CAMPO DA FEIRA gana en Carballo e José Manuel Veleiro coa vitoria levou un grande agasallo
Última xornada do ano 2022 na Conferencia Noroeste disputada no pavillón do CEIP Fogar de Carballo. As escudras noroeste presentaban 16 xogador@s Campo da Feira, 15 xogador@s Cochiqueiros, 11 xogador@s APB, 5 xogador@s Filloas, 5 xogador@s Lúa de Forza e 2 xogador@s Rinoceronte. Con esta información semellaba que nesta xornada FEI quería volver ao sendeiro da vitoria e que Cochiqueiros e APB loitarían por estar no podio da xornada. Os demais equipos debían estar lonxe destes 3 grandes.
Pois ben, as previsións cumpríronse no caso de FEI e APB que foron primeiro e segundo respectivamente. As sorpresas tiveron un matiz positivo no caso do equipo da Coruña Filloas, quen quedou terceiro con tan só cinco xogadores e a un punto da segunda posición de APB. O matiz negativo estivo no caso de Cochiqueiros, que quedou na quinta posición. Aínda que haberá que matizar de maneira correcta a actuación do equipo da Cochica, pois, debutou outra xogadora, Esther, cousa que demostra o obxectivo primordial que marca o rumbo fixo e firme de principio de temporada, fortalezar a sección feminina.
Desta vez, a condicionante da velocidade que colle a billarda sobre o chan dos pavillóns non existía, xa que, o material de caucho que recubría a superficie non permitía o escorregado das billardas. O exemplo claro, manifesto e diáfano ofréceo o número de es…varados que foi de 4, un número moi inferior ao acadado nas anteriores xornadas de pavillón 19, 29 e 28, xornadas 2, 4 e 6.
Campo da Feira sumou 77 ptos, grazas sobre todo aos da xeración século 21, Abel Ponte, 21 ptos e Miguel Cancela, 21 ptos. Despois tamén sumaron para o equipo, Juan Carlos, 19 ptos e Eladio, 16 ptos. Campo da Feira foi tecendo golpe a golpe unha rede coa que conseguiron capturar unha vitoria merecida e necesaria. Acurtaron en 6 ptos a distancia co líder APB. Agora o equipo de Paiosaco queda a 22 ptos do da Laracha.
APB conseguiu 71 ptos, liderado polos 25 ptos de Riveiro que estivo a un nivel asombroso, entrou nas catro carreiras da fase de grupos en dous golpes (20 ptos), nas dúas eliminatorias previas á final en dous golpes, e na final volveu entrar en dous golpes na segunda carreira e só cedeu algo na primeira carreira na que entrou no cuarto golpe, circunstancia que lle impediu ganar a xornada. Sumaron para o equipo da Laracha ademais de Riveiro, 16 ptos Collazo, 15 ptos Cotelo e 15 ptos Roi. Riveiro necesitaba esta actuacion despois de tocar fondo na xornada anterior. O da Laracha e actual Subcampión Galego completou unha xornada maxistral e remata o ano con sensacións positivas para seguir escalando na Xeral.
Filloas de Sangue acadou 70 ptos. Sumaron para o equipo coruñés, Miranda 20 ptos, Valentín 19 ptos, Josecho 17 ptos e Gándara 14 ptos. O equipo estreaba os sueiros celestes co novo patrocinio do Bar O Seixoso de Cabana de Bergantiños e ben que lle serviu de estímulo para asinar unha actuación fabulosa co seu quinteto estelar. Salientar o momento estraordinario de forma de Miranda. Os 20 ptos alcanzados servíronlle para alzarse ata a terceira posición da Clasificación Xeral Absoluta. Josecho tamén está nunha dinámica excelente e escalou unha posición para situarse sexto da Xeral.
Cochiqueiros con 56 ptos. O máis destacado de Cochiqueiros foi Viqueira con 19 ptos. Sumaron tamén, 15 ptos Marco, 13 ptos Abel Regueiro e 9 ptos Boquete. O equipo de Cerceda está nunha situación de cambio xeracional e isto repercute nos resultados deportivos. Así, o noutrora líder Berdi (6 ptos) está en manifesta decadencia deportiva e ademais perdeu poder no club. Xa foi relegado a funcións administrativas e de xestión. Agora, encárgase das tarefas de recadación de fontos económicos.
Por outra parte, o novo Amado líder, Abel Regueiro, está sufrindo para manter as altas expectativas fundamentadas nas súas actuación durante as catro primeiras xornadas. Chegou a estar na segunda posición da Xeral e amezando o liderado.
“No máis alto da clasificación non quero estar moito tempo, xa que, nese cumio vai moito frío e a miña bioloxía non acepta de agrado as baixas temperaturas. Foi fermoso acadar esa cúspide, ese cénit deportivo, agora, debo descender ata a chaira”
(Abel Regueiro)
A moita distancia dos tres primeiros quedaron Lúa de Forza con 58 ptos (19 ptos de Xan, 16 ptos Carolo, 12 ptos Marisa e 11 ptos Martín) e Rinoceronte con 23 ptos (José Manuel 16 ptos e Lola 7 ptos). Precisamente, neste equipo estivo o campión da xornada, José Manuel, o “Látego de Sar“. Cunha actuación ao xeito arxentino, ou sexa, de menos a máis, o Rinoceronte de Sar acadou por vez primeira na súa traxectoria deportiva a vitoria nunha xornada da liga de Billarda. Os seus lategazos sobre a billarda foron demoledores e sorprenderon a moitas persoas e abraiaron a estas mesmas moitas persoas.
En Categoría Individual Absoluta ganou a xornada o sorprendente José Manuel de Rinoceronte de Pontevedra, segundo foi Riveiro de APB A Laracha e terceiro Miguel de Campo da Feira de Paiosaco. En Categoría Individual Feminina foi primeira Merche de APB, segunda Auri de Campo da Feira e terceira Marisa de Lúa de Forza Sanxenxo. En Categoría Individual Infantil ganou Valentín de Filloas de Sangue da Coruña, segundo foi Kevin de APB e terceiro Lucas Varela de Campo da Feira.
SEMIFINALISTAS
Carolo (LÚA) contra Miguel (FEI) e Valentín (FIL) contra Riveiro (APB)
Viqueira (COQ) contra Miranda (FIL) e Abel Ponte (FEI) contra José Manuel (RIN)
FINALISTAS
Miguel (FEI), Riveiro (APB), Miranda (FIL) e José Manuel (RIN)
ACTAS
Clasificacións
FOTOS