Venres, Abril 19, 2024
ActualidadeXornada

APB…vence en Arteixo. Lito Pena no máis alto do podio. Lu Torres primeira entre as mulleres e Kevin Torres gana no territorio infantil

A pretemporada deixou indicios respectables do crecemento de APB. En Arteixo eses sinais trocaron en evidencias. O equipo da Laracha ganou a xornada con solvencia, autoridade e sen compaixón. Todo comezou hai tres temporadas cun proxecto a medio prazo que este ano ten que dar os seus froitos. O cerebro ideolóxico e abandeirado do “metaverso”, o rei Vilas, soñou cunha formación billardeira que combinase o devezo da infancia co vigor da xuventude, e mesturase o rigor da madurez coa serena senectude.

Deste xeito, os Torres Guillermo achegaron a dous talentosos e voluntarios xogadores infantís, Kevin e Roy. Da parte de Trasancos proceden Iván, Bieito, Iria e Asier, os “Milenials”. Tamén, Roi e Jorge integran este grupo do milenio. Desde a madurez rigorosa proceden Lito Pena, Añón, Cotelo, Merche, Riveiro e Ricardo Torres. Coa serenidade da senectude están… vaia, mellor que o deduzades vós, pois, hai frases que son bisturís que entran sen demasiada prudencia e con crueldade na carne do honor persoal. Despois de ter o material axeitado, o Julito Vilas rematou o produto cun zurcido irrompible que lle permite a APB optar a todo esta temporada. Ese zurcido foi a fichaxe dun galáctico, Collazo.

Non obstante, Campo da Feira xa moveu peza e fichou a dúas promesas, Toni Collazo e José Castro Arantón. Necesitarán un período de adaptación e, mentres tanto, o equipo de Paiosaco deberá aguantar o empurrón inicial de APB. Filloas de Sangue mantivo un bo nivel e conseguiu quedar a 11 ptos da segunda posición. Cochiqueiros tivo as ausencias dos dous fuxitivos, Berdi e Viqueira. Aínda así, Abel Regueiro colleu o equipo ao lombo e mantivo a dignidade do equipo de Cerceda.

Ganou a xornada Lito Pena de APB A Laracha, segundo foi Collazo do mesmo equipo e terceiro foi Gándara de Filloas de Sangue da Coruña. En Categoría Feminina, foi primeira Lu de Lúa de Forza Sanxenxo, segunda Raquel de Cochiqueiros de Cerceda e terceira Merche de APB. En Categoría Infantil, ganou Kevin de APB, segundo foi Aleixo de Cochiqueiros e terceiro Roy de APB. En Categoría de Equipos, ganou APB, por diante de Campo da Feira e terceiro foi Lúa de Forza.

A xornada celebrouse no Campo de Fútbol Municipal Monte dos Brozos de Arteixo. Unhas magníficas instalacións que o Concello de Árteixo puxo a disposición da Federación Galega DEPAU, Modalidade Billarda. O noso agradecemento público ao Concello de Arteixo, e concretamente ao técnico de deportes, Marcos Docamoi, tamén a Pablo Mariño e a Lito, encargado das instalacións. Amais, o concello achegou os trofeos para @s gañador@s e os agasallos para tod@s participantes.

Desta vez, a mellor narración do acontecido na mañá do domingo 11 de setembro en Arteixo está retratada nas instantáneas do corredor-reporteiro da billarda, o grande EGASA que chegou tarde, xogou a metade das carreiras e aínda lle deu tempo a pasar de grupo e non avanzou máis nos cruces eliminatorios porque… porque non quixo. GRANDE EGASA !

FOTEGASA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *