Venres, Decembro 13, 2024
ActualidadeXornada

Juan Carlos ganou en Cabanas e Berdillo púxolle… case, ganas

No antigo campo de fútbol do Piñeiral da Madalena disputouse a II Aberto de Billarda de Cabanas. Grazas á colaboración do Concello fíxose uso dese espazo paisaxístico e de recreo a pé de praia e os ganadores e ganadoras tiveron uns magníficos trofeos en lousa coa imaxe do cartel gravada. Na entrega dos trofeos estiveron presentes o alcalde Carlos Ladra e María López, animadora cultural. A situación estratéxica do Piñeiral da Madalena provocou que moitas persoas presenciaran este espectáculo deportivo de envergadura universal e incluso houbo dúas persoas de nacionalidade escocesa que estaban de lecer e xogaron por vez primeira, un deles en idade infantil.

A herba foi cortada convenientemente polos operarios e operarios do concello de Cabanas. As 11 da mañá é un horario ideal para a práctica deportiva, sobre todo, nesta época de canícula. Ao ser unha zona de paso para o areal da Madalena, moitos corpos pasaron polas inmediacións do campo de xogo e moitos ollos estiveron pendentes das evolucións de palanadoras e palanadores. Outras tantas bocas preguntaban como se chamaba ese xogo e algunha voz dicía “están xogando á petanca. Non oooh, é a billarda”.

No eido competitivo dicir que Juan Carlos de Campo da Feira de Paiosaco ganou o Aberto, segundo foi Berdi de Cochiqueiros de Cerceda e terceiro Marc, tamén de Campo da Feira. En categoría Feminina quedou primeira Sonia de Cochiqueiros, segunda Silvia do mesmo equipo e terceira Carmen de Filloas de Sangue da Coruña. En categoría Infantil, ganou Kevin de APB  A Laracha, segundo o seu compañeiro de equipo Roy e terceiro Lucas de Campo da Feira.

Varias situacións destacadas son as que hai que analizar. Primeiro, e seguramente algo insospeitable e milagroso, o equipo Cochiqueiros chegou a tempo e presentou o cadro de xogadoras e xogadores máis numeroso, igualando a Campo da Feira con 7 integrantes. Pode ser que o pensamento de ter un día de praia, comida e bebida fóra da cochica animara ao conxunto de Cerceda a acudir con tanto entusiasmo. Segundo, e cousa probablemente sorprendente e prodixiosa, Berdi volveu subir a un podio. O Amado Líder a piques estivo de alzarse co Aberto, só unha decisión dubidosa do xuíz de campo (do equipo Cochiqueiro e que atende ás iniciais A.R.V.) apartouno dese lugar de privilexio e tivo que contentarse co segundo chanzo.

Berdi adoptando unha eficaz posición de ioga kundalini para mellorar a relaxación no paquete intestinal no momento do golpeo de billarda.

Ademais, a sección feminina de COQ completou a xornada levándose os dous primeiros postos na súa categoría. Sabemos que resulta difícil de crer, daquela presentamos probas coa imaxe de abaixo. A cor rosa está de moda na billarda.

Despois, queremos deixar testemuña que nos campos de billarda preséncianse golpes grandiosos, outros colosais, algúns magníficos e poucos excelentes ou sublimes. Moitas destas veces o suceso queda na retina durante uns segundos e na memoria algúns minutos, días, meses ou anos. Desta vez tivemos a oportunidade de presenciar un destes golpes inesquecibles que puidemos gardar nun documento audiovisual. Non desmerece nada doutros acontecementos históricos que xa forman parte do patrimonio audiovisual da billarda. Quen non lembra o nacemento do personaxe mítico do Tornado Añón ou do Xuíz de Varal Riveiro. En fin, desta vez naceu Furacán Miklós.

FOTEGASA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *