento e igual había que ter viaxado o día anterior e pasar a noite en Ribeiras de Lea“, comentaban en Campo da Feira. En APB afirmaban que puido ser a falta de adaptación á climatoloxía típica da Terra Chá a que impedira que os paquetes musculares da xente atlántica traballaran cómodos e desenvolveran o seu máximo rendemento. En Cochiqueiros non había queixa, pois, o obxectivo do equipo de Cerceda estaba cumprido, chegar a tempo para dar o primeiro golpe da primeira carreira do Aberto. Vaia, era difícil argumentar algo coherente que non fose ridículo. A conclusión é moi simple, as xogadoras e xogadores da LNB xogaron mellor e pasaron por enriba dos famos@s e mediátic@s xogador@s da LAB.

 

Navallo, o Mago de Castropol, de Troitas Bravas da Pontenova ganou unha final a catro por diante de Daniel de Billardeiros Musicais de Ribadeo e de Bonxe de Chaínzos-Cadaval de Castro de Rei. En categoría feminina foi primeira Paula de Chaínzos-Cadaval, segunda Geni de Billardeiros Musicais e terceira Mercedes de Campo da Feira de Paiosaco. Na categoría feminina venceu Aroa de Billardeiros Musicais, segundo foi Valentín de Filloas de Sangue da Coruña e terceira Antía de Troitas Bravas.

 

Na categoría Equipos, ganou CHA con 58 ptos, segundo foi BMU con 54, terceiro TRA con 49, cuarto APB con 36 ptos, quinto FEI con 34 ptos, sexto LÚA con 33 ptos, sétimo FIL con 28 ptos, oitavo COQ con 26 ptos e noveno RIN con 15 ptos.

ACTAS

FOTEGASA

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *