CAMPO DA FEIRA vence en Laxe e a APB faille unha vendaxe
Eran as 10 e 15 minutos e os varais estaban espetados na branda area da praia de Laxe. En 10 minutos a inquietude ensombreceu as cabezas e as primeiras pingas aconsellaban recoller e marchar cara a un lugar cuberto. Meu dito, meu feito. A caravana de paláns abrigouse e en 15 minutos estaba petando na porta do pavillón de Laxe, situado no extremo norte da praia de Laxe.
Como sucede nestes casos, moitos e moitas xogadores estaban contrariados e outras e outros contentos. A superficie rápida ía ditar veredicto e inocentes e culpables non tiñan nada que obxectar. A competición comezaba cos dous grandes favoritos ao título de equipos, APB e Campo da Feira destacando, digo esvarando, sobre o cemento. Os seus xogadores conseguían clasificarse para a fase de cruces e con puntuacións moi parellas. 6 xogador@s de FEI entraban en fase de cruces por 5 de APB. Filloas metía a 5 xogadores nesa fase de cruces e Lúa de Forza e Cochiqueiros a 4 xogador@s. Así, en semifinais plantáronse 2 COQ, Abel Regueiro e Raquel, 2 de APB, Bieito e Kevin, 2 de Filloas, Gándara e Iván, 1 de Lúa de Forza e 1 de Campo da Feira. Como se o argumento fose escrito en forma de drama e as personaxes cómicas ou viceversa, que tanto ten, estivesen incómodas no seu papel, a final tivo un representante de FEI, outro de APB, outro de LÚA e outro de FIL.
A final fixo xustiza con Óscar Ponte, que tivo unha precisión fabulosa durante toda a xornada e coa medicina dos 4 varados que obtivo triunfou con claridade. Segundo foi o sorprendente Carolo, quen utilizou o comodín do varado só cando lle fixo falta nas eliminatorias de cuartos e semifinais. No grupo estivo discreto, “para que gastar golpes bos se se poden aforrar para cando haxa necesidades“, afirmaba o de Lúa. Bieito foi outro dos triunfadores, pois non ten por costume, hábito ou uso subir ao podio.
Hai que destacar, tamén, a actuación do infantil Kevin Torres, o prodixio de APB, quen estivo a piques de entrar na Final. Ao final, conseguiu un total de 18 ptos, cousa que lle serve para encabezar a táboa infantil con comodidade. Virgi, sorprendeu na categoría infantil e por vez primeira nunha xornada de liga deulle un posto de podio a Filloas. Valentín estivo ao seu nivel, voluntarioso, carneirán e sempre dando espectáculo do bo. En categoría Feminina, a fábrica rosa da “cochica” mostrou o seu poderío en superficies tapizadas. Raquel chegou a semifinais, Sonia e Silvia superaron os 10 ptos.
Onde se asou a manteiga foi no forno de FEI. O equipo de Paiosaco, despois da xornada inaugural na que foi derrotado con bastante claridade por APB, tomouse un respiro de alivio e superou ao equipo hemorráxico en 4 ptos. Algo é algo, e sobre todo, algo é máis que nada. En pavillón podía pasar calquera cousa e… pasou. O triunfo por equipos decidiuse na final, pois chegaron 3 equipos con opcións de ganar a xornada. Todo estaba en mans e palán de Óscar Ponte, Carolo e Bieito. Tal foi o apertado do resultado que se Bieito chega a ganar e Óscar caer á terceira praza produciríase un triplo empate a ptos ente APB, FEI e LÚA. Agora, a xeral queda con APB de líder con 9 ptos de vantaxe sobre FEI.
Na xeral individual, Xan sitúase líder un punto por diante de Lito e 3 de vantaxe sobre un inesperado Abel Regueiro. O rendemento de Abel hai que asocialo a que está xogando con liberdade, pois, os oligarcas do equipo, Berdi e Viqueira están desaparecidos e mentres eles non están na pista as ordes de equipo non teñen vixencia. O exhibicionista Abel non sabe xestionar ben cando ten que supeditar os seus golpes aos intereses dos seus compañeiros. O Regueiro ten talento suficiente para non ter que facer de gregario do amado líder. Na clasificación feminina, Raquel tomou o mando e Marisa sitúase segunda. Sonia escalou ata o terceiro chanzo. En Categoría Infantil, Kevin e Valentín destácanse sobre o resto, Roy Torres e Miguel Cancela están ao axexo.
O concello de Laxe colaborou outro ano máis coa Federación Galega de Deporte Autóctono, Modalidade de Billarda, cedendo as instalacións e entregando uns magníficos trofeos e diplomas e, sobre todo, axudando a difundir e espallar a voz da billarda na comarca de Bergantiños. Grazas e volveremos. O trofeo que se levaron os ganadores en cada unha das categorías foi unha peza única e inédita elaborada en olería de Buño que representa o espírito da billarda.
En Categoría Absoluta, ganou Óscar Ponte de Campo da Feira de Paiosaco, segundo foi Carolo de Lúa de Forza Sanxenxo e terceiro Bieito de APB da Laracha. En Categoría Feminina, foi primeira Raquel de Cochiqueiros de Cerceda, segunda Marisa de Lúa de Forza e terceira, Sonia de Cochiqueiros. En Categoría Infantil o ganador foi Kevin de APB, segundo Valentín de Filloas de Sangue da Coruña e terceira a súa compañeira de equipo, Virgi. En definitiva, nos podios houbo representación dos 5 equipos que participaron na xornada. En Categoría Equipos, o triunfador foi Campo da Feira, segundo foi Lúa de Forza e terceiro APB.