Mércores, Novembro 13, 2024
ActualidadeXornada

Hugo triunfador en Arcade e Corredoiras colleu o AVE

A revolución das crianzas na billarda, que é un xogo e unha palabra de xénero feminino. Xa non debe ser sorpresa que xogadoras e xogadores en idade infantil desafíen, reten e venzan a xogadores e xogadoras de maior idade e envergadura física. Nin moito menos que algunha muller rete, desafíe e venza a xogadores varóns con maior envergadura física e músculo, mais non con tanta fina destreza nin habilidade psicoemocional para superar os retos da vida e do varal.

Hugo Otero Padín (Sanxenxo, 2008) de Gharaboto de Marín foi o gran triunfador da xornada de Arcade. O terceiro xogador en idade infantil que vence na categoría Absoluta. A súa traxectoria deportiva comezou con 8 anos, un día 12 de novembro de 2016 en Soutomaior na 6 xornada desa temporada 2016-17. Si, exactamente o mesmo día e lugar e na mesma xornada sexta da temporada 2022-23, Hugo vence unha xornada de liga na Categoría Absoluta. Temos unha imaxe daquel día 12 de novembro de hai 6 anos no pavillón da Montesiña na cal se ve a un Hugo algo máis cativo. O seu poderío no golpe aumentou coa súa masa muscular e co seu desenvolvemento físico.

Con 14 anos e na súa última temporada como infantil, o corpo de Hugo seméllase bastante ao dun adulto e a súa coordinación e axilidade fan o resto. O equipo de Gharaboto necesita dos seus puntos e cando Hugo non xoga, porque ten outros compromisos deportivos, o equipo marinense nótao. Non é casualidade que as xornadas que faltou Hugo, primeira e terceira, Gharaboto obtivera as dúas puntuacións máis baixas da temporada con 61 ptos.

A superficie de herba sintética non permite equivocacións e as puntuacións reflicten esta circunstancia. Só 6 puntuacións chegaron á vintena. Ricar e Fari con 21 ptos foron os máis efectivos xunto con Hugo. Por equipos Corredoiras Bueu con 77 ptos venceu a xornada, seguido de Gharaboto con 74 ptos e terceiro foi Lúa de Forza Sanxenxo con 72. Os demais equipos quedaron moi lonxe. Así, Valpaços foi cuarto con 52 ptos, quinto foi Armadiña de Combarro con 34 ptos e sexto Rinoceronte de Pontevedra con 24 ptos. En Equipos Femenimos, a vitoria foi para Gharaboto de Maríncon 42 ptos, segundo Valpaços de Vigo con 35 ptos e terceiro Corredoiras con 27 ptos, os mesmos 27 ptos conseguíu Lúa, Armadiña 20 ptos e Rinoceronte 5 ptos.

Ademais, da actuación maxistral de Hugo, o Raio Verde Xián (Sanxenxo, 2012) de Lúa de Forza Sanxenxo, tamén en idade infantil, ocupou a segunda posición e terceira foi Bego Ríos de Corredoiras de Bueu. En Categoría Feminina, foi primeira, María Caride de Gharaboto, segunda Lu de Lúa de Forza e terceira Yolanda de Valpaços Terra Quente de Vigo. En Infantil ganou Mauro de Lúa, segunda foi Lucía de Valpaços e terceira Antía de Gharaboto.

 

Álvaro mantén o liderado cun punto de vantaxe sobre Xan. Ricar sitúase en terceira posición superando ao seu compañeiro de equipo Charri en 3 ptos. Piru é quinto tamén a 3 ptos do mexicano de Beluso.  Detrás, pegadiños a Piru, en sexta e sétima posicióna, sitúanse dous palanadores de Lúa, Chicho e o Raio verde Xián. Bego sube ata a oitava posición e empata con Albino Veiga a ptos. Cerrando os dez primeiros postos Fari, que faltou a unha xornada e continúa coa súa remonta.

Na Categoría Feminina, Bego impón a súa lei e cos seus 20 ptos e os só 9 ptos que sumou Tania, distánciase da xogadora de Valpaços 15 ptos. Por detrás, en terceira posición consolídase María Caride quen tivo unha actuación sobresaínte con 18 ptos. Elena é cuarta e Belmira quinta. Lú xa é sexta empatada con Belmira e o podio aínda lle queda lonxe. En sétima posición están Mónica e en oitava Antía as dúas cos mesmos ptos. En novena posición queda Machi e en décima Lucía, empatadas a ptos. Machi sufriu na herba artificial e non deu entrado en ningunha carreira, feito que lle fixo pasar da quinta á novena posición, mentres Lucía conseguiu entrar nunha carreira e sumar 7 ptos.

O Raio Verde soubo defender a posición de privilexio na Categoría Infantil e agora ten 40 ptos de distancia con Hugo que se situou en segunda posición. Antía aproveitou a ausencia de Óscar Caldas nas dúas últimas xornadas e escalou ao terceiro chanzo. Lucía seguea de perto cun só pto de distancia. Quinto é Óscar e sexto Mauro. En sétima posición está Martín Castro, oitava para Naia, novena para Aki e décima para o fervello Brais.

Corredoiras mantén o pulso firme e xa se distancia en 24 ptos de Gharaboto e en 26 de Lúa de Forza. Semella que puxo o piloto automático a nave de Bueu e non dá descanso aos seus perseguidores. Sendo certo que non houbo moita diferencia de ptos nesta xornada entre os 3 primeiros da xeral, a sensación é que Corredoiras está en modo sen perdón e vai ser moi difícil baixalo do primeiro posto. Tanto Lúa como Gharaboto manteñen a calma e só lles queda esperar algún día de inspiración divina para ganar algunha xornada e recortarlle puntos a Corredoiras. Tamén, están as merecidas vacacións dalgún dos xogadores xubilados do equipo de Bueu que poden coincidir con algunha xornada de liga. Na beira contraria, isto é, o equipo que tivo unha tarde nefasta, aciaga ou funesta foi Armadiña. O equipo de Combarro notou en exceso a falta do seu líder, Cho. Papi 11 ptos e Marcos 14 ptos mantiveron o tipo, pero a sección feminina tivo unha tarde de biberón e arrolo que non lles sentou ben deportivamente. Conclusión, dos 8 participantes da armada só 2 entraron en algunha das carreiras.

ACTAS

FOTOS

VINDEIRA XORNADA

26 NOVEMBRO

RIBADUMIA

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *