Chega San Martiño e as billardas asoman o seu fociño
Fin de semana completa de billarda. O sábado en Arcade (Soutomaior) Conferencia Rías Baixas e o domingo na Silva (Cerceda) Conferencia Noroeste.
Nas Rías Baixas, despois de dúas xornadas de pavillón volve a competición a ceo aberto. Veremos como reaccionan as palanadoras e palanadores a esta circunstancia e como adaptan os seus golpes a un terreo de herba artificial como é o do campo de Salgueirón en Arcade. O que vai ser seguro é que as puntuacións van ter un desinchado importante.
A Conferencia Noroeste vaise achegar ata o mítico Campo da Feira da Silva. As baldosas de cemento son un elemento que favorece o pincho da billarda e o posterior golpeo no aire. O equipo Local Cochiqueiros preparou a conciencia esta xornada para dar o chimpo definitivo e entrar en zona de podio. Son 3 ptos os que separan ao equipo de Cerceda desa terceira posición. Nas dúas últimas temporadas Cochiqueiros perdeu protagonismo no Noroeste e veuse superado por Filloas de Sangue na loita por esa terceira posición, pois as dúas primeiras prazas desde hai varios anos son propiedade de Campo da Feira e de APB. Esta temporada a cousa está máis igualada entre Cochiqueiros e Filloas de Sangue. O rendemento inesperado e sorprendente de Abel Regueiro, xunto coa mellora de Alberte, David e Angel fan do equipo da rosa un rival a ter en conta para esa praza de poido. Berdi e Viqueira continúan na súa progresión despois de perderse as dúas primeiras xornadas.
Na imaxe de abaixo vemos a Abel Regueiro como se prepara para asaltar o primeiro posto da Clasificación Xeral Individual. Descubrimos en primicia o secreto da mellora no seu golpeo de billarda. Ademais, sabemos que este sistema de adestramento está sendo probado por outros xogadores que buscan esa excelencia deportiva na que se instalou Abel o da Rosa.
En Campo da Feira tamén están probando este innovador sistema de adestramentos. Na foto vemos a Óscar Ponte como se pon a rozar sen tregua e coa esperanza de escalar na Clasificación.