A Silva foi Terra de Miranda
O repousado Manuel Miranda dominou sobre as baldosas da Praza do Campo Feira das Nenas da Silva. Avanzando coa súa billarda sen estridencias, pasou a fase de grupos sendo quinto no grupo 2 que encabezou Lito con 15 ptos. Despois, no primeiro cruce deixou fóra a Viqueira quen conseguira a puntuación máis elevado de todos os grupos, 19 ptos, de maneira calmuda. Tivo que chegar ao golpe de desempate co seu compañeiro de equipo, Josecho, e de xeito apracible ganoulle. No seguinte cruce eliminatorio volveu a ganar no golpe de desempate ao raposo prateado Cotelo, tamén, a paso de boi. Na final, por suposto, despois de dúas carreiras disputoulle a vitoria a Xan no golpe de desempate e venceuno, de modo flegmático. Mirandazo en toda regra. Un xogador bravo e pacífico que gusta tanto de xogar billarda que prefire chegar ao desempate para poder dar un golpe máis en cada eliminatoria.
Miranda continúa coa súa progresión vertixinosa. Agora, sitúase cuarto na clasificación xeral a 2 puntos da terceira posición e a 7 puntos da segunda. Miranda debutou o 4 de xullo de 2020 na 16 xornada disputada en Paiosaco. Foi a única xornada que xogou esa temporada 2019-20. A partir da seguinte temporada a súa participación foi continua e ininterrumpida. Xogou todas as xornadas da temporada 2020-21 e quedou no posto 19 da xeral e ás portas de entrar nas Finais. Na temporada 2021-22, volveu xogar todas as xornadas e quedou no 8º posto da xeral e entrou nas Finais do 2022. Esta temporada 2022-23, xogou as 5 xornadas disputadas e está no 4º posto da Xeral Individual Absoluta.
O seu crecemento deportivo é evidente e non sabemos onde estará o seu teito competitivo. O que si sabemos é que no mercado das bebidas espirituosas chegou ao máis alto que se pode chegar coa elaboración da sidra que acouga e aplaca os nervios do brazo e as vibracións da madeira, a Mirándara (Baio-Zas). Un proxecto vitícola que desenvolve xunto co seu compañeiro e asesor deportivo, Gándara. Tampouco queremos entrar en profundidades valorando se sería oportuno ou procedente comprobar se a inxesta da Mirándara antes de comezar a xogar é constitutiva de alterar o rendemento físico, pois, en caso afirmativo, o proxecto de viticultura podía caer en mans dalgún fondo de investimento pirata.
Os podios da xornada indican que Cochiqueiros obtivo 3 prazas neses podios, Filloas de Sangue 2 prazas, Campo da Feira outras 2 prazas, Lúa de Forza 1 praza e APB 1 praza. A lectura e interpretación destes podios lévanos a indicar que Cochiqueiros foi o equipo con máis éxito deportivo na xornada. Pois ben, ás veces a interpretación e valoración dos feitos, vaia, case sempre, ou sexa, na maioría das ocasións, mellor dito, sempre quedan condicionadas polo cerebro humano que realice este proceso cognitivo de valoración.
Desta maneira, APB, que en postos de podio estivo por detrás de todos os outros equipos, foi o verdadeiro triunfador se nos centramos nos puntos que sumou na clasificación xeral de equipos, 71 ptos. Xa que, o segundo equipo foi Cochiqueiros con 62 ptos. Terceiro quedou Campo da Feira con 58 ptos, cuarto Filloas de Sangue con 55 ptos, quinto Lúa con 43 ptos e sexto Rinoceronte con 10 ptos.
APB estivo colosal co seu cuarteto estelar, Collazo 20 ptos, Lito 18 ptos, Roi 18 pts e Cotelo 15 ptos. O equipo da hemorraxia vai en serio esta temporada e sen a participación dos milenials Iván e Bieito, asestoulle un palanazo importante á clasificación xeral de equipos.
APB rompeu a racha de Campo da Feira que vencera as 3 últimas xornadas e distanciase 16 ptos do todopoderoso equipo de Paiosaco. Antes de comezar a xogar xa se sospeitaba que podía haber estacazo deportivo da Laracha sobre Paiosaco, debido a que o equipo da Feira tiña as baixas das Pontes, Óscar e Abel, dous xogadores punteiros. A responsabilidade de liderar o equipo recaía en Juan Carlos, que cumpriu achegando 16 ptos para o equipo. Edu tamén estivo moi ben con outros 16 ptos. Enrique defendeuse con 13 ptos e Lucas con outros 13 ptos. O que ninguén se esperaba é que non sumasen para o equipo nin Charli, nin Xulio, nin Eladio. En fin, desfeita, hecatombe, catástrofe e cataclismo deportiv0, son substantivos dabondo elocuentes. A últimas horas da madrugada aínda estaba reunido o comité de crise no local de Campo da Feira de Paiosaco. A estas horas non trascendeu se a dimisión de Xulio Ponte está próxima ou comerá o turrón, o mazapán, o pan de millo ou o que se adoite comer pola Comarca de Bergantiños en época de Nadal. EGASA o CEO do equipo de Paiosaco mantén silencio.
Cochiqueiros estivo a piques de vencer grazas ás grandes actuacións de Viqueira 20 ptos, Berdi 19 ptos e David 15 ptos. Non obstante, ninguén contaba con que Abel Regueiro tivese unha mañá tan desacertada con tan só 8 ptos. Tampouco, Marco, Ángel, Irene, Silvia, Sonia, Aleixo nin a debutante Chus puideron sumar para o equipo.
Filloas de Sangue sustentouse no proxecto Mirándara, Miranda 16 ptos e Gándara 15 ptos, ademais de no imprevisible e inxenioso Ínsua 13 ptos e en Josecho 11 ptos. O equipo celeste da Coruña sabe usar os seus recursos e adaptarse a todas as superficies con palanadores veteranos e novos valores. Sitúase na xeral en cuarta posición a tan só 11 ptos do terceiro chanzo que ocupa Cochiqueiros.
Fotos