Xoves, Novembro 7, 2024
ActualidadeXornada

CAMPIONATO DE SELECCIÓNS 23 XULLO ABEGONDO TVG2

O vindeiro 23 de xullo o NORTE e o SUR da Billarda Galega van medir forzas. Será en Abegondo, na paraxe idílica do encoro de Beche. A TVG 2 estará presente para emitir en directo este magno acontecemento. As seleccións Norte e Sur xa están preparadas para avanzar cara ao varal.

Vaise xogar cun innovador sistema de competición. Este sistema consiste en competir por parellas e golpeando as dúas persoas da parella unha soa billarda. Así, cada selección formou 4 parellas mixtas, ou sexa, un xogador da categoría absoluta e unha xogadora da categoría feminina ou da categoría infantil. Estes xogadores e xogadoras conseguiron a súa praza na selección despois de contabilizar as puntuacións das últimas 5 xornadas da LAB, tanto na Conferencia Noroeste como na das Rías Baixas. 4 prazas son da categoría absoluta, 2 prazas da feminina e 2 prazas da infantil.

Son parellas moi potentes e solventes no desempeño do palán. A orde de golpeo é alternativa. A xogadora ou xogador da parella dá o primeiro golpe e o segundo ten que dalo a outra xogadora ou xogador da parella. En fin, enténdese mellor observando as actas que se van usar (imaxe de abaixo).

En cada carreira hai un enfrontamento entre dúas parellas, unha do NOR e outra do SUR. Unha vez finalizada esa carreira entrarán en xogo outras dúas parellas. Cada carreira terá a puntuación de vitoria para NOR ou SUR, ou empate. Sumaranse os ptos de cada enfrontamento e a selección que máis ptos consiga ganará o Campionato e levará o Trofeo para o seu territorio.

A cousa vai estar entretida e incerta. Pois, se no SUR cren que teñen máis potencial, no NORTE pensan que están máis habituados a xogar en herba e que o SUR vai esvarar en Beche. Ademais, está o factor da presenza das cámaras da TVG2 que emitirán en directo o Campionato.

Daquela, hai que engadir o ingrediente do equilibrio psicolóxico e emocional necesario para afrontar un golpeo, sabendo que miles de galegas e galegos están mirando, vendo e percibindo o teu corpo atlético en posición semi-cuadrúpede. Amais, entre o golpe ao aire e o golpe na billarda hai milímetros e milésimas. Pola contra, a sensación amarga ou doce pode durar quilómetros de viaxe de volta e anos de remoer na nosa memoria cerebral.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *