En Ribadumia, terra de bo viño, ganou Gharaboto e fíxoo amodiño
Gharaboto non ten rival en pavillón ou iso indican as puntuacións. O equipo de Marín acadaou 107 ptos e ganou a xornada. Valpaços foi segundo con 101 ptos e Corredoiras terceiro con 100 ptos. Despois de disputarse 6 xornadas, 4 en exterior e 3 en interior, os feitos indican que Corredoiras mantén o rumbo firme e seguro cara ao título, aínda que sufrindo en pavillón, e que Gharaboto aperta a corda do palán en superficies de interior e non solta a corda en terreos exteriores. Desta maneira, son 17 ptos os que separan aos dous equipos da beira sur da Ría de Pontevedra.
Lúa de Forza Sanxenxo semella que non está á altura das escuadras do Morrazo esta temporada. Persoas expertas na materia comentan que a política de fichaxes da última temporada non foi a axeitada no equipo verde. Outras persoas opinan que o Patriarca do clan lunar “Vas de Deus” ten poucos galos para tanta galiña ou viceversa. Vai ti saber! O caso é que JM Camiña leva sen aparecer a un adestramento do equipo da lúa desde aquel día no que derreteu a manteiga no microhondas. Amais, soubemos que Marisa e Martín xa están seguindo a dieta dos 7 ovos fritos con pan de millo para recuperar sensacións. A ver como sae a cousa.
Valpaços Terra Quente de Vigo ten un potencial feminino único e se non ten ausencias salientables, como a de Adriana quen faltou a 2 xornadas, pode optar a esa cuarta posición, que sería a súa mellor clasificación histórica. Amais, Albino Veiga, Alfonso, Taxeiro e Santiago complementan de xeito maxistral esa fortaleza feminina.
Armadiña de Combarro recuperou a Cho, 27 ptos, e a Diego, 15 ptos, para esta xornada, mais tivo que ser o rendemento excepcional da sección F, con Machi 22 ptos e Sanny 13 ptos a que completara unha puntuación de 77 ptos para situarse no quinto posto da xornada.
Rinoceronte de Pontevedra presentou o mínimo de xogadores e quedaron en 43 ptos. O equipo de Paiosaco, Campo da Feira, desprazou a dous xogadores, Juan Carlos, 25 ptos, e Xulio Ponte, 21 ptos. Tivo unha moi boa actuación contando que todos os equipos sumaron as 4 mellores puntuacións regulamentarias e o equipo da Feira só sumou dúas puntuacións.
ACTAS
Vitoria Individual Absoluta de Ricardo Lois de Gharaboto de Marín cun saco cheo de puntos, 31, segunda Belmira e terceira Tania, as dúas de Valpaços Terra Quente de Vigo. En Categoría Individual Feminina, ganou María Caride de Gharaboto, segunda foi Adriana de Valpaços e terceira Chefa de Corredoiras Bueu. En Individual Infantil, foi primeiro Hugo de Gharaboto, segunda Lucía de Valpaços e terceira Xaínza de Lúa de Forza Sanxenxo.
En Equipos F, venceu de maneira contundente Valpaços F, segundo foi Gharboto F e terceiro Lúa de Forza F. Nesta categoría, a fermosa contenda entre as xogadoras do equipo morado e as palanadoras de Marín continúa ofrecendo xornadas épicas. Esta categoría de equipos F está clamando formar parte das Finais 2023. Sería un momento estelar e unha alancada definitiva para a consolidación da participación feminina na Liga Atlántica de Billarda.
As Clasificacións Xerais de Inverno quedan así nos primeiros postos.