Últimas xornadas de Liga nas Rías Baixas e no Noroeste
Na Escola Naval de Marín Fari levouse a vitoria con elegancia e notable puntería. Corredoiras ganou a xornada sen grandes dificultades. En feminina Bego impuxo a súa superioridade. Nesta categoría foi onde houbo a modificación máis salientable, pois, Adriana que partía como cuarta clasificada desbancou a Lu que estaba en posición de podio. En Infantil o Raio Verde dominou de novo e a piques estivo de ganar a xornada, xa que, quedou segundo, tan só por detrás, do remeiro Fari. En equipos femininos continuou o dominio de Gharaboto.
A tarde quedou calorosa e húmida. Non houbo grandes puntuacións nin golpes espectaculares, tal vez, a proximidade das finais do vindeiro domingo 26 de xuño fixo que as xogadoras e os xogadores mantiveran unha discreta combatividade. Ademais, case todo estaba decidido e só unhas poucas prazas de finalista faltaban por asignar. Realmente, quen deu un paso ao fronte foi Luís Camiña e iso que xogou con limitacións por unha lesión persistente. Camiña conseguiu praza de finalista despois de estar a maior parte da temporada fóra deses lugares. O de Marín faltou a 5 xornadas e aínda así está dentro. Na Categoría Feminina, foi Lucía a que conseguiu entrar na última praza de finalista despois de conseguir entrar nunha carreira. Está empatada con Casilda e supera á xogadora de Gharaboto pola mellor puntuación nunha xornada.
Adri Pastoriza foi o gran triunfador da temporada. O mozo de 18 anos conseguiu alzarse co título de maneira brillante, con golpes fantásticos e cun final de temporada insuperable. Das últimas 5 xornadas ganou 3 e cunha media de ptos por enriba dos 13 ptos, algo inalcanzable para o resto. Aire fresco para a billarda e cun potencial enorme de mellora. Xa se sitúa como un candidato moi serio ao título galego. Terá que superar a dificultade de acudir por vez primeira a un evento destas características. Tamén, terá que superar aos mellores palanadores de Galicia tanto na fase de grupos como nas eliminatorias. Na final non hai grupos fáciles nin rivais débiles e desde o primeiro ata o último golpe hai que estar centrado e acertado. Veremos como se comporta o de Cangas.
Bego dominou a categoría feminina de maneira absoluta e as demais competidoras tiveron que loitar polos outros postos de honor. María Caride reafirmou a boa progresión da temporada anterior e foi segunda. Terceira quedou Adriana despois dunha irregular temporada. Da xogadora de Valpaços sempre se espera moito, pois é unha das xogadoras que foi campioa galega e a súa candidatura sempre está presente para calquera título. O potencial feminino das Rías Baixas completouse con Lu, Elena González, Mónica, Chefa, Belmira, Tania, Marisa e Lucía. Calquera delas poderá ser campioa galega o vindeiro domingo 26 de xuño, xa que, son candidatas a ese título.
Corredoiras estivo consistente durante toda a temporada e rematou moi forte a competición. Levouse o título, a pesar da oposición que tivo en algún tramo da temporada. Na final galega sairá como claro favorito, xunto con Campo da Feira. Lúa de Forza e Gharaboto fixeron o que puideron e nalgún momento da temporada Gharaboto incluso foi líder. Rinoceronte e Armadiña teñen un cadro de xogadores e xogadoras menor que as 3 grandes escuadras das Rías Baixas e non lles dá para aguantar toda a temporada loitando polo podio. Valpaços Terra Quente nota moito a ausencia de Tania e esta temporada faltou case a metade das xornadas, non obstante, mantívolle o pulso en equipos femininos ao todopoderoso Gharaboto.
En Infantil, O Raio Verde Xián estivo intratable e non sabemos os límites deste portento deportivo. Ademais, de ganar a súa categoría entrou entre os 10 primeiros da xeral absoluta. Hugo faltou a tres xornadas no tramo final da temporada e non puido loitar polo título con Xián. Antía demostrou un nivel excepcional e quedou en terceira posición desta categoría amais de ser quinta na individual feminina. Estes tres xunto con Mauro e Lucía son claros candidatos ao título galego e deberán poñerlle as cousas difíciles aos verdadeiros favoritos Abel Ponte e Óscar García do Noroeste.
Temporada magnífica na que o tempo fixo que ningunha xornada se xogase a cuberto, todas foron en exterior, cousa que tamén condiciona as puntuacións. En definitiva, nas finais galegas de Paiosaco do 26 de xuño é onde remata oficialmente a temporada e veremos o nivel que mostran as xogadoras e xogadores das Rías Baixas.
ACTAS
Despois de sumar os ptos desta última xornada as posicións de finalista quedan deste xeito (en cor ouro aparecen os nomes das persoas que ocupan praza de finalista. Daniel confirmou que non pode ir, polo tanto, a súa praza pasa ao seguinte clasificado na xeral. Se durante a semana algunha persoa causase baixa, a súa praza ocuparíaa a persoa que está na posición posterior. En categoría feminina, Yaiza tamén confirmou que non poderá acudir ás finais. Desta maneira, a súa praza pasa á seguinte clasificada na xeral. En Varados son 3 prazas de finalista as que hai. Estas finais serán o domingo 26 de xuño en Paiosaco. As finais Infantil, Varados e Equipos serán pola mañá e as individuais Feminina e Absoluta pola tarde.
Os podios finais da Conferencia Rías Baixas quedaron como segue.
FOTOCHARRI
NOROESTE
No noroeste rematou a competición xogándose no pavillón de Caión por motivos climatolóxicos. Esta circunstancia parecía que podía provocar algún cambio importante nas clasificacións xerais e non foi así, salvo no caso da categoría Infantil e por suposto, na categoría de varados. Óscar García veuse beneficiado polas altas puntuacións que se conseguen en superficie rápida e accedeu ao terceiro chanzo do podio final de Infantil. Juan Carlos de Campo da Feira ganou brillantemente a xornada e con 5 varados no seu haber acadou tamén o título de varados.
Desta maneira, os títulos Noroeste nas diferentes categorías quedaron como segue.
Sumados os ptos desta última xornada as posicións de finalista quedan deste xeito (en cor ouro aparecen os nomes das persoas que ocupan praza de finalista. Se durante a semana algunha persoa causase baixa, a súa praza ocuparíaa a persoa que está na posición posterior. En categoría varados, Collazo confirmou que non participará na final. Desta maneira, a súa praza pasa ao seguinte clasificado na xeral. En Varados son 3 prazas de finalista as que hai. Estas finais serán o domingo 26 de xuño en Paiosaco. As finais Infantil, Varados e Equipos serán pola mañá e as individuais Feminina e Absoluta pola tarde.
ACTAS
A temporada deixou o enésimo título de Campo da Feira que foi moi superior toda a temporada e non deu opción aos outros equipos. A novidade deste ano foi o salto cualitativo de Filloas que fixo máis atractivas as xornadas. O equipo herculino mantivo unha bonita loita ata as últimas xornadas co equipo APB A Laracha. A Filloas penalizouno a ausencia dalgúns xogadores na recta final do campionato. Aínda así, Filloas achegou esa dose de competencia necesaria para facer máis atractivas as xornadas. Cochiqueiros continúa coa súa aposta firme e irrenunciable pola sección feminina e pola sección semente. Así, este ano afianzou a súa presenza nas finais con dúas representantes na categoría feminina e coas incorporacións dos infantís Lucas e Aleixo.
Agora, o Noroeste deberá enfocarse nas finais do domingo 26 de xuño. Alí verase o nivel real desta emerxente Conferencia. Dous equipos do Concello da Laracha participarán na final de equipos e parten con posibilidades reais de título, co permiso dos tres grandes das Rías Baixas, Corredoiras, Lúa de Forza e Gharaboto, todos eles con títulos galegos nas súas vitrinas. Nas categorías individuais todo é posible. O certo é que en categoría feminina sería unha sorpresa maior que ganase algunha representante Noroeste. En infantil, en cambio, o gran favorito será Abel Ponte de Campo da Feira. En categoría Absoluta hai moitos candidatos, bastantes favoritos e ninguén está descartado.
FOTEGASA
Xa só queda felicitar a todas e todos os que fixeron posible esta temporada de billarda finalizada e animar a todas e todos os clasificados para as finais do próximo domingo 26 de xuño en Paiosaco.