Venres, Abril 19, 2024
ActualidadeXornada

Final Absoluta de billarda na Porta Santa, mouchos, curuxas e sapos espanta

A Final Absoluta da Liga Atlántica de Billarda ten un sistema de sorteo de grupos que nada ten que ver co da Champions nin co sistema de emparellamentos da ATP. Na billarda o procedemento é tan sofisticado e preciso que o entende calquera persoa. Iso si, hai que explicalo ao xeito, amodiño e con corrección gramatical e estruturas sintácticas subordinadas, e por suposto, con moi boa vocalización.

Son cabeza de grupo os campións e subcampións de cada Conferencia, Noroeste e Rías Baixas. Cousa que fará que non compartan grupo ningún destes catro xogadores, Adri, Collazo, Xan e Juan Carlos, pois haberá 4 grupos.

Os terceiros e cuartos clasificados de cada Conferencia, Óscar Ponte e Gándara polo Noroeste, Xan e Piru polas Rías Baixas, tampouco compartirán grupo entre si. Os terceiros irán ao grupo no que estea un subcampión de Conferencia. Os cuartos irán ao grupo no que estea un campión de Conferencia.

Nunca poden compartir grupo dous xogadores da mesma Conferencia. Polo tanto, xa se sabe que Collazo estará no mesmo grupo que Che, Adri no mesmo que Gándara, Xan compartirá grupo con Óscar Ponte e Juan Carlos compartirá grupo con Piru.

Todos os demais integrantes de grupo serán sorteados ao chou ata completar 4 grupos de 8 persoas cada grupo.

Ben, facer un prognóstico e acercalo ao que realmente suceda en Paiosaco o domingo é unha proeza só ao alcance do Oráculo de Delfos. Daquela, podemos dicir que o campión sairá de entre os 30 candidatos e 2 candidatas. Para precisar algo máis, a vitoria é caprichosa e nunca se deixa conquistar sen algunha que outra penuria. Así, para ganar hai que saber canalizar os malos golpes e dixerir os acertos sen demasiada fachenda.

Cada quen ten as súas fortalezas e as súas debilidades e combinando as dúas de maneira equilibrada o varal será unha meta accesible e gratificante. En definitiva, podemos axustar algo as nosas predicións e dicir que sería unha sorpresa maiúscula que ganara alguén sen entrar no varal coa billarda.

Da participación nesta final é de subliñar a presenza de dous xogadores en idade infantil, Abel Ponte (último ano de infantil) e o Raio Verde Xián (9 anos). Abel está á altura dos mellores e non sería unha sorpresa que se acercase ao podio. O do Raio é cousa de encantamento, pois, tanto golpea a billarda polo aire como polo vento. Mais, pensar nun posto de podio fáisenos demasiado portentoso. Será duro de roer no grupo no que caia, non obstante, despois de competir pola mañá en Infantil e en Equipos, o rapaz estará desfondado.

Bego e María Caride son as representantes femininas que se coaron nesta final Absoluta. Bego é unha seria candidata ao título e ninguén descoñece xa o seu potencial. Polo tanto, no grupo no que quede encadrada os demais competidores non se van relaxar o máis mínimo. María non está aínda ao nivel de Bego. Aínda así, ten golpes magníficos e pode encadear uns cantos bos seguidos e meter en apuros a quen queira pasar de grupo.

Adri e Collazo parten como dous dos favoritos para o título como primeiros das súas Conferencias, o mesmo que Xan, actual campión, e Ricar e Che, que xa saben o que é ser campión galego. Nun segundo chanzo situaríamos a Juan Carlos, Piru, Óscar Ponte e Gándara, que acaban nos postos de honor da liga regular. Despois, nun terceiro banzo situaremos xa a todos os demais, pois calquera pode dar a sorpresa nun día afortunado.

Resumindo, quen queira ganar e se atreva a facelo será porque teña acerto nos golpes determinantes e desacerto nos golpes intranscendentes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *