CORREDOIRAS marca territorio. Óscar Caldas lévase a xornada. Adriana gana en Feminina. Raio Verde primeiro en infantil
O CABI (campo de billarda) de Nantes presenciou a inauguración da temporada 2022-23 da Liga Atlántica de Billarda. As esperanzas dalgún equipo, as expectativas doutros e as ilusións de todos tiveron acomodo no rectángulo de 50 por 20.
Antes de comezar a xornada homenaxeouse a dúas xogadoras centenarias, Vanessa de Gharaboto e Tania de Valpaços Terra Quente. Xa xogaron 100 xornadas de liga Rías Baixas e non se lles nota o máis mínimo no envoltorio físico e no psíquico…, ben, aí non imos entrar a valorar. Entregóuselle un agasallo para que lembren o seu paso por este marabilloso deporte da Billarda e os seus golpes, que “a cabeciña vai perdendo facultades”.
Todo comezou cunha calor soportable en zona de sombra e cun bochorno moi sufrido en zona de sol. As novas fichaxes de Corredoiras, José e Pepe, tiveron un rendemento por enriba do das novas adquisicións de Lúa de Forza, Xosé, Lino e Ana. Os demais equipos non tiveron “palancas” para poder fichar neste mercado de verán. Só as dúas poderosas escuadras, máis dunha vez campioas galegas, puideron aumentar o seu cadro de xogadoras e xogadores. Tamén, Armadiña recuperou a Machi, aínda que sen pagar traspaso, pois vén da academia do equipo de Combarro despois dun ano de excedencia deportiva.
Vaia, que os reforzos notáronse e as puntuacións así o confirmaron e nós dámos fe. Corredoiras levouse o triunfo con 82 ptos, seguido de Lúa con 72 ptos, terceiro foi Armadiña con 64 ptos e cuarto Gharaboto con 61 ptos. Valpaços foi quinto con 58 e Rinoceronte último con 19 ptos. O ganador individual da xornada foi o infantil Óscar Caldas de Armadiña de Combarro, segundo foi José de Corredoiras Bueu e terceiro Chicho de Lúa de Forza Sanxenxo. En categoría feminina ganou Adriana de Valpaços Terra Quente de Vigo, por diante de Bego de Corredoiras e de Tania de Valpaços. En infantil, primeiro foi o Raio Verde Xián de Lúa de Forza, segundo Mauro do mesmo equipo e terceira Lucía de Valpaços. En categoría de equipos femininos ganou Valpaços, segundo foi Gharaboto e terceiro Armadiña.
Corredoiras reforzouse para non pasar os apuros do ano pasado e ben que acertou. O equipo de Bueu situou a Fari como primeiro líder da temporada, a Ricar na terceira posición da xeral e ao debutante José no cuarto posto. Óscar Caldas situouse segundo da xeral dando un recital de bos golpes e todo fai pensar que vai ser un duro rival para o Raio Verde, na categoría infantil e olliño que non se meta na lea polo título Individual Absoluto.
Na Categoría Feminina, Adriana comezou con vigor e sitúase na cabeza da xeral por diante da multicampioa Bego. É demasiado pronto para facer cábalas, mais a tendencia está clara. Hai cinco candidatas ao podio e unha única favorita para o título, Bego. Destas catro candidatas, Adriana, Tania, Elena e María Caride, pode saír algunha que lle poña as cousas difíciles a Bego, aínda que sería unha gran sorpresa. O que si está asegurado é que calquera das cinco pode ganar unha xornada e estar durante moitas xornadas cerca da de Cela.
Na Categoría Infantil, o dominio do Raio vaise poñer a proba esta temporada, sempre que Óscar acuda a todas as xornadas, pois o talentoso xogador de Armadiña ten un físico superior ao de Lúa e mellorou moito a súa precisión. Mauro, Antía e Hugo son as alternativas. Lucía, Aldara e Sofía están mellorando os seus golpes e co tempo van acercarse ás prestacións e fiabilidade que xa ten a palanadora de Gharaboto, Antía, aínda que nesta xornada estivo discreta nos seus golpes.
Na Categoría de Equipos Femininos, Valpaços volveu a ser aquel equipo intratable de hai tres anos, cando dominaba as Rías Baixas sen compaixón. Se a TBA (Tania, Belmira, Adriana) funciona o equipo vai estar arriba loitando de ti a ti co poderoso Gharaboto. De todos os xeitos, pensamos que o equipo de Marín ten máis fondo de armario e segue sendo favorito para o revalidar o título. Armadiña deu un salto de calidade feminino coa incorporación de Machi e pode optar ou terceiro caixón do podio, disputándollo a Corredoiras e Lúa de Forza.
Na Categoría de Equipos, o de sempre, os tres grandes das Rías Baixas, os únicos que teñen títulos de Conferencia e Títulos Galegos, xa están nos postos de honor. Iso si, hai que contar unha temporada máis con Armadiña, contar ata que haxa que deixar de contar con eles para o podio. Cun equipo de circunstancias, pois faltaron os seus xogadores franquía, Manu e Cho, conseguiron quedar por diante de Gharaboto. Agora ben, ter a constancia de presentar a todas as xornadas unha aliñación competente vai ser o seu gran reto. Rinoceronte tivo a ausencia dos seus 3 tenores, Che, Daniel e Cris. O látego de Sar, José Manuel, Gonzalo e Lola tiveron que defender o escudo e fixeron o que puideron. Valpaços estivo moi cerca da terceira posición de Armadiña, a tan só 6 ptos.
Volveu o teleobxectivo máis indiscreto do panorama fotográfico deportivo o FOTOCHARRI e con el as fotos e imaxes gráficas de calidade. Aquí queda unha mostra.