Venres, Abril 19, 2024
ActualidadeXornada

APB gana sen a santa e a Vilas o corazón lle canta

Os presaxios eran favorables para unha xornada igualada, xa que, en pavillón, quen máis quen menos, consigue golpear a billarda e que esta entre no varal escorregando coma zorra sobre a neve do Cebreiro. As expectativas eran altas para equipos da metade da táboa, que en superficies rápidas teñen máis opcións de dar a sorpresa que cando se xoga en exterior. Así, Filloas de Sangue presentou ao seu quinteto principal, con Gándara, Miranda, Lois, Josecho e Valentín e reforzouse para intentar dar un susto con Iván Fontán, Virgi e Bogui.

Cochiqueiros, pola súa beira, presentou un equipo moi potente co seu novo amado líder Abel Regueiro, co seu noutrora amado líder Berdi, Viqueira, David, Alberte, Sonia, Silvia, Chus, Marco e Ángel. O equipo de Cerceda pretendía ameazar aos poderosos do Noroeste con esas actrices e actores principais e coa participación especial do vigoroso, dinámico e bulideiro Boquete. Tamén, o equipo da Lúa podía ter as súas posibilidades con 5 representantes poderosos e, sobre todo, xogándose en pavillón.

Os dous grandes equipos do Noroeste, Campo da Feira e APB, presentaron un cadro de xogadores e xogadores moi completo, pois sabían que un error en pavillón supón moitos máis ptos que cando se comete en exterior. Daquela, non querían dar facilidades. Así o equipo de Paiosaco chegou con 12 competidores e APB A Laracha, acudiu con 14. Esta temporada, estes dous equipos están máis igualados que en anteriores anos. Antes desta xornada APB sacáballe 16 ptos de distancia a FEI.

 

Ben, o sucedido xa forma parte da historia da Liga A de Billarda. Non houbo sorpresas salientables máis alá da vitoria categórica e convincente de APB. Certo, quizais non se esperaba tanta diferenza entre os dous galiños da Conferencia. Finalmente, APB acadou 12 ptos máis que Campo da Feira, 89 ptos por 77 ptos. Terceiro foi Filloas de Sangue da Coruña con 73 ptos, os mesmos que Lúa de Forza Sanxenxo. Con 71 ptos quedou Cochiqueiros e con 25 ptos Rinoceronte de Pontevedra, ben que só competiu con dous xogadores.

Cada equipo ten a dous ou tres xogadores referencia que son os que mellor clasificados están na xeral individual absoluta. Estes xogadores son os que puntúan para o equipo no 99% das xornadas e cando estes fallan o equipo nótao sobre maneira. Ben, en APB, Collazo cumpriu e achegou 26 ptos ademais de ganar a xornada, Lito Pena fixo 21 ptos e Roi 17 ptos. En Campo da Feira, Juan Carlos achegou 18 ptos, Edu 14 ptos e Charli 10 ptos. En Filloas de Sangue, Miranda fixo 17 ptos, Josecho 24 ptos e Gándara 17 ptos. En Cochiqueiros, Abel Regueiro 20 ptos, Viquera 16 ptos e Berdi 17 ptos. En Lúa de Forza, Xan 22 ptos, Carolo 21 ptos e Martín 17 ptos. Se sumamos só os ptos dos 3 mellores xogadores as puntuacións serían, APB 64 ptos, Lúa 60 ptos, Filloas 58 ptos, Cochiqueiros 53 ptos e Campo da Feira 42 ptos.

Conclusión e veredicto a Campo da Feira lastrouno a mala actuación dos seus números 2 e 3 da xeral, menos mal que… desta vez, Abel Ponte 21 ptos, Manolo Montes 20 ptos  e Xulio Ponte 18 ptos saíron en axuda dos seus compañeiros Edu e Charli e puideron acurtar distancias con APB. No caso de Edu os motivos do seu baixo rendemento hai que encontralos na excesiva actividade física á que o somete, Clarita. O intrépido Edu chegou asfixiado dunha carreira na que participou a primeiras horas da mesma mañá do domingo. Sabemos que está cuestionada a continuidade de Clarita como preparadora física do equipo de Paiosaco. Nas próximas horas tomarase a decisión, segundo nos informaron persoas da directiva do equipo.

Destacar as actuacións dos actores de reparto que nunca teñen protagonismo nin peso nos seus equipo e que desta vez sacaron ou puxeron as castañas no lume. En Filloas, Josecho sacouse da manga unha actuación de 24 ptos e 3 varados, en Campo da Feira, Manolo Montes mandoulle 20 ptos ao saco, en APB Asier e Kevin cociñaron 16 ptos, e en Cochiqueiros, David meteu no forno 18 ptos. Carolo coceu 21 ptos para Lúa de Forza.

Debemos tratar con moita precaución, tacto e delicadeza o seguinte incidente que sucedeu durante a disputa da final a 4 desta xornada. Abel Ponte de FEI, Cotelo e Collazo de APB e Marco de COQ clasificáronse para esta final. Pois ben durante un lance do xogo, o raposo arxentino Cotelo, arxentino non de nacionalidade senón de cor e brillo, simulou unha agresión de Abel Ponte para provocar a súa expulsión. A súa actuación ou piscinazo foi digna do gran Molière de Bergantiños, Manolo Montes, quen tivo unha actuación memorable no pavillón do IES Agra de Leboris. Volvendo ao incidente, na imaxe de abaixo aparece o momento exacto do piscinazo de Cotelo, menos mal que a colexiada e o asistende de banda estaban atentos e non caeron na tobeira do raposo. Cotelo foi amoestado e non chegou a máis o incidente.

Se precisamos tino e prudencia para narrar o acontecido con Cotelo, para debuxar a realidade dos feitos acaecidos con Berdi e o seu afán de recuperar o protagonismo perdido en Cochiqueiros van facer falta palabras e verbos pouco estridentes, pois xa a acción do desacreditado ex-líder foi bastante áspera e dolorosa. En fin, Berdi golpeo cunha billarda a unha das súas compañeiras de equipo e ergueulle na tapa do cránio un bolo, croque ou pote. Imaxe de abaixo coa inocente Silvia que nada tivo que ver coa pérdida de liderado de Berdi en Cochiqueiros. Foi atendida con rapidez e o pote non pasou dos 3 cm.

Podios

Ganou a xornada Collazo de APB A Laracha, segundo foi Abel Ponte de Campo da Feira de Paiosaco, terceiro Cotelo de APB. En categoría F, venceu Sonia de Cochiqueiros de Cerceda, segunda foi Merche de APB e terceira Lu de Lúa de Forza Sanxenxo. En Infantil ganou Miguel de Campo da Feira, segundo foi Kevin de APB e terceiro Valentín de Filloas de Sangue da Coruña. En equipos foi primeiro APB, segundo Campo da Feira e terceiro Filloas de Sangue.

ACTAS

 

 

 

 

Faltando unha xornada para coroar o Inverno as clasificacións xerais quedan deste xeito.


FOTOS

 

 

 

 

 

 

VINDEIRA XORNADA

18 DECEMBRO

CHORÍS – CARBALLO

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *