Martes, Novembro 28, 2023
ActualidadeXornada

Finais 2022. Tania dos Reis, Xan Rodiño, Óscar García, Adri Pastoriza e Corredoiras campións da Liga Atlántica de Billarda

As Finais 2022 da Liga Atlántica de Billarda tiveron que usar paraugas en algúns momentos da Final de Equipos, pois as nubes e a chuvisca da mañá así o recomendaron. Pola tarde o sol dominou sobre algunha nube gris e sementou raios no campo de fútbol da Porta Santa de Paiosaco. Brazos e pernas volveron a lucir musculatura e bronce epidérmico.

CATEGORÍA INFANTIL

As magníficas instalacións da Porta Santa permitiron marcar 4 campos de dimensións olímpicas. Ás dez e media da mañá xa había algún pícaro preparando as súas billardas e paláns. A competición infantil comezaba ás 11 h. Finalmente, foron 11 participantes, 5 das Rías Baixas e 6 do Noroeste. 9 nenos e 2 nenas. Partían como candidatos sólidos á vitoria, Abel Ponte e Óscar García polo Noroeste e Xián e Antía polas Rías Baixas. O sorteo quixo que tiveran que compartir grupo A Abel, Óscar e Antía, tres dos candidatos. Cousa que ía supoñer que un deles non podería estar na final a catro. Pois, de cada grupo pasaban as dúas mellores puntuacións a esa final. No grupo B, partía como claro favorito O Raio Verde, Xián e despois había varios candidatos a esa segunda praza para a final. Lucía, Valentín e Kevin.

Desta maneira, no grupo A, Abel entrou en todas as carreiras e conseguiu 7 ptos, segundo foi Óscar García que entrou en dúas carreiras para un total de 3 puntos. Roy tamén puntuou e conseguiu 2 puntos. Antía quedouse cun punto. No grupo B Xián dominou con claridade entrando en todas as carreiras. Valentín aproveitou os seus mellores golpes na última carreira e esgotou ata o último golpe para conseguir un puntiño que lle permitiu pasar á final.

Na final a catro, comezaron moi forte Abel e Xián, o primeiro entrou en dous golpes e o Raio fíxoo en 3 golpes, Valentín quedouse cun punto e Óscar non puntuou. Na segunda carreira o único que entrou foi Óscar no último golpe. Na terceira carreira entraron cun punto Óscar e Valentín. Así as cousas, na derradeira carreira da final Infantil xogábanse todo. Abel tiña 3 ptos e Óscar, Xián e Valentín 2 ptos. Óscar entrou no terceiro golpe e os demais non entraron. Daquela, o título para o Cochiqueiro de Cerceda, Óscar García. Abel Ponte de Campo da Feira de Paiosaco foi subcampión e, nun desempate a un golpe, o Raio Verde veuse superado pola zurda de seda de Valentín de Filloas de Sangue da Coruña.

CATEGORÍA VARADOS

A Final de Varados celebrouse ao rematar a Final Infantil. Poñía en xogo o Título dos brazos máis potentes da billarda nacional e internacional. 6 máquinas de fender paláns e propulsar billardas ata a barreira do son e máis aló. Adri, Che, Piru, Juan Carlos, Óscar Ponte e  Berdi. Despois de bater 5 veces cada palanador nas súas billardas, ningunha entrou no varal. Quen máis distancia percorreu foi Adri, seguido de Piru e terceiro foi Che. Os xogadores do Noroeste non quixeron estragar o podio das Rías Baixas e quedaron por detrás.

ADRI PASTORIZA Campión Varados 2022 Liga Atlántica de Billarda

CATEGORÍA EQUIPOS

Doce e media da mañá e comezaba unha das finais máis esperada, emotiva, imprevisible e sempre a flor de nervio óptico e de estrutura muscular e biomecánica. Nada máis comezar a choiva ameazou durante uns minutos e cumpriu a súa ameaza outros minutos máis tarde. Houbo que facer un receso para abeirarse nas marquesiñas dos bancos de suplencia do campo de fútbol e na cantina. Apenas dez minutos máis tarde algún xuíz árbitro xa estaba no campo de novo para reiniciar a competición. Os primeiros grupos foron rematando entre a tendencia alcista de Corredoiras, Lúa de Forza e Gharaboto e a tendencia á baixa dos equipos Noroeste.

Corredoiras mantíñase firme na recta final, ao mesmo tempo que Gharaboto apertaba os dentes para non perder opcións. Lúa de Forza seguíaos moi de cerca. Campo da Feira recuperaba folgos e non estaba lonxe. APB fundíase definitivamente. A falta dunha carreira nos grupos 5 e 6, Corredoiras dominaba con 26 ptos, Gharaboto e Lúa de Forza estaban con 24 ptos e Campo da Feira con 23 ptos. Todos estes equipos tiñan posibilidades de Título. APB con 17 ptos xa non podía ser campión nin optar ao podio. A carreira do grupo 5 deixou as cousas case decididas para o título, xa que Charri de Corredoiras entrou con 2 ptos e tanto Martín de Lúa, como María Caride de Gharaboto e Eladio de Campo da Feira non conseguiron puntos. Así, na última carreira tería que facer un varado Lu ou Antía e que Outeiro non puntuase para que se producise un empate entre os tres equipos das Rías Baixas. Nada disto sucedeu e Outeiro fixo 2 ptos, Antía nunha carreira magnífica entrou en dous golpes e deulle o segundo posto a Gharaboto, Lu conseguiu a terceira praza para Lúa ao entrar con 2 ptos e Enrique non entrar. Añón conseguiu 2 ptos máis para APB.

CORREDOIRAS BUEU Campión Equipos 2022 Liga Atlántica de Billarda

CATEGORÍA FEMININA

Despois do xantar, as forzas estarían recuperadas ou… quen sabe? O certo é que ás 16 horas a Final Feminina comezou. Dous grupos de oito xogadoras. No grupo A Elena dominou con 3 ptos despois de entrar en dúas carreiras. María Caride cun punto quedou segunda. As demais competidoras non puntuaron, cousa que obrigou a un golpe de desempate para saber quen pasaba de terceira e de cuarta. Belmira e Lita estiveron máis acertadas nese golpe único e conseguiron praza para cuartos de final. No grupo B Bego foi primeira con moita vantaxe, segunda foi Antía con 2 ptos, terceira Tania e cuarta Raquel cun punto cada unha. Raquel foi a única representante do Noroeste que pasou a cuartos.

Nos cruces de cuartos, Elena González e Bego ganaron con solvencia as súas eliminatorias contra Raquel e Lita, respectivamente. Tamén, pasaron a cuartos Antía e Tania, deixando fóra a Belmira e María Caride nunha eliminatorias máis igualadas. A final enfrontaría a catro palanadoras das Rías Baixas que se coñecen moi ben. Dúas de Gharaboto de Marín, unha de Valpaços Terra Quente de Vigo e outra de Corredoiras Bueu. Todo indicaba que Bego sería a rival a vencer. Desde a primeira carreira xa se albiscaba que Tania tiña boas sensacións. Nesta primeira carreira conseguiron un punto Antía, Tania e Bego. Elena non puntuou. Na segunda carreira Tania entrou con 2 ptos e as demais rivais non puntuaron. Na terceira carreira Tania volveu entrar e xunto con Bego conseguiu un punto. Quedaba para a carreira final o título. Tania con 4 ptos, Bego con 2 ptos e Antía cun pto, aínda tiñan opcións matemáticas de ser campioas. Non obstante, a xogadora de Valpaços tiña todo ao seu favor e só un milagre podía impedir que se levase a vitoria. Ben, ese milagre sucedeu ou case sucedeu. Iniciou a última carreira Bego e a de Bueu zurroulle tal lategazo á billarda que a deixou a medio metro da liña do varal. Necesitaba 3 ptos máis que Tania para proclamarse campioa e dous máis para empatarlle. No segundo golpe Bego entrou con 3 ptos. Agora, Tania está obrigada a sumar un punto, polo menos, para empatar con Bego e dous ptos para ganar. A de Vigo foi acercándose ao varal e no último golpe entrou. Elena e Antía non puntuaron. Así, Antía acadou a terceira praza de podio e Bego e Tania debían decidir o título nun golpe final. O desenlace podía sorrir a calquera, pois o sistema nervioso central e o periférico e incluso o autónomo teñen moito que dicir nestas situacións e contan menos a potencia e a fortaleza do brazo, e o deseño e aerodinámica das billardas. Tania ganou e Bego foi segunda.

CATEGORÍA ABSOLUTA

17 horas e 45 minutos, sol sen sombra, temperatura suave e cálida, vento lixeiro e refachos en contra do varal nun ángulo de 45 graos. A Porta Santa enchíase de seareiros e seareiras que querían contemplar este espectáculo marabilloso chamado Billarda. Os catro grupos estaban sorteados e o equipo arbitrar cochiqueiro equipado coa luminescencia duns petos cor laranxa. As xuízas de Cochiqueiros lían e relían os últimos artigos do regulamento para que nada se puidese escapar do seu xusto veredicto arbitral. Comezou a competición e as billardas voaban e volvían voar. Algunhas caían dentro do cesto do varal e outras fóra, que se lle vai facer?

Todos os cabeza de grupo, ou sexa, os 4 primeiros clasificados na liga regular en cada unha das conferencias ían sacando adiante as carreiras e ían cumprindo os prognósticos. Así, destes oito cabezas de grupo só Óscar Ponte non pasou a oitavos de final. Por outra beira, salientar que pasaron a oitavos oito xogadores do Noroeste e oito xogadores das Rías Baixas.

Nesta fase de grupos destacar as puntuacións de Adri no Grupo A e de Collazo no Grupo B. Adri de Corredoiras con 11 ptos e un varado na terceira carreira estaba asombrando e afirmando a súa candidatura para o título. O mesmo sucedía con Collazo de Campo da Feira, quen conseguiu 10 ptos e semellaba que estaría loitando polo título con Adri. No Grupo C Abel Ponte foi primeiro con 8 ptos e no Grupo D foino Ricardo de APB con 6 ptos. A teórica superioridade das Rías Baixas estaba quedando en cuestión, pois a pesar de presentar 19 finalistas por 13 do Noroeste, en oitavos a cousa xa estaba equilibrada.

Os cruces xa depararon os primeiros enfrontamentos entre cabezas de grupo, Xan, segundo das Rías Baixas contra Che, cuarto das Rías Baixas, e Juan Carlos, segundo Noroeste, contra Gándara, cuarto Noroeste. Os demais cruces estaban máis desequilibrados, en teoría e usando o criterio de clasificación na liga regular. Pois ben, esta teoría fallou e Charri eliminou a Adri, un dos grandes candidatos por ser Campión das Rías Baixas 2022 e Ricardo eliminou a Ricar, outra candidato ao título por ter o Campionato Nacional de Billarda 2015 no seu peto. Os enfrontamentos entre cabezas de grupo foron ganados polos segundo de Conferencia, Xan ganoulle a Che e Juan Carlos a Gándara.

Os cuartos de final tiñan a Charri contra Xan e Piru contra Abel ponte polo lado esquerdo do cadro e a Collazo contra Juan Carlos e Riveiro contra Ricardo polo lado dereito do cadro.

O enfrontamento entre os dous Got Talent, Xan e Charri, decepcionou ao público, tanto ou máis que decepcionara a Risto Mejide a actuación desta parella tráxico-cómica nese programa televisivo de culto. En fin, que na primeira carreira ganou Xan entrando no último golpe e Charri non entrou. Na segunda carreira non entrou ningún dos dous. Que pena ! Piru e Abel Ponte xogaron un cruce potente e igualado. Empataron a primeira carreira e na segunda Abel fixo valer o seu demoledor golpe alcumado, remuíño de vento.

Polo outra lado do cadro, Collazo e Juan Carlos dilucidaron o paso á final na segunda carreira na que decidiu o pase un golpe fantástico de Juancar desde medio campo no que a billarda superou a liña de varal uns milímetros ou menos. Riveiro e Ricardo tampouco estiveron á altura, pois na primeira carreira non entrou ningún dos dous. A Ricardo pesoulle a inexperiencia ou se cadra recibiu ordes de equipo para que deixara pasar á final ao número un de APB, Riveiro. Calquera das dúas teorías é posible, xa que, non se entende que fallara golpes tan fáciles a escasos centímetros do varal de maneira tan elegante. A sombra de Riveiro é alongada.

Ben, ben, xa estaban os finalistas preparados e… sorpresa. Contra toda previsión, augurio, vaticinio e presaxio había 3 competidores do Noroeste por un das Rías Baixas na final. Que estaba pasando? Acaso as arbitraxes do colectivo cochiqueiro tiña algunha influencia negativa sobre os xogadores das Rías Baixas? Se acaso, subir ao norte produce confusión, inestabilidade, desequilibrio ou cegueira temporal nos palanadores que proveñen do sur?

A final comezou con 3 xogadores entrando no terceiro golpe (2 ptos) e con Abel que non puntuou. Na segunda carreira só puntuou Xan (2ptos). A final comezaba a inclinarse cara ao sur. Na terceira carreira Xan seguiu coa súa regularidade e entrou no terceiro golpe (2ptos), Juan Carlos deu un pulo á final e entrou no segundo golpe (3 ptos). Abel conseguiu 2 ptos e Riveiro quedouse cun pto. A situación era esta a falta da derradeira carreira, Xan 6 ptos, Juan Carlos 5 ptos, Riveiro 3 ptos e Abel 2 ptos. Todos tiñan posibilidades matemáticas de ser campións. Abel tiña que facer un varado e esperar que os demais axudasen e non sumasen ptos, cousa complicada e difícil de crer. Aínda así, Abel quixo axustar as puntuacións e entrou no segundo golpe. Xan asegurou a vitoria rematando a carreira en dous golpes. Juan Carlos non entrou e Riveiro para dar maior espectacularidade fixo os puntos que lle faltaban para empatar cos seus compañeiros do Noroeste.

Xan Rodiño de Lua de Forza Sanxenxo Campión Absoluto 2022 da Liga Atlántica de Billarda, Riveiro de APB A Laracha subcampión 2022 e Abel Ponte de Campo da Feira de Paiosaco terceiro posto 2022.

 

Esperando polas fotos de Charri que aínda nos as descargou, pois, na viaxe de volta estiveron parando en todos os furanchos e tabernas que hai desde Paiosaco a Bueu para celebrar a vitoria incontestable de Corredoiras. Finalmente, acabaron en Cabalo e alí queimaron as billardas en honor a Santo Risto Mejide.

XAN RODIÑO Campión Absoluto 2022 Liga Atlántica de Billarda Lúa de Forza Sanxenxo
TANIA DOS REIS QUIRAZ de Valpaços Terra Quente de Vigo Campioa 2022 Liga Atlántica de Billarda

ÓSCAR GARCÍA Campión Infantil 2022 Liga Atlántica de Billarda

ÚLTIMA HORA

Fotos de Charri

ULTIMÍSIMA HORA

Fotos de EGASA

NA FINAL DE VARADOS HOUBO QUE TIRAR DE TECNOLOXÍA 3D E 6.0 PARA MEDIR A DISTANCIA DAS BILLARDAS
NA FINAL TODA PRECAUCIÓN ERA POUCA E REFORZOUSE A LIÑA DE ENTRADA DAS BILLARDAS CON TRES ASISTENTES DE VARAL

Un comentario en «Finais 2022. Tania dos Reis, Xan Rodiño, Óscar García, Adri Pastoriza e Corredoiras campións da Liga Atlántica de Billarda»

  • Mis Felicitaciones mas sinceras y cordiales a todos los ganadores y campeones de esta gran final de billarda, por 1ª vez federada, en especial al Campeón absoluto XAN RODIÑO, que volvió a demostrar la calidad y regularidad que siempre le caracterizó.
    Tampoco quería dejar de enviar un afectuoso abrazo, a mi compañero de billarda y mas grande reportero gráfico EDUARDO GARCIA. QUE GRANDE ERES EDU!!!!!!!!!!!!..

    Resposta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *