LÚA de Forza tingue o podio de verde
O Campo de Billarda de Nantes foi escenario da vitoria inapelable de Lúa de Forza Sanxenxo con 71 pts. Certo que os líderes de Corredoiras, Fari e Ricar, non estiveron á altura e que Charri tivo que tirar do carro e ser o Salvador do equipo de Bueu. “Puido ser peor“, afirmou Fari ao acabar a xornada e encontrar uns cirios negros e unha restra de allos ao pé dun varal. Ao final Corredoiras conseguiu 62 ptos e só foron 9 ptos os que lle sacou de vantaxe Lúa, ptos que non chegaron para darlle o liderado na xeral ao equipo verde. Agora, Corredoiras está 12 ptos por diante do equipo de Sanxenxo. Gharaboto tivo unha actuación boa con 61 ptos e mantense ao axexo, esperando a súa oportunidade. O equipo de Marín sempre é fiable e non baixa do podio.
A xornada veu marcada polas puntuacións máis baixas da temporada. Todos os equipos estiveron por debaixo das súas prestacións? Non, houbo unha excepción. Si, o equipo da Terra Quente obtivo a súa mellor puntuación da temporada, 59 ptos. O equipo morado de Vigo xa está a un pto de alcanzar o cuarto posto de Armadiña na xeral. O equipo celeste de Armadiña estivo moi por debaixo das súas puntuacións das dúas primeiras xornadas con 52 ptos, cando nas dúas primeiras superara os 60 ptos. Bastante fixeron ao considerar que as xogadoras e xogadores adultos do equipo de Combarro tiveron que xogar cunha condicionante. Esta condicionante foi a de ter que soster unha crianza en idade biberón nun brazo e no outro o palán. Así, o equilibrio é máis complicado. Rinoceronte presentou un trío veterano e solvente, ante a ausencia do seu outro trío de tenores, Che, Daniel e Cris. Fixeron o que lle deixaron as súas condicións físicas, ou sexa, pouco!
Ganou a xornada Chicho de Lúa de Forza Sanxenxo, e acada o liderado da xeral, segundo foi o Raio Verde Xián, do mesmo equipo e terceiro Charri de Corredoiras Bueu. En Categoría Feminina, foi primeira María Caride de Gharaboto de Marín, segunda foi Tania de Valpaços Terra Quente de Vigo e terceira Adriana do mesmo equipo. En Categoría Infantil, ganou Mauro de Lúa de Forza, segunda foi Antía de Gharaboto e terceiro Brais de Valpaços. En Categoría Equipos, Lúa de Forza subiu ao máis alto do podio, segundo foi Gharaboto e terceiro Corredoiras. En Categoría Equipos Femininos, Valpaços ganou, por diante de Gharaboto e de Lúa de Forza.
Na Categoría Individual Absoluta houbo un cambio radical. Antes desta xornada os xogadores de Corredoiras, Fari e Ricar ocupaban o cumio da xeral. Agora, son Chicho e Xan de Lúa os que tomaron os ceos da clasificación. Chicho acada o liderado da xeral por vez primeira desde que iniciara a súa andaina na competición de billarda, alá polo ano 2012. Un xogador de potente e inhumano golpeo que combina acertos con golpes ao aire en lugares próximos ao varal e en momentos clave do xogo. Se esta temporada consigue superar eses momentos críticos optará ao título ou polo menos ao podio final. De momento podemos dicir que é o único que ten unha media de 20 ptos por xornada.
Na Categoría Individual Feminina a única que se acerca na xeral a Bego Ríos é Tania. Agora son 9 ptos de vantaxe para a xogadora de Corredoiras sobre a de Valpaços. Adriana e María Caride estiveron por enriba dos 10 ptos e superan na xeral a Elena Gonzalez que se sitúa na quinta posición. Antía cae ata a sexta praza. Estas 4 xogadoras xunto con Tania e Bego forman o sexteto de candidatas ao título e ao podio.
Na Categoría Individual Infantil, Raio aproveitou a ausencia de Óscar Caldas para situarse líder. Antía, Lucía e Mauro tamén se acercaron a Óscar na xeral. Estes cinco competidores e máis Hugo son os que se van repartir os podios, xa que, por idade e forza no golpeo nin Brais nin Naia chegan ao varal en 4 golpes.
En Equipos Femininos, Valpaços F conseguiu unha vitoria incuestionable e Gharaboto, o equipo campión nas dúas últimas temporadas, perdeu 15 ptos en relación ao seu máximo adversario polo título. No grupo de equipos que deberán loitar por entrar no lugar do podio que as dúas grandes escuadras femininas da billarda galega deixan libre, Lúa F reforza a súa terceira posición. O cuarteto que confeccionou esta temporada o equipo verde está demostrando que vai poñer as cousas difíciles a Armadiña F e a Corredoiras F.
ACTAS