Venres, Decembro 13, 2024
ActualidadeXornada

Corredoiras amarrou unha nova vitoria e acércase á cerna da gloria

A revolución das sementes.

En Beluso, algo quedou patente, manifesto, claro e palpable. Unha cousa que o deporte galego de raíz e tradición debe gardar na memoria colectiva e expresar con palabras e con letras. Si, a billarda das 76 primaveras está aquí para quedar. 76 primaveras sumaba a participación infantil na xornada de Beluso, Óscar Caldas, Lucía e Hugo de 14 anos, Antía e Mauro de 11, Xián e Naia de 9 e Brais de 5 anos. Este xogo centenario ten alcouve e sementeiro de practicantes e o seu futuro e presente están garantidos. Ademais, o nivel de destreza, maña e pericia desta rapazada non ten límites nin lindes. Desta maneira, houbo representación infantil nos podios de todas as Categorías Individuais. Xián quedou terceiro na Categoría raíña, a Absoluta, e Lucía tamén foi terceira na Categoría Feminina. Obviamente, o podio da Categoría Infantil estivo ocupado por unha nena e dous nenos en idade infantil. En definitiva, a día de hoxe hai 43 licenzas federativas en idade infantil (ata 14 anos) dun total de 214 licenzas, ou sexa, un 20%, algo magnífico pensando na supervivencia da práctica da billarda no noso país.

Vaia, o que sucedeu en Beluso foi que a revolución das sementes estivo culminada coa vitoria de Bego na máxima Categoría Absoluta. Si, o poder dos estróxenos levou a Bego Ríos, supercampioa  de Corredoiras de Bueu, a ganar a xornada, segundo foi Álvaro de Gharaboto de Marín e terceiro Raio Verde Xián de Lúa de Forza Sanxenxo. En Categoría Feminina ganou Antía de Gharaboto, por diante de Lu de Lúa de Forza e de Lucía de Valpaços Terra Quente de Vigo. En Categoría Infantil, venceu Hugo de Gharaboto, segundo foi Óscar Caldas de Armadiña de Combarro e terceiro Mauro de Lúa de Forza. En Categoría de Equipos Corredoiras ganou, segundo foi Lúa de Forza e terceiro Gharaboto. En Categoría de Equipos Femininos, ganou Gharaboto, segundo foi Valpaços Terra Quente e terceiro Lúa de Forza.

Este novo sistema de final con 6 xogador@s é espectacular e moi atractivo para presenciar. O seguimento destas finais polo público é moi superior ao de temporadas pasadas onde competían 2, 3 ou 4 xogador@s. Desta maneira, con 6 finalistas hai máis probabilidades para que estean xogador@s de máis equipos que antes. Nesta final houbo 2 mulleres, Bego e Antía, e a metade d@s finalistas estaban en idade infantil, Hugo, Xián e Antía e despois tamén estaba Charri cunha idade mental de adolescente. Álvaro completou o sexteto da final.

Na Categoría de Equipos, Corredoiras volveu a dominar a xornada con 87 ptos, dez máis que Lúa de Forza 77 ptos e doce máis que Gharaboto 75 ptos. Armadiña conseguiu 63 ptos, Valpaços 53 ptos e o minguado Rinoceronte 16 ptos. O tri-Campión Galego e octo-Campión das Rías Baixas, Corredoiras Bueu, non dá moitas opcións aos seus rivais, xa que, está en puntuacións de mais de 20 ptos nos catro xogadores/as que puntúan para o equipo. Daquela, o seu liderado semella que vai para largo. Amais, as incorporacións de Novas e de Pepe fortaleceron o seu músculo competitivo. Lúa de Forza está aguantando o ritmo como pode. Non chega aos número de Corredoiras e debe esperar a que o equipo de Bueu baixe o rendemento. Lúa é capaz de manter unha regularidade durante toda a temporada e superar os 70 ptos habitualmente, incluso pode ganar algunha xornada, sempre que as puntuacións do ganador estean sobre os 70-75 ptos. O mesmo sucede con Gharaboto. Normalmente supera os 60 pts e nalgunha boa xornada acércase aos 70 ptos. Polo tanto, estes dous equipos deben disputarlle outra temporada máis o título a Corredoiras. Armadiña superou de novo os 60 ptos e ten potencial para incluílo entre os candidatos ao podio e se tivesen continuidade na asistencia dos seus xogadores punteiros estarían loitando polo título. Por suposto, teñen enerxía para ganar algunha xornada de liga. A debilidade do equipo de Combarro está en que lles custa presentar o equipo completo. Veremos o seu rendemento nas xornadas que xogará como local. Valpaços Terra Quente superou os 50 ptos e mantense nun bo rendemento, sobre todo, grazas á súa vigorosa sección feminina. Rinoceronte está presentando un equipo con baixas de consideración. Daquela, aínda non podemos valorar as súas prestacións para esta nova temporada.

Na Categoría de Equipos Femininos, Valpaços mantén o liderado e aguanta o empuxe de Gharaboto, o actual Campión Rías Baixas. De novo, prevese unha disputa entre as dúas grandes escuadras da Billarda Feminina Galega. Os dous mellores equipos do panorama feminino decidirán esta temporada quen ostenta a supremacía, pois, cada un dos equipos ten 2 títulos Rías Baixas. A última praza de podio está aberta para a entrada de Corredoiras, Lúa de Forza ou Armadiña. Esta temporada Lúa reforzouse e está tendo uns resultados mellores que nos fan pensar que este ano, por fin, poderá loitar polo podio final. Armadiña e Corredoiras van depender das súas xogadoras fetiche, Machi e Elena Sabarís no equipo de Combarro e Bego e Chefa no equipo de Bueu.

Nas Categorías Individuais, o sorprendente e firme líder Fari está intratable cunha media de 23 ptos por xornada para un total de 47 ptos, na Categoría Absoluta, e só Ricar mantén o ritmo do remeiro, cunha media de 22 ptos por xornada para un total de 45 ptos. Os dous palanadores de Bueu son os únicos que teñen unha media superior aos 20 ptos. Despois, veñen Óscar, 39 ptos, Xan 39 ptos e Álvaro 39 ptos, que se sitúan no limiar dos 20 ptos por xornada, igual que Bego 38 ptos, Xián 37 ptos, Juanchi 36 ptos e Chicho 35 ptos. Na Categoría Feminina Bego asaltou o liderado con contundencia, cunha contundencia de 23 ptos para un total de 38 ptos. Agora, Tania sitúase segunda con 26 ptos e Elena González terceira con 24 ptos. Adriana, a líder anterior, pasa á cuarta posición con 21 ptos, os mesmos que María Caride e Antía. Lucía queda con 20 ptos. Todas estas xogadoras están cerca do podio e buscarán ocupalo en vindeiras xornadas. Hai que destacar a progresión de dúas xogadoras en idade infantil que cada vez con máis frecuencia achéganse ás mellores, Antía de Gharaboto e Lucía de Valpaços. En Categoría Infantil, Óscar Caldas continúa primeiro con 39 ptos, aínda que o Raio Xián con 37 ptos, xa se sitúa a dous ptos do xogador de Armadiña. Antía é terceira con 21 ptos. Por detrás, Hugo e Lucía empatan con 20 ptos e Mauro está con 15 ptos.

3ª xornada 1 de outubro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *