Luns, Outubro 7, 2024
ActualidadeXornada

FIN DE SEMANA DE BILLARDA. MARÍN E A LARACHA.

A última xornada de liga, tanto nas Rías Baixas como no Noroeste, ten moito miolo e pouca codia que repartir. O miolo a repartir foi elaborado nos talleres de cerámica e madeira da Asociación Juan XXIII, que é unha organización dedicada á formación e promoción das persoas con discapacidade intelectual. Trátase dos trofeos que recoñecen ás persoas que finalicen en algún dos postos de podio das diferentes categorías durante a temporada 2021-2022. Moitos postos están xa definidos e outros faltan por decidir. Ben certo que haberá un anaco de codia para quen quede ao lado mesmo dese terceiro chanzo, que marca a distancia entre o miolo e a codia co que nutre a competición.

Estes extraordinarios trofeos entregaranse ao remate de cada unha das xornadas. Así, nas Rías Baixas xogarase no campo de herba da Escola Naval Militar de Marín. A entrega de premios da xornada e os Trofeos Finais de Liga será na Biblioteca Municipal Vidal Pazos, que está situada a poucos metros da Escola Naval.

As clasificacións están desta maneira a falta de disputar a xornada 16 e última. A Selección Sur está sen confeccionar de maneira definitiva e as prazas para participar nas finais 2022 de Paiosaco (26 xuño) deben definir as últimas prazas.

Esta maña tivo lugar o acto de presentación da xornada de billarda de Marín. O Clube Gharaboto representado por Luís Camiña acudiu ás portas do concello para facer a foto protocolaria xunto co coordinador de actividades deportivas, Antonio Caiña e co Director provincial de Deportes, Daniel Benavides.

Pola súa banda, o Noroeste entregará os seus trofeos o domingo en Soandres, A Laracha. Esta cerimonia terá lugar ao finalizar a última xornada.

O Campo de Ponte do Sal ditará sentencia naqueles casos que faga falta facelo. Dous frontes abertos. O primeiro para confeccionar a Selección Norte que se enfrontará á selección Sur, o 23 de xullo en Abegondo (televisado pola TVG2).


O segundo fronte sen pechar é o das prazas de Finais Liga Atlántica de Billarda 2022, que se celebrarán en Paiosaco, no campo de fútbol Porta Santa o 26 de xuño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *