Xoves, Abril 18, 2024
ActualidadeXornada

Campo da Feira continúa a escalada

A cuarta xornada estaba preparada para xogar en Paiosaco, pero a borrasca atlántica obrigou aos equipos a dirixirse cara ao pavillón do IES Agra de Leborís, A Laracha. Circunstancia que non tiña por que ser determinante para as clasificacións xerais, xa que, en pavillón as forzas iguálanse e non hai moitas diferencias nas puntuacións. Esta igualdade prevista aconteceu e quen alí estivo o puido comprobar.

Ao rematar a fase de grupos as puntuacións dos equipos estaban deste xeito, Cochiqueiros e APB empatados a 79 ptos, Campo da Feira terceiro con 75 ptos, Filloas cuarto con 69 ptos e Lúa quinto con 62 ptos. Pois ben, despois de xogar os cruces eliminatorios e a final esta clasificación provisional deu un chimpo importante. Tal foi esta volta de calcetín que grazas ás actuacións de Juan Carlos e de Edu, o equipo de Paiosaco fíxose coa vitoria, relegando a APB ao segundo posto e rachando as esperanzas e ilusións de Cochiqueiros de acadar a vitoria na xornada.

Juan Carlos de Campo da Feira de Paiosaco estivo soberbio e ganou na final pola vía do cloroformo. Deixou aparvados aos seus rivais con dous varados nas dúas carreiras da final. Segundo foi un sorprendente e pletórico Edu de Campo da Feira e terceiro Miranda de Filloas de Sangue da Coruña. En Categoría Feminina venceu Cruz de Campo da Feira, segunda foi Irene de Cochiqueiros de Cerceda e terceira Merche de APB A Laracha. En Categoría Infantil, ganou Miguel de Campo da Feira, segundo foi Valentín de Filloas de Sangue e terceiro Kevin de APB.

No podio final das distintas categorías sucedeu algo insólito, inusual e inaudito, algo que vai ser difícil que se repita algunha vez máis. Si, tres membros da mesma familia subiron ao máis alto do podio en cada unha das categorías individuais e ganaron tamén na Categoría de Equipos, a familia Cancela Iglesias, Juan Carlos, Cruz e Miguel.

 

Podemos afirmar que Campo da Feira foi o gran triunfador da xornada. Ademais de vencer en todas as categorías, acercouse na xeral ao líder APB. Agora son 3 ptos os que separan aos dous equipos da Laracha. APB comezou a fase de grupos liderado por un extraordinario Bieito que chegou a semifinais e acadou un total de 23 ptos e fixo 3 varados. 6 xogadores do equipo hemorráxico alcanzaron a fase de cruces eliminatorios, pero só Bieito superou o primeiro cruce, circunstancia que lastrou a APB ata o punto de ceder finalmente 5 ptos con Campo da Feira.

 

Despois desta inesperada derrota, o equipo da Laracha reuniuse de urxencia na súa sede social e o presidente Julio V ratificou ao adestrador. Tamén, o consello de administración da entidade deportiva tratou sobre a incorporación de futuras fichaxes para reforzar o equipo no mercado de inverno.

Cochiqueiros rematou coma un foguete a fase de grupos. A vitoria estaba ao alcance da súa man. Viqueira dirixía con mestría ao equipo de Cerceda e con 2 varados e 23 ptos non puido pasar o primeiro cruce eliminatorio. O mesmo lle sucedeu aos outros 6 compañeiros de equipo que pasaran da fase de grupos. Ou sexa, de 7 xogadores ningún ganou o seu duelo de cruce eliminatorio. Escorregoulle a vitoria da man como xabón lagarto ao equipo da rosa. Que pena!

Campo da Feira, que partía en terceira posición despois de xogarse a fase de grupos deu a sorpresa e, con Juan Carlos I en plan estelar e con Edu en plan sorpresa, dominou a fase de cruces eliminatorios metendo a 5 xogadores nas semifinais. Finalmente, rematou a faena o equipo de Paiosaco con Juan Carlos na primeira posición e con Edu segundo. Ademais, Juan Carlos conseguiu 4 varados para liderar a xeral de Varados cun total de 6.

Filloas de Sangue volveu demostrar a súa resiliencia e con só 5 xogadores conseguiu un total de 72 ptos. Miranda foi o guía do equipo da Coruña e con 23 ptos tivo a súa mellor actuación da temporada e xa se sitúa cuarto na Clasificación Xeral Absoluta. Un inspirado Insua achegou 20 ptos, 17 ptos foron os de Josecho e 12 ptos de Lois Fontán.

Lúa de Forza fixo o que puido que non foi moito, mais hai que entender que o satélite está en fase de devalo e quedan dous días para lúa nova. Haberá que esperar á fase de crecemento para que o equipo de Sanxenxo volva a saborear os 70 ptos.

Despois de sumar os ptos desta xornada as clasificacións xerais nos seus primeiros postos quedan deste xeito:

FOTEGASA

PRÓXIMA XORNADA

A SILVA – CERCEDA

13 NOVEMBRO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *