Sábado, Abril 20, 2024
ActualidadeXornada

NO ABERTO DE BILLARDA DAS CEREIXAS, NON HOUBO QUEIXAS.

O Aberto das Cereixas de Paiosaco inaugurou os torneos de verán de billarda. A tarde, o ceo e as cereixas contribuíron a ver un espectáculo grandioso e supremo. O eco das Finais 2022, celebradas no campo de fútbol da Porta Santa, que está situado a 100 metros do aparcadoiro público no que se xogou o Aberto das Cereixas, xa non se escoitaba nin oía. Sobre o que máis se comentaba e charlaba era sobre as altas e baixas de xogadoras e xogadores dos equipos para a temporada 2022-2023. Así, houbo presenza de xogador@s que proveñen do viveiro de Campo da Feira e que en breve darán o salto á mellor liga de billarda do planeta. Están sendo adestradas co método Araña, que tantos éxitos achegou ao equipo feirante.

Participaron na sétima edición deste Torneo unha trintena de xogadores e xogadoras pertencentes a 6 clubs de billarda. As caixas de cereixas estiveron presentes e todos os participantes puideron degustar esta apetitosa froita. O terreo de xogo mostraba unha faciana desas que gustan pola súa diversidade de superficie. Terra, pedregullo e grava mesturaban a súa materia molecular para acoller a billardas de todo tipo. Aquelas billardas cun deseño de tronco curvado necesitaban limpar ben a superficie para apoiar directamente no chan o seu corpo. As billardas torneadas precisaban apoiarse noutra billarda para pinchar correctamente. En fin, cada quen apañouse como quixo.

Ganou Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo, por diante de Eladio de Campo da Feira de Paiosaco e do Raio Verde, Xián, tamén de Lúa de Forza. Entre as mulleres quedou primeira, a madriña Mercedes de Campo da Feira, segunda foi Marisa de Lúa de Forza e terceira Raquel de Cochiqueiros de Cerceda. En infantil, dominou Valentín de Filloas de Sangue da Coruña, segundo foi Miguel Cancela de Campo da Feira e terceiro foi Lucas de Cochiqueiros.

FOTEGASA

ECOS E CONSECUENCIAS DAS FINAIS 2022

Os equipos do Noroeste non estiveron ben nesas finais e non teñen máis remedio que buscar solucións. A primeira reacción xurdiu no equipo con máis títulos de Conferencia, Campo da Feira. En breve, comunicarán unha decisión transcendental para a franquía de Paiosaco. Os resultados non foron os esperados e grazas a Abel Ponte, un mozo de 15 anos, o equipo feirante non se quedou sen podio. Abel foi subcampión en categoría Infantil e foi terceiro na categoría Absoluta. Polo menos, o nome de Campo da Feira saíu nos xornais. Tamén se informou sobre estas finais nas edicións dixitais de Que pasa na costa, Bisbarra en xogo, e El diario de Laracha. Todo este esforzo de divulgación nos xornais e redes sociais faino o áxil, versátil, polifacético e comunicador de masas da Modalidade deportiva de Billarda, Eduardo García Santiago.

Grande EGASA !

MERCADO DE FICHAXES

Os primeiros movementos de mercado xa están aquí. A prensa deportiva en papel informa da posible saída do número 1 do equipo Campo da Feira, Xosé Collazo. Non temos aínda certeza do destino do palanador de Gabenlle. Poucos equipos teñen o músculo económico para financiar esta operación. As nosas fontes apuntan a un equipo tapado que estaría negociando cun fondo de investimento galego-portugués para afrontar a operación. Sabemos que xa están preparando un audiovisual para presentar a Collazo como se merece, sen reparar en gastos. Iso si, antes terá que resolver a súa situación con Campo da Feira. Estase falando que o de Gabenlle tería que depositar no club Campo da Feira todos os trofeos ganados, a gorra e a vestimenta antes de causar baixa na entidade, mais esta información non a temos contrastada. Veremos en que queda a cousa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *